 Morreu Balbino.
A Habana, Bos Aires e as galizas das latitudes todas, gardan loito por un neno que legou as súas memorias a un pobo que ás veces semella non ter superado a infancia.
Coido que foi a comezos da década do 2000 cando vin a Xosé Neira Vilas por primeira vez. Viña inaugurar unha fonte co seu nome na Finca Galea. O escritor era un dos intelectuais asiduos do verxel alfocés (Manuel María, Suso Vaamonde, Paco Rivas, Leal Bóveda?); puiden ver como algún fervente lector lle achegaba os títulos presentes na súa biblioteca particular para seren asinados, ritual ao que se prestou con gusto o emigrante de Gres. Naquela altura, aínda o acompañaba a súa inseparábel Anisia.
Algúns anos despois, no verán de 2010, Neira Vilas pronunciou unha conferencia na Casa da Cultura de Ferreira; a disertación levaba o título ?ben revelador e acaído- Que lle debe Galiza á Emigración?
Falounos don Xosé da Emigración Galega e as súas resonancias, de literatura e proxectos literarios alén mar, de Xan de Masma, mindoniense autor d?A Besta!, a ?primeira novela social galega? e de centos de referencias e anécdotas que ilustraron un auditorio herdeiro e debedor da sociedade habaneira ?El Valle de Oro?, feito que tivo presente don Xosé, pondo colofón á conferencia coa doazón duns documentos do devandito colectivo ás autoridades locais.
Foi interrogado o escritor sobre as polémicas e porfías orixinadas pola convivencia en desigualdade do galego co castelán; e afirmou don Xosé que esas loitas dábanse nos ámbitos políticos mais non chegaban nin se reproducían entre a xente do común. Discrepo.
Foise Xosé Neira Vilas, o home de Gres. Unha testemuña daquilo que escribiu Manuel Rivas nun artigo tan lúcido coma reivindicativo: ?Galiza naceu en América?.
Unha homenaxe posíbel? Ler Memoria da Emigración, tres volumes de Ediciós do Castro que atesouran unha porcentaxe nada cativa dos episodios e fitos da Emigración Galega. Na Biblioteca Pública de Alfoz -concello que visitou ben veces o autor e no que deixa amigos-, tal obra figura ao dispor dos lectores; pois que un servidor demandou este acto de xustiza hai anos.
Imaxe: Anisia Miranda, Otero Pedrayo e Neira Vilas en Bos Aires no ano 1959.
|