 O mindoniense Antón Meilán leva décadas traballando no esclarecemento da historia do mariscal Pero Pardo de Cela, e decote sinala un triángulo xeográfico que, ao seu criterio, o pobo galego debe contemplar como área de elevado valor histórico: Tal é A Frouseira, o castelo do Castrodouro e a casa de Fonso Yáñez.
Todos tres lugares encóntranse no Alfoz do Castrodouro, e este foi o municipio escollido para presentar o pasado día sete Os últimos días do Mariscal (O testamento e a Igrexa mindoniense), un traballo publicado polo Seminario de Estudos do Valadouro na súa colección Cadernos do SEVA.
Na sala de conferencias da torre do Castrodouro, o profesor Meilán fixo fincapé na escuridade que, aínda hoxe, rodea a vida e a morte de Pardo de Cela.
Lendo este estudo, o lector decatarase de que o bispado mindoniense executou un papel tan sucio coma os secuaces da Coroa castelá, pois un mariscal poderoso e libre entraba en conflito cos intereses de ambas as dúas institucións.
Non é Meilán un investigador exento de paixón e nunca negou tal factor, mais non por iso carecen de rigor os ensaios da súa autoría, pois que o seu interese naceu, non de posicións ideolóxicas, senón da acordanza infantil do ?mito? que o pobo nomeaba con cautela e admiración.
Insistiu Antón Meilán durante a presentación en que o mariscal era un home do seu tempo, polo que as consideracións xurdidas no século XX (un heroe protogaleguista ou un sanguinario señor feudal) veñen sendo interpretacións xestadas desde ópticas de hoxe, nada homoxéneas ao pensamento dunha sociedade medieval.
Mais, tanto a Meilán como a outros intelectuais, non deixa de lles estrañar a profusa circulación dun romance laudatorio coma o Pranto da Frouseira, o emotivo contido da devandita composición, o silencio estendido arredor do persoeiro degolado en Mondoñedo, e sobre todo, a obsesión de certas institucións e historiadores actuais por desgaleguizar un anaco da historia que non figura nos textos e manuais escolares.
No tempo destinado ao coloquio, o público suliñou esta eventualidade; porque os deseños curriculares educativos non contemplan os episodios da Frouseira, do Castrodouro e de Mondoñedo? Cómpre ter en conta que o cerco á fortaleza onde foi traizoado o mariscal durou dous anos, e que o apresamento e a execución do nobre virou drasticamente o curso histórico da Galiza, no entanto, o silencio continúa a nos negar a clave para entendermos a nosa Idade Media e o devir posterior.
Comentounos don Antón que hai anos, unha sociedade cultural demandara da Xunta unha subvención para a publicación da súa obra O ?mito? do mariscal Pardo de Cela (historia, lendas e literatura) (2004), porén, tras a revisión do texto nos despachos autonómicos, a axuda foi denegada. Noutra ocasión, o filólogo mindoniense enviou un conto de temática mariscaliana ao certame literario convocado por un xornal lugués, mais o texto nunca foi publicado. Endebén, tal conto vería a luz uns anos despois grazas á focega libraría Bahía.
Por todo isto, é preciso que as entidades culturais comprometidas coa causa da veracidade se esforcen en achegaren luz sobre ese anaco (un máis) de historia que nos negaron, pois todos somos vítimas do ocultamento e ao tempo debedores dunha realidade histórica que nos fixo tal e como somos, un pobo cunha identidade tan viva como cuestionada.
Imaxe: Escudo de armas do mariscal Pardo de Cela
|