 Ler As crónicas do sochantre cando o ar comeza a recender a bestas bravas, polbo en caldeira de cobre e oito días de festa na cidade da Paula, resulta, seino, un alarde de sibaritismo literario, mais, xa temos comentado nestas páxinas que existen adiccións e praceres imbatíbeis.
Ler a Cunqueiro en outubro, cando a festa das San Lucas vai sinalar o esmorecemento do verao (vrao, como dicimos aquí, na rexión dos Tres Vales), vén sendo como ler a Gabo camiño de Aracataca (ou Cataca, como el prefería) ou ler a Cabanillas no Día da Patria; un exceso de emocións arraiano na lascivia bibliómana.
N?As crónicas do sochantre o lector encóntrase (reencontrámonos) cun Cunqueiro en estado puro, co Cunqueiro máis cunqueirián, co clásico, co que transcendeu e figura nos libros de texto; con ese don Álvaro que procuramos cando nos decepcionan os títulos do mercado, eses libriños que o prelo rexeita ?instintivamente- e os chaláns da literatura teiman en nos meter polos ollos.
E xa que falamos de órganos oculares, mencionaremos a continúa recorrencia do esoterismo que envolve os invidentes na Bretaña, algo que o autor aproveita para indultar e librar da guillotina ao cego de Guimiliau. Quen sabe se non se inspirou na súa amizade co cego de Viloalle, o cego das Mirandas e o cego de Lexide, que todos eran un, para crear un personaxe privado de luz.
Mais o lector ?cunqueirián ou non- gozará especialmente dunha peza dramática que don Álvaro insire no texto. Romeo e Xulieta famosos namorados é unha obriña inspirada nos personaxes ideados por Shakespeare, onde o autor mindoniense verte a súa arte con xenerosidade ilimitada.
Como é que aínda non se fixou nesta peciña ningún grupo de teatro amador do hinterland cultural mindoniense?
Casualmente lin estes días, nunha publicación especializada, unha alusión ao transxénero literario; é dicir, esas obras que dificilmente podemos acomodar na despótica taxonomía da letra impresa.
Velaquí un exemplo de manual de literatura. Que é As crónicas do sochantre? É un conto, unha novela curta, un drama ou secadra un ensaio literaturizado sobre a mitoloxía da morte nos países atlánticos?
A vocación dramática fica patente nun detalle revelador: O texto inclúe un minucioso dramatis personae.
Coma sempre, o lector terá a última palabra, e a súa opinión constituirá a única crítica válida para outro lector.
As San Lucas de Mondoñedo están a cumprir 860 anos, don Álvaro faría 105 neste 2016, hai 35 que nos deixou e 25 que se lle adicou o Día das Letras Galegas, son moitas cifras simbólicas como para deixar pasar a ocasión sen reabrir, reler e gozar de novo, unha obra de Cunqueiro.
Eu xa o fixen neste mes das San Lucas e non priva que repita. A atmosfera mindoniense é rotundamente sedutora ?nomeadamente en outubro-, os textos de Álvaro Cunqueiro -sitúese onde se sitúe a acción- teñen un moito da cidade da Paula, e iso, para os letraferidos é unha garantía. Viaxar a Mondoñedo, mercar un(s) libro(s) e introducirse na festa máis antiga de Europa, resultará, cando menos, unha experiencia inesquecíbel.
Se por calquera cousa deben adiar ou prescindir da viaxe, lean algunha obra daquel señor que está sentado na Praza da Catedral. Pura literatura.
|