Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
COMÉZASE LIBERANDO LIBROS - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

COMÉZASE LIBERANDO LIBROS
Dixo Castelao que os cruceiros representan a confirmación do arrepentimento e mais un perdón concedido polo ceo; non sei por que, ver un libro solitario agardando por alguén que o adopte temporalmente, evócame a solemnidade da ofrenda e mais o recollemento da penitencia.
Algo diso tivo a sensación que percibín ao vivir ?por vez primeira- a experiencia da liberación dun libro.
É coñecido tal xogo ?coido que se trata diso por riba dun ?movemento?- coa denominación de book crossing nos países anglófonos e livros livres nos lusófonos. ?Leve, leia e liberte!? reza o lema dos libertadores brasileiros, ?Ramassez moi!? (recólleme!) claman as etiquetas dos libros esquecidos nas áreas francófonas, xa que poucos lugares do mundo permanecen alleos á devandita práctica.
Existen seguementos a través da Rede, convencións de liberadores de libros e toda clase de variantes desta habitude, mais a esencia radica en que os volumes viaxen facendo adeptos á lectura.
Non fun o iniciador da liberación que veño de executar, senón que o libriño veu cara a min. É longo de contar é vulneraría a liturxia adoitada, amais de rachar o encanto.
O libro en cuestión, a quen chamaremos Sovsvái, foi recollido nunha localidade bañada polo Cantábrico, morou confortabelmente na miña biblioteca, tivo compañeiros da súa especie e tamén foi veciño de compactos coas xoias do cinema universal; si, Sovsvái é un libro de mundo.
Compartimos teito durante un mes, foi lido con devoción ?o autor é un prócer das letras galegas-, tiráronse notas das súas páxinas, ricas en datos e citas fermosas, recibiu o agarimo que todo letraferido dispensa a un libro co que gozou, e hai uns días, comezamos a ventar a despedida.
Sabiamos, tanto Sovsvái coma min, que finalizada a lectura, a viaxe debería continuar. Observei, cunha mestura de melancolía e ledicia, como deixaba un oco entre as compañeiras máis próximas, obras de Poe, Dostoievski, Burgess, Manuel María, Emili Teixidor, Iglesia Alvariño, Garcilaso?
E onte, tras lle colocar o pasaporte coas instrucións precisas para que sexa recoñecido como libro libre polo mundo adiante, acompañeino até un lugar onde, intúo, apenas tería que agardar uns minutos pola chegada dun novo lector. Tomeille unhas fotos e alí ficou, pousadiño e resgardado da chuvia.
Sei que a tales horas Sovsvái xa estará nun novo fogar, coñecendo novos compañeiros de andel e marabillando outros lectores, porén, o bibliómano non pode evitar un certo esgazamento emocional no instante en que ese libro co que compartiu horas de lectura, marcha á procura de novas experiencias e latitudes.
Quero imaxinar que na andaina posterior ao noso encontro, levará o pracer da lectura a unha persoa que nunca pensara en libros, que fará que outras obras do seu autor sexan demandadas nunha biblioteca municipal dun afastado concello, e mesmo que obrará o milagre de forxar a paixón literaria nunha crianza que mañá será un autor de prestixio.
E quero pensar, que algún día saberei del.
Aburiño Sovsvái! Proclama e propaga a liberdade!

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-01-2017 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0