 Afortunadamente, hoxe Agatha Christie pode se ler en galego, mais a miña biblioteca atesoura volumes de épocas en que a lingua galega aínda carecía de recoñecemento, institucional e social, e as traducións non abundaban.
O libro que manexei ofrece dúas obras da autora de Devon: Diez negritos e El asesinato de Rogelio Ackroyd. Teño escoitado moi boas críticas do primeiro título; mesmo afirman, voces autorizadas, que se trata da obra cimeira de dona Agatha.
O exemplar da miña biblioteca foi editado polo Círculo de Lectores en 1971, a partir dunha tradución de Orestes Llorens revisada por Raimundo Aliaga. A encadernación é de calidade, en tapa dura e con deseño de Yzquierdo.
Así que me aproximei á Illa do Negro cun libro de Agatha Christie baixo o brazo e unha evocación recorrente durante a viaxe, o espírito de Conan Doyle rondaba polos cantís.
Encontrarase o lector cunha presentación de personaxes máis propia do enceto dunha obra teatral ca do comezo dunha novela; deformación ben sei, buscada, ou inconscientemente dispensada por unha autora que cultivou a dramaturxia, e que non cesa, na presente obra, de introducir chiscadelas dramáticas.
Con todo, o comezo da obra resulta algo confuso e pesado, pois que o devandito texto agradecería unha renuncia á estrutura liñal, contribuíndo así á cadencia do desenvolvemento.
O lector agradece a chegada á mansión (mil veces reproducida no audiovisual) onde se desenvolverá a trama da novela para poder situar e interiorizar os personaxes, numerosos e tan desprecatados coma o propio lector nesa altura.
É unha novela coral e iso significa abordar o manexo de maquinaria pesada, en primeiro lugar por parte do autor ?noraboa dona Agatha, porque mover un argumento destas características demostrou moita habelencia- e despois para un lector que, ás veces, achégase aos libros pensando que tales instrumentos non requiren esforzo.
Volvamos aos primeiros minutos na mansión Owen; supoño que non fun o único lector que lembrou outra recepción mítica nunha residencia xurdida do enxeño literario: Drácula. As coincidencias, casemente, rematan aí. Agatha Christie perfilou ben os seus personaxes, nomeadamente os masculinos.
Secasí, pode haber outro factor irmandador. Tanto unha novela coma a outra, foron orixe de múltiples versións e adaptacións, sobre todo no eido audiovisual; entendo que no caso de Dez negriños co ánimo de recrear uns escenarios rotundamente cinematográficos, e no caso da obra de Bram Stoker, para a perfeccionar.
Exhala, esta novela que navega entre o noir puro e o misterio ?de cordel? (non é unha cualificación pexorativa), un recendo a enunciado aritmético, necesario seguramente para desembaltrar a trama e ofrecer unha resolución. Acho que este debe ser o principal motivo polo que non son un grande usuario do xénero negro, polo adoitado cerceamento da espontaneidade a cambio de cadrar pezas e resolver incógnitas; exercicio que recorrentemente me trae a evocación do encerado, o xiz e unhas interminábeis clases de matemáticas.
Moito traballo se acocha tras unha obra que presenta un resultado óptimo para esa lexión de lectores que buscan entretemento e horas de distracción (ollo! cumprirá cismar e reler parágrafos).
Porén, non todos exiximos as mesmas cualidades e propiedades a unha novela. Así e todo, confeso que no instante en que rematei a lectura de Diez negritos e coñecín o desenlace, considerei, que era ese o momento acaído para afrontar, de novo, a interpretación do texto.
Por agora, non vou sucumbir á tentación.
Imaxe: Capa dunha edición en portugués.
|