Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A INESCRUTABILIDADE DOS BEST SELLERS - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A INESCRUTABILIDADE DOS BEST SELLERS
O conto comezou cando, lendo o ?Fugas?, o suplemento cultural do xornal La Voz de Galicia, souben que aquel éxito musical do grupo La Unión intitulado Lobo hombre en París, xurdira a partir dun relato de Boris Vian.
Procurei algo de información verbo do autor francés e vin que na listaxe das súas obras aparecía Cuspirei sobre as vosas tumbas; acordoume que tal título figuraba na miña biblioteca desde había anos nunha versión en castelán, e decidín darlle unha oportunidade.
Desta volta, o libriño gozaría dos seus catro ou cinco días de gloria, nun pedestal erguido sobre mesiña de noite.
A miña pregunta, antes de lanzar ao vento outras cuestións (porque a crítica canoniza obras menores? Non o entendo; porque o fai o público? Case o entendo máis; porque o fai o sector editorial? Vou entendéndoo mellor?), é: Porque se converteu nun best seller, isto?
Quen desexe un manual de orxías, ou encontrar un exemplo de hard boiled escrito orixinariamente en francés, ou quizais unha novela con título efectista propio do cómic, velaquí o seu libro. Nada de negativo teñen tales características, mais, manexadas de xeito predecíbel por un autor que, intúo, pretendía elaborar un relato breve que se lle escorregou, a factura final queda eivada.
Alén dalgunha frase enxeñosa, non estamos diante dunha grande obra, coido que ficou claro. Mais podemos dar con cousiñas interesantes, nomeadamente se temos en conta que falamos dun texto publicado en 1946.
Unha linguaxe procaz por veces e embozada noutras ?reitero que estou a falar dunha tradución-; unha primitiva mostra da denominada cultura queer e mais unha estrutura da obra, cando menos, pintoresca.
O lector descubrirá unha curiosidade, a partires do capítulo 23, a voz narradora muda da primeira á terceira persoa; as singularidades non rematan aí, pois estamos a falar dunha novela de 24 capítulos, e o derradeiro consta soamente de tres liñas.
Pretendía o autor, con este textiño, denunciar o racismo en Norteamérica? Se tal houber, saíulle mal.
Manexei un volume publicado pola Editorial Planeta en 1986 a partir dunha tradución de Pablo Melero; na capa -a toda cor-, pode lerse a referencia Best Sellers-Serie Negra.
Do desconcerto que me produciu ver que tal obra era promocionada coma un supervendas xa falei abondosamente; agora falemos da clasificación literaria.
Os incondicionais do noir enfrontaranse a un texto cun escaso vínculo cos clásicos do xénero. Así que, se cadra, estamos a falar do libro das decepcións.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-10-2016 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0