 Quen lembra a primeira representación teatral á que asistiu?
Non falamos da primeira obra clásica ou da primeira comedia, tampouco da primeira vez que se gozou do teatro de rúa; preguntamos por esa ocasión en que descubrimos a vida en falsete, a máxica convención entre intérpretes e público.
Tivo que ser na escola, xaora, e non supón unha má maneira de se abrir á arte dramática: rodeado de compañeiros, de docentes e dos muros onde se recibiron as primeiras letras.
Así aconteceu no meu caso. Foi no colexio Nuestra Señora de la Paloma, un centro de ensino encaixado no Madrid castizo, entre a Carrera de San Francisco e a calle Tabernillas.
Alí, nun salón de actos dotado de piano, celebramos a derradeira fin de curso da EXB, iniciándonos á arte de Dionisos. Previamente, un dos actores arrincara o sorriso do público facendo unha imitación dun famoso humorista da época, un desaparecido barcelonés que adoitaba introducir termos cataláns no seu espectáculo.
A seguir, cando o interese do respectábel fora captado, chegou o teatro.
Creo lembrar que o título da obra era El remo del marinero, e recordo perfectamente o argumento e algún aspecto do exiguo vestiario do elenco.
Non hai moito, descubrín que tal obra estaba baseada en El mariner de Sant Pau, unha narración do catalán Jacint Verdaguer.
Despois viñeron moitas máis obras, mais aquel remo asido por un compañeiro caracterizado de mariñeiro mediterráneo, significou o primeiro contacto coa escena teatral.
Uns meses antes xa visitara dous teatros senlleiros, mais non para asistir a ningunha representación dramática. Estivera (coa familia) no Teatro de La Latina, onde asistira a un espectáculo musical encadrado nese xénero coñecido como revista, e mais no Teatro Real (co colexio), onde descubrira a música clásica.
Hoxe, o teatro ?invadiu? as casas da cultura, os bares e outros espazos públicos, de tal xeito que moitas persoas, gozan desta arte escénica sen necesidade de pisar un teatro tradicional. Non é mao que o teatro se aproxime á vida cotiá, é negativo que a mudanza se teña producido pola crise que baleirou as arcas das administración públicas.
Van aló moitos anos desde aquel descubrimento a través de El remo del marinero, no entanto, cando leo a Shakespeare, a Cunqueiro ou a Lourenzo, creo que a miña mente sitúa o texto, instintivamente, sobre aquelas táboas humildes e precursoras de La Paloma.
Dubido moito que na actualidade, nun colexio de Madrid, se representase un texto escrito orixinariamente en catalán por un simbólico persoeiro das letras catalás. Mágoa, que o pensamento único e uniformador teña prosperado tanto nos últimos anos.
Jacint Verdaguer (1845-1902), convertérase daquela nun rostro coñecidísimo grazas á fábrica estatal de moeda e timbre, pois a efixie do autor aparecía no anverso do billete de cincocentas pesetas; quen sabe se o diñeiro logrou homologar a un disidente.
Imaxe: Colexio Ntra. Sra. de la Paloma (á esquerda). Madrid
|