Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
RETRINCOS POR RISCO E REI: ELOXIO DA VIDA - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RETRINCOS POR RISCO E REI: ELOXIO DA VIDA
Pode parecer nunha primeira ollada ?rápida ou irreflexiva-, unha adaptación ideoloxizada, feita por encarga ou mesmo confeccionada para espertar conciencias a través de mensaxes implícitas. Se algo houber de mao en todo iso, teriamos achado a fenda pola que introducir unha crítica negativa, mais non hai lugar a tal.
Retrincos de Castelao, interpretada por Isabel Risco e Fran Rei, é moito máis, ou cando menos, algo máis ca unha mensaxe contra a alienación que pode ameazar as colectividades nacionais minoritarias, as lenguas minorizadas ou eses pobos que, paternalmente, outros pobos consideran (ás veces trátase tamén dunha autoconsideración) menores de idade.
Esta obra é un eloxio da vida, da esperanza e da confianza nun futuro que non vén dado, senón que é labrado polos individuos e xa que logo, polo colectivo. Ao cabo, a transcendental mensaxe (agora si) que nos legou Castelao; lembremos aquilo de ?non critiquedes a obra, traballade nela??
A profesionalidade de Risco e Rei queda patente na hora e media que pode durar o espectáculo. Estamos a falar de dous actores que deben sacar adiante un gran número de roles, ás veces nun tempo mínimo e coa acción apuxando, unha acción que non deixan decaer en ningún momento, e que, lembremos de novo, depende totalmente de dúas persoas sobre as táboas.
A convención, ese elemento máxico e fulcral do teatro, fica espida e maxestosa no desenvolvemento desta interpretación. Rei e Risco mudan de vestiario en pleno espazo escénico ou procuran un escaso refuxio cando a trama o require, e é aquí, onde o espectador novel comprenderá definitivamente a diferenza entre a obsesión pola secuencia da sétima arte e a supeditación ao texto da arte milenaria do drama, xa que logo, un hipotético público inexperto terá a oportunidade de asumir a distancia entre a imaxe e a palabra, xermes de dúas disciplinas con parentesco afastado.
Detrás de Retrincos de Castelao está a Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial de Lugo e, xa a nivel local, a Área de Cultura do Concello do Valadouro, entidades que non quixeron deixar pasar o Ano Castelao sen render homenaxe ao irmán Daniel. Mais quen poñen en andamento un espectáculo con certa complexidade e ritmo trepidante, son Fran Rei e Isabel Risco, e fano con destreza.
A representación componse de contos de Castelao convertidos en pezas teatrais; a escolla é acertada e pode lograr que moitos espectadores decidan achegarse ás obras do rianxeiro na busca de máis relatos ou máis viñetas. Xa o dixemos, un acerto.
Tempo de anécdotas: unha das narracións teatralizadas tamén foi adaptada polo dúo Aldaolado no seu espectáculo Sempre en Ibiza, o pasado ano. A min, continúa a porme a pel de galiña calquera das dúas adaptacións, mais aquí, permítaseme, o mérito é de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, que legou para a literatura, o conto máis tráxico, triste e anguriante da cultura atlántica. Falamos da historia daquel pai que requiriu os servizos do autor en plena noite, preocupado polo seu fillo doente. Un retrato a lapis da miseria, e nunca mellor dito.
Léano, ou véxano sobre as táboas, teñen varias opcións, e xa nunca permanecerán indiferentes á obra de Castelao.
Restan dous meses e medio de Ano Castelao e Risco e Rei ben seguro que aínda levarán a obra por varias localidades, aproveiten a ocasión, paga a pena.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-10-2016 15:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0