 Aprendín estes días que a Deputación da Coruña conta con varias naves onde atesoura miles de libros; almacéns ateigados de publicacións institucionais á espera de destino e lectores.
Describíramos hai unhas semanas a xornada do 22 de abril en Bertamiráns, e mais os achados literarios que o ente municipal propiciara nas prazas da localidade; tratábase realmente, dunha práctica simultánea nos concellos da provincia da Coruña (cando desbotaremos a artificialidade das provincias?), e grazas a iso, fíxenme con varias obras galardoadas co Premio Miguel González Garcés de Poesía.
Veño de ler Cartografía do exilio, de Baldo Ramos, a quen puiden escoitar ao vivo na segunda edición do ?Mondoñedo é poesía?.
Esta obra foi premiada hai tres anos, e desde logo, trátase dun poemario con moitas horas de cicel. Descóbrese durante a lectura unha esgotadora procura de termos acaídos e seguramente innúmeras consultas ao dicionario; é dicir, un traballo exhaustivo, e por riba, belo. Estas cualificacións sei que poderían seren aplicadas a moitísimas obras poéticas, mais na escrita de Ramos non se detecta a presenza de concesións ao termo de encaixe casual, nin se observa permisividade co verso sinxelo. Mesmo semella que o autor se recrea na complexidade.
Que ninguén busque as maiúsculas no texto de Ramos, foron desterradas. Este é un trazo que veño de apreciar noutro poeta actual, Eduardo Estévez; a quen tamén tiven o pracer de escoitar nun recital.
Emprega Baldo Ramos unha sintaxe cumprida e requintada, exixindo a máxima atención do lector, ou precisando por veces a relectura do verso con distintas cadencias, para chegarmos así a unha óptima interpretación.
A emoción do amor, a escrita terapéutica e a paternidade son temas transversais nun poemario con cita literaria ao principio e ao final.
Versos potentes e rotundos para ler e reler, e mesmo anotar.
O libro do que falamos naceu no Golfo Ártabro no outono de 2014, floreceu de novo esta primavera nas ribeiras do Sar, e mora agora nas terras do río Douro? O Douro do Xistral e o Cantábrico; e máis do castelo do Castrodouro.
Que sexa por moitos anos.
|