Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
PAPEL E PRIMEIRAS NECESIDADES - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PAPEL E PRIMEIRAS NECESIDADES
?Sexo seguro, pero sexo?, cantaban Os Resentidos na súa peza Contra a sida rock and roll. Supuxera esta unha formidábel lección de serenidade ante aquela vaga de pánico e incerteza.
Sermos conscientes do risco e calibrar a maneira de actuar sen deixar de manter os costumes saudábeis, velaí a estratexia para combater a ameaza sen que o medo nos engane.
Hoxe, inmersos na maré de temores, recomendacións, vaticinios e teorías espalladas polo sensacionalismo, todos coincidimos nunha premisa esencial: permanecer no fogar fomentando a preservación xeral.
Mais, que facer na casa unha fin de semana enteira, ou catorce días coas súas catorce noites, ou no peor dos casos, un tempo indefinido?
Ler.
Á parte das obrigas e entretementos que cada un manteña e cultive, a lectura preséntase como unha eficiente práctica contra o tedio e as horas de forzado cónclave doméstico.
Mellor un libro ca un xornal (as noticias han ser monotemáticas), tanto ten en papel coma en pantalla, e por suposto, do xénero que adoite proporcionármonos máis gozo.
Están a reflectiren os medios unha esperanzadora nova: Miles de persoas visitaron as librarías nas últimas horas. Coa intención de adquiriren volumes cos que mitigaren o encerro que temos por diante, moitísima xente prepárase para un travesía do deserto social, fornecéndose do máis fiábel material de lecer.
É unha noticia reconfortante que se esgote o papel nos comercios do ramo, pois iso quere dicir que aínda nos momentos de incerteza extrema, a xente confía na literatura como bálsamo.
É o papel ?impreso- un artigo de primeira necesidade? Por suposto.
Sabedoría e coñecementos, lecer, calma, fantasía? Moitos, variados e benignos son os factores que medran ao abeiro da lectura, por outra banda, non ten por que abordarse sempre como actividade individual.
Agora que os habitantes dun mesmo fogar van ter que compartiren oxíxeno durante horas e días (despois de moito tempo sen o facer), poderán improvisaren pequenos clubes de lectura domésticos, foros nos que opinaren e departiren acerca deses libros que circulan pola casa, de cuarto en cuarto e de man en man. Deste xeito, irán fluíndo as recomendacións de títulos e mais os debates sobre preferencias, suavizando así o paso desas horas que todos temían compartiren, seguramente por falta de costume.
Algúns optarán polo libro electrónico, outros manteranse fieis á tradición do papel e mesmo haberá quen ature a corentena sen ler, evocando os días en que eran libres de achegarse a un bar para beber, a un parque para pasar frío ou a un centro comercial para empobrecerse, enriquecendo ao tempo a entidade bancaria á que lle venderon a alma contratando unha tarxeta, de plástico.
Confiemos no papel, por algo se esgotou estes días nos andeis dos comercios.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2020 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0