 É costume de Manuel Lourenzo ofrecer algún galano aos seus veciños durante a estadía estival no Valadouro, e este verao o regalo consistiu en dous recitais e mais dúas lecturas dramáticas; un luxo que tanto a poboación local como a ocasional gozou por dupla partida, pois Rexurdimento e Materna formaron parte da programación cultural de ambos os dous concellos do val.
Contounos Manuel Lourenzo que sendo neno enfermara de escarlatina, e conforme o costume da época, fora recluído no cuarto máis remoto da casa. Doente e illado do resto da familia, as longuísimas horas de soidade foron combatidas cun dos poucos libros que permanecía ao seu alcance. Así foi como o neno Manuel descubriu Cantares Gallegos, e de tal xeito xermolou a súa admiración por Rosalía de Castro.
Mesmo se aventurou aquel pícaro, marabillado pola arte dunha poesía que o impresionara grandemente, a escribir uns poemas, no entanto, unha inoportuna valoración paterna castraría temporalmente os seus impulsos versificadores.
Rexurdimento foi un evento onde se mesturaron impresións e declamación de senlleiras pezas poéticas, supondo, máis ca unha homenaxe, unha acordanza da significativa obra de Rosalía de Castro, de Curros Enríquez e de Eduardo Pondal.
Contounos o Manolo de Vilaúde que Rosalía, pese á mistificación á que foi sometida a súa figura, ?era unha persoa?, non en van, o dramaturgo recorda a filla da poeta polas rúas da Coruña, ?dona Gala paseando polo Cantón?.
De Curros díxosenos que era un escritor da acción, mentres que Pondal incitaba ao recordo, evocando un pasado mítico co obxectivo do enxalzamento da identidade nacional.
Moitos dos poemas foron recitados de memoria polo noso veciño, e se hai un título que mereceu unha gabanza especial, tal foi A xusticia pola man, esa composición rosaliana con absoluta vixencia.
Sen abandonar o bafo poético, Materna é un espectáculo teatral en que monicreques, timbres, chocas e algún atrezzo máis permaneceu na mesa do intérprete, pronto para ser empregado no momento oportuno. Aquí o Manolo de Vilaúde quixo facer resplandecer unha mostra da literatura dramática de Xesús Pisón, ?o mellor dramaturgo galego contemporáneo pese a ser un descoñecido?. Convén recordar que Manuel Lourenzo foi o único director de escena que levou obras de Xesús Pisón ás táboas.
Nos coloquios posteriores, o propio Pisón explicou que el non escribe pensando na representación, senón no hipotético lector. Confesou o dramaturgo a súa curiosidade polo ámbito da obstetricia, condicionado seguramente por un proxenitor veterinario, e recreou os numerosos partos vacúos presenciados, e a fascinación polo milagre dos embrións.
Hai un cuarto de século, Ei, Feldmühle! foi representada no Valadouro (nun polideportivo acabado de construír), desde aquela, ningunha peza do ferreirés volveu pisar un escenario valeco; se cadra, os varios grupos teatrais radicados nas terras do Douro deberían ir pensando en ensaiar algunha obra pisoniana.
|