
Familiares, compañeiras de traballo e amigos, reunímonos na praia da Marosa, en Burela, para compartir coas ondas o recordo de Adelina.
Adelina Fernández García deixounos o pasado 8 de abril, mais ficou entre nós un rostro risoño, unha voz docísima e unha exemplar querenza pola Terra.
A nosa amiga Adelina descubrira a Castelao en latitudes migratorias, lendo Sempre en Galiza nas praias de Cádiz e achando a identidade propia e proscrita. Así nacera á causa dos bos e xenerosos.
Por iso, e porque Adelina deixou pegadas imborrábeis, o 28 de maio, quen a quixo e a prezou, optou pola poesía galega para render homenaxe á súa memoria. Ao cabo, a poesía reproduce, segundo os expertos, a rítmica do corazón.
Tras unha breve lectura na Marosa, o mar recibiu os restos da amiga recordada, e unha manchea de flores acompañou a viaxe de quen fica, para sempre, sorrindo entre nós.
A seguir, a comitiva partiu cara a Morás, en Xove, onde os versos de Curros Enríquez e Manuel María resoaron efusivos na pedra vedraña erixida sobre os cantís.
?Do mar pola orela
mireina pasar
na frente unha estrela,
no bico un cantar.?
Tal estrofa, xurdida da pluma de Curros cando Rosalía marchou cara ao parnaso dos bardos das idades, reza agora nunha placa que o amor dos seus ditou para a posteridade.
Oficiou como mantedor da cerimonia un bo amigo da familia, o incansábel dinamizador cultural, Bernardo Penabade.
Entre poemas e silencios fomos lembrando vivencias e ollando con saudade a inmensidade oceánica onde a compañeira repousa xa.
Mar da Marosa, de Morás ou de Cádiz; todos foron, todos son! fogares da nosa amiga Adelina.
Que a ninguén lle estrañen ondas tenras de fala mainiña.
Sorrí o mar batendo,
bate escuma sorrindo
e brúa asubíos,
en maina foula femia.
Habitas, pois que VIVES
nos nosos mares de gratitude.
|