Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A REBELIÓN INERME - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A REBELIÓN INERME
A casualidade levoume estes días a ler un relato de Augusto Roa Bastos, un pequeno gran texto escrito entre as décadas dos ?50 e os ?60 cun obxectivo nidio, denunciar os abusos dos corpos policiais e militares sobre a poboación civil.
A fábula enxeñada polo paraguaio vén sendo unha invocación, un chamamento á necesaria sensatez de quen traballa con ferramentas de pólvora á hora de actuar contra a cidadanía, polo xeral inerme.
La rebelión apela á cordura, ao raciocinio e á aplicación do sentidiño cando a masa social, case sempre impelida e asistida pola razón, abandona os fogares para reclamar o que á lei vixente lle pasou inadvertido.
Pese a que don Augusto fai referencias -máis ou menos veladas- aos excesos frecuentes nos estados do cono sur americano, toda a inxustiza reflectida pode chegar a resultarnos moi familiar, nomeadamente nestas datas de infausto recordo.
La rebelión fala dun exército sorprendido por unha mobilización de mulleres no medio dun ambiente de tensión extrema. A insurrección pacífica, ameazada por uniformados co dedo no percutor, exixirá que as armas non bradan contra quen non as esgrime.
No conto de Roa Bastos, os soldados máis lúcidos obedecerán o mandato do pobo que lles paga a soldada, para acabaren liquidando aqueles mandos fanáticos que adoitan confundiren disciplina con sadismo.
É lícito que centos de persoas armadas ataquen a poboación que exixe mudanzas no seu status social? Entra nas marxes da democracia que servizos policiais ou corpos militares actúen movidos por posicións ideolóxicas?
A disidencia, amais dun dereito lexítimo, convértese nunha obriga moral cando o poder estabelecido, normalmente auxiliado por forzas laterais (medios de comunicación, servizos de intelixencia, prohibicións, ilegalizacións, acalamentos?), emprega os seus hoplitas como freo das arelas dun pobo.
O que don Augusto nos insinúa, é que o axente da lei está obrigado a calibrar a súa actuación ?por moito que o encirren gobernos e tribunos- motu proprio, pois o emprego das armas adoita tornarse irreversíbel.
Quen lea La rebelión, acabará considerando un bo profesional da seguranza a quen non arremete contra o pobo indefenso (mesmo ignorando imprecacións), e polo contrario, decatarase de que o auténtico perigo radica nos xerifaltes que arelan a confrontación, enviando funcionarios de mente estreita na busca de heroicidades e adrenalina.
Porque cando o poder teima en fustrigar a cidadanía (con lei, sen lei ou con leis obsoletas como coartada) o uso da autodefensa fica lexitimado, e don Augusto Roa Bastos ?gran experto en excesos e delirios do poder- deixóunolo ben clariño en perfecto castelán de América: ?La represión siempre produce el contragolpe de la rebelión?.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-10-2018 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0