 Quen ía pensar que os monstros visitarían a Ponte Vella de Frexulfe o pasado día 26? Ese mércores celebrouse a segunda Ponte Literaria, con Xesús Pisón como lector principal; foi no coloquio onde xurdiu a monstruosidade, literaria si, mais monstruosidade ao cabo.
O primeiro texto lido por Pisón intitulábase Peza de Frankenstein; dende logo ben interesante, mais a intensidade dramática chegou coa seguinte lectura, onde o autor recibiu o auxilio de Manuel Lourenzo para pór voz a un dos personaxe do diálogo. María e Flora é un texto onde os camiños da vida acaban cruzándose e batendo cos camiños físicos e lendarios.
Houbo aínda unha terceira lectura, feito que supuxo a estrea da poesía nas pontes literarias. O poeta Arturo Mogo (quen non puido participar no encontro) encargara a Pisón o recitado dun poema adicado ao cantor Miro Casabella; foi nese momento, coa música daqueles versos mestúrandose cos acordes do Douro, cando a natureza, a historia, a braveza e as arelas de liberación fixeron acto de presenza nun auditorio sensíbel, reducido e receptivo. Montesía lembranza é algo máis ca unha homenaxe, é unha declaración de principios.
Dato curioso e casual: Nesta Ponte Literaria estaba presente unha irmá do célebre cantor.
Nun coloquio vivísimo, cultísimo e respectuoso coas quendas de intervención; os monstros comezaron a chegar, abeirados en títulos como Frankenstein ou o moderno Prometeo, Drácula ou Moby Dick; xa que segundo Xesús Pisón, a monstruosidade atrae e repele ao ser humano, precisamente polas diferenzas que ofrece. Estes textos que o autor teima en chamar contos e non novelas, afondan na interioridade mental do ser humano, nos seus desexos secretos, nas súas teimas, nos seus medos, nas súas dúbidas? Mantén don Xesús que Moby Dick é un monstro, máis tamén o capitán Ahab o é, do mesmo xeito que o foi Nemo, illado nun submarino nas profundidades abisais.
Citou o dramaturgo protagonista conceptos que penetran e alimentan os seus textos teatrais dende sempre: Humanidade fonda, loita, lembranza da infancia? Como aquel enterro do fillo dos feirantes que supuxo o primeiro rito funeral para o neno que despois escribiría teatro, atormentado teatro.
Houbo espazo para lembrar o Poema de Gilgamesh, lectura recente de Pisón mencionada como exemplo de mensaxe alentadora: Non procuremos inmortalidade nin gloria, vivamos.
Acho extraordinariamente interesante a reflexión do noso dramaturgo sobre a presenza dos mitos na literatura de todos os tempos (Hamlet é unha revisión ou recreación de Edipo rei, mais Shakespeare non lera a Sófocles), presenza inconsciente!
Tamén apareceu Camus, Pinter, o existencialismo, o positivismo, o mito de Pandora, e moitos outros conceptos e referencias que somente son quen de abrollar nunha mesa coma a da Ponte Literaria, a carón da Ponte Vella de Frexulfe.
|