 Non pretenden constituír estes parágrafos máis ca uns brevísimos apuntamentos históricos arredor da memoria literaria local, arquivo etéreo para o que me proporcionaron datos anovados recentemente.
Cando se escriba unha Historia da Literatura Valeca, algúns dos nomes e feitos que hoxe achego, deberán figurar nela; con tipografía grande ou pequena, con máis ou menos transcendencia, mais é preciso mencionalos; xa que os que hoxe fedellamos na literatura, considerámolos o principio da contemporaneidade, pois supuxeron primixenia referencia literaria para esa xeración que actualmente xa está a transmitir coñecementos a netos e bisnetos.
?Don Pacomio é poeta?. Con esta frase explicaban aos nenos os adultos de Ferreira do Valadouro as visitas dun home de longas guedellas que esporadicamente chegaba á vila, provocando expectación e admiración masivas. Os nenos que lembran as incursións de don Pacomio, na actualidade contan máis de setenta anos.
Cando eses nenos se fixeron mozos coñeceron a Lobeira de Santa Cruz, quen moraba moi perto dos restos da torre de Cendemil; o tal Lobeira autodenominábase ?Poeta erótico político?; gustaba da poesía de Noriega Varela mais non da de Cunqueiro. Afirma quen isto me contou, que estas devocións literarias atopábanse vinculadas á capacidade de comprensión de Lobeira e mais ao desigual grao de complexidade dos dous mindonienses.
Souben, grazas ao coloquio desenvolvido na primeira Ponte Literaria, que no Castrodouro, mesmo existiu algo semellante a unha escola fistora.
Temos falado nestas páxinas de Indalecio do Castro, auténtico vate local que compoñía coplas onde se describían sucedidos e anécdotas locais ou hábitos e xornes dos veciños. Teño ouvido que nunha ocasión, Indalecio espallou uns papeliños con coplas arredor da igrexa, feito que orixinou unha visita da Garda Civil, con rolda de preguntas á veciñanza sobre a procedencia de tan perigosa chuvia poética.
Pois si, resulta que Indalecio (falecido na década dos ?90 do pasado século), non era o único fistor do Castrodouro, parece ser que os fogares establecidos aos pés da lendaria torre da homenaxe, víronse noutrora afectados por un hálito de inspiración coplística.
Restará algún documento gráfico daquela poesía popular local?
Teño noticia dun vadío a quen todos chamaban ?O Poeta?, tratábase de Eugenio Díaz Martínez ?El aventurero?; home errabundo e mendicante amentado por dous alcumes, o escollido e mais o popular. Disque polos anos ?40 andaba a divulgar versos do seguinte teor: ?En Moucide hay una chica que parece un tiburón /es la hija de Mariano porque si /porque es hija de un cabrón?.
Temos falado cumpridamente de Celestino Cabarcos e da súa obra Cóxegas, tamén temos referido aquela obra de teatro representada nos anos ?50 por veciños de Mor, mais nunca temos falado da poesía que xurdía da devoción relixiosa; referímonos aos versos de inspiración mariana do mes de maio e outras manifestacións cristiás en desuso.
Chamábaselle ?ler o verso?. As nenas, debían aprender unha composición poética e recitala de memoria na igrexa un día determinado. A tensión e mais un auditorio tan axexante como exixente, supoñían unha proba de lume para aquelas mociñas que experimentaban a súa primeira intervención pública.
É aquí onde temos que nomear á mestra Rita Andrade Abella para gabar o seu labor pedagóxico e poético á fronte daquelas nenas declamadoras.
Dona Rita era de Mor, concretamente do barrio de Correlos; exerceu o seu maxisterio (tanto en escolas coma na propia casa) con nenos e con adultos. Faleceu en 1969, deixando unha interesante biblioteca ben fornecida de literatura infantil e manuais pedagóxicos, tristemente hoxe desaparecida.
Esta mestra escribía versos e adaptaba outros para que as nenas os recitasen nos oficios relixiosos. Estamos a falar xa que logo, dun labor poético-pedagóxico. Quen sabe cantas daquelas nenas aprenderon a amar a poesía naquelas actividades?
Louvor e gloria a todos eles, pois que foron a semente da húmida tinta de hogano.
Imaxe: A mestra Rita Andrade
|