Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
BAIXO O ATERRADOR RETORICISMO DE POE - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

BAIXO O ATERRADOR RETORICISMO DE POE
Cruceime coa obra de don Edgar varias veces na vida e por razóns e vieiros ben distintos; tales encontros comezaron cedo, alá polos tempos do Bacharelato, cando nas clases de Literatura (nas que gozaba, madia leva!) nos encargaron confeccionar unha relación de obras presentes nas bibliotecas domésticas, da que o docente escolmaría un título sobre o que deberiamos facer un traballo. Na miña listaxe resultou afortunado Doble Crimen en la calle Morgue, talmente rezaba un opúsculo que andaba pola casa. Tratábase dun daqueles libriños que se estilaban nos ?80 como agasallo en eventos e convocatorias comerciais.
Hoxe, moitos anos despois, ando a ler Los crímenes de la calle Morgue
nunha edición xigante da Editorial Gredos titulada Cuentos completos e pertencente á colección Grandes Autores de la Literatura. Este nada manexábel volume (845 páxinas) atesoura toda a produción contista de Edgar Allan Poe, como ben indica a súa denominación xeral.
Trátase dunha edición deste mesmo ano, baseada na tradución ao castelán realizada por Julio Córtazar, e enfeitada para esta ocasión cun estudo introdutorio da experta edgariana Margarita Rigal.
O segundo encontro con don Edgar produciuse na mesma década grazas a un grupo musical que xa ten entrado na historia da época; falo xaora, de Radio Futura, quen confeccionou unha magnífica versión musical do poema Annabel Lee; esta composición (en lingua castelá) forma parte na actualidade dunha listaxe das mellores cancións do pop-rock de ámbito estatal.
Tardei anos en coñecer a orixe poética do devandito tema musical, e tal antecendete só contribuíu a mitificar ?aínda máis- unha canción que teño por unha das miñas favoritas.
Outro encontro significativo co escuro romántico produciuse hai uns anos no teatro; gozando dunha obra do amigo Xesús Pisón.
Nocturno Poe recrea fielmente as atmosferas legadas por don Edgar; o tenebrismo ao que se mantén leal Pisón na devandita creación concorda totalmente co exhalado polo relato que inspirou o texto: A caída da casa Usher.
A todo isto debo engadir que a función á que asistín tivo lugar no Pazo de San Cidre de Mondoñedo? Quen o coñeza coincidirá comigo en que os escenógrafos non tiveron que se esforzar moito para lograr un ambiente terrorífico.
E foi La caída de la casa Usher o primeiro relato que devorei cando adquirín o gran volume de contos que hoxe mora na miña biblioteca. Pois que non hai crítica literaria máis certeira cás inspiracións e experiencias lectoras dos outros autores, nomeadamente se se trata de escritores de confianza ?en todos os sensos-, como é o caso.
Que podo dicir da narrativa de Poe? Que é un retórico empedernido, os seus circunloquios e os preludios nos que se recrea e entretén resultan pouco entendíbeis para o lector actual; a súa meticulosidade á hora das descricións vai alén do auxilio preciso para se imbuír no escenario do argumento, chega mesmo a semellar unha tendencia maníaca, mais non se pode negar o carácter atraente duns relatos que na actualidade, eu encontro superados por case dous séculos de epígonos, imitadores, banda deseñada, cinema e televisión; e nomeadamente pola entronización do medo como xénero, e o seu cultivo nas artes todas.
Cando digo superado non estou a menosprezar a literatura de Poe senón a afirmar que o lector actual non se impresionará coas creacións tétricas desta icona da literatura fantástica, xa que o lector actual medrou aterrorizado polo cinema fantástico (pródigo en títulos) e por unha literatura de consumo explotada, por exemplo, polo tamén estadounidense Stephen King.
O lector de hoxe achará en Poe o valor da literatura calculada, estruturada e cultivada con meco, algo que a literatura meramente comercial descoñece e ignora, seguramente porque coñece -ou mesmo alecciona- o público que lle dá de comer.
Non rematei de ler este volume da Editorial Gredos e aínda vou tardar en facelo, polo que non podo avaliar totalmente a narrativa dun autor que no seu día, debeu facer tolear de pracer e dificultades a Cortázar.
Por agora, o conto que máis me prestou foi Los crímenes de la calle Morgue; pura coincidencia, ou se cadra, nostalxia dos paraísos perdidos.
Curiosamente, este libro foi o primeiro que baixei do andel tras ler Drácula, coido que seguín o camiño inverso de Bram Stoker. Non digo máis.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-11-2015 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0