 O libro está velliño e xa chegou así á miña biblioteca; trátase, dun libro profillado. Adopteino nun mercado mariñao e pese á súa modesta fasquía, ben merece unhas liñas de protagonismo nestas páxinas literarias.
Intitúlase Para leer al anochecer, contén cinco contos de Charles Dickens e foi publicado en humilde edición non venal polo xornal El Mundo en 1998, facendo o número 39 da colección ?Las novelas del verano?.
A denominación xenérica do volume é outorgada polo título dun dos contos, orixinariamente intitulado To Be Read at Dusk; a tradución ao castelán correu a cargo de Domingo Santos e loce na capa unha ilustración de Ricardo Martínez.
Quen asocie a literatura de Dickens ao realismo de nenos pobres e esfarrapados descubrirá neste libriño que o xénero fantástico non lle era nada alleo e cultivábao con fortuna dabondo.
A miña solidariedade de letraferido vese na obriga de facer unha advertencia: A quen se achegue aos relatos do alén creados por don Charles, apareceráselle irremisibelmente o pantasma de Poe. Como se me apareceu a min durante a lectura.
Con todo, resultoume máis confortábel Dickens ca Poe, verdadeiro mestre do engrellamento narrativo.
O autor inglés e mais o norteamericano chegaron a coñecerse, non podemos falar dunha relación de amizade nin moito menos senón de cortesía e mais dalgunha demanda de acorro por parte do bostoniano.
O máis grato descubrimento que efectuei lendo estes relatos fantásticos de Dickens foi o encontro con algún elemento ?idéntico- da mitoloxía galega. Lean o relato que dá título ao volume e atoparanse coas crenzas dos galegos doutrora.
Para min, a referencia que decontado me evoca a Charles Dickens é Un conto de Nadal, mais non a novela ?que nunca a lin- senón unha adaptación para a televisión (non lembro ben se era en debuxos animados) que adoitaban emitir Nadal tras Nadal cando quen isto escribe era neno.
Pregúntome se as adaptacións ?cinematográficas, televisivas, ilustradas, etc.- son favorábeis para a valoración da obra dun autor.
De boa gana asistiría a un debate sobre a cuestión formulada. E continúo preguntándome: As versións adaptadas contribúen ao fomento ?ou non- do interese do lector antes de se achegar á produción literaria dun autor? De que maneira?
Desde logo, o hipotético debate tería de enunciar e responder, ademais, estas cuestións.
Volvamos á infancia evocada, o recordo daqueles nadais dickensianos regresou a min en canto lin Historia de los duendes que secuestraron a un sepulturero (The Story of de Goblins who stole a Sexton), onde o recurso do castigo onírico para provocar unha reflexión e unha mudanza na conduta, xorde de xeito ben parecido ca na novela curta mencionada anteriormente.
Outro descubrimento ?grato- foi que o autor que nos ocupa introduce certos relampos humorísticos nos seus contos de medo, mestura que exixe certa mestría á hora de fabular.
E outro máis (unha constatación realmente) foi, que aquelas historias creadas ou recreadas hai douscentos anos por Dickens, continúan vixentes no lendario urbano actual ou no repertorio dos modernos investigadores do paranormal. Ao cabo, dous séculos non son nada cando se trata de pantasmas; despois de todo, a eternidade non adoita admitir mudanzas doadamente.
Oliver Twist (outro libro profillado) agarda na miña biblioteca pola súa quenda, estou certo de que as lembranzas audiovisuais voltarán traizoar coas súas impurezas o achegamento á obra máis coñecida de Charles Dickens. Por certo, a devandita novela e algún título máis, contan con versión en lingua galega.
E despois disto, máis tarde ou máis cedo, haberá que se achegar polos mundos de Lovecraft, autor ben prolífico.
|