Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
ERÍXENSE PONTES LITERARIAS SOBRE O DOURO - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ERÍXENSE PONTES LITERARIAS SOBRE O DOURO

Falamos do Douro que nace no Cadramón e se mestura co mar en Fazouro, falamos do Douro que dá nome á Veigadouro, ao Castrodouro, ao Portodouro, á Grandadouro e mais ao Valadouro todo. Falamos do Douro que deron en chamar erradamente con nome de metal, mais o Douro é auga, avolta, escura e todo forza, tamén literaria.
Foi o 20 de agosto de 2015, ás seis da tarde cando se celebrou, a carón da Ponte Vella de Frexulfe, a primeira Ponte Literaria. Concibiron a idea un fatiño de escritores nun día calquera do enceto do verán, cando estimaron que a fermosa contorna da Ponte Vella de Frexulfe era o lugar acaído para render culto ás letras.
Abriu a Ponte Literaria unha lectura dramática de Manuel Lourenzo inspirada nos personaxes Jekyll e Hyde, a seguir Lionel Rexes leu varios relatos seus premiados en certames literarios, e rematou Isaac Ferreira pondo voz a varios contos tirados da xa mítica obra Contos do Valadouro; escolleu este último relator historias vinculadas á parroquia de Frexulfe e mais ás pontes, elemento arquitectónico que se está a tornar simbólico para estes activistas da literatura.
No coloquio foron evocados autores de todas as épocas e orixes xeográficas: Dostoyevski, Cortázar, García Márquez, Rómulo Gallegos, Rulfo, Roa Bastos? Citáronse obras diversas: O prisioneiro do Cáucaso, O Quixote, A Esmorga; e falouse da literatura escocesa de tradición oral, da brevidade na narrativa fronte á novela, da influencia da orografía e os factores sociais na escrita? Cómpre salientar que no medio de tantas referencias á alta literatura, ocuparon un espazo senlleiro os comentos acerca da recente publicación do IES Alfoz-Valadouro Contos, lendas e outras historias, auténtico testemuño da incesante pescuda valadouresa na súa riqueza oral.
Un potente sol e a maxestosa presenza do Coto de Montoxo abeiraron a experiencia, mentres uns poucos transeúntes fitaban con curiosidade o cenáculo literario departindo arredor dunhas mesas pétreas cubertas por libros, cartafoles e textos. A infalíbel métrica do Douro e a cadencia do leito fluvial achegaron milenaria musicalidade poética dende os ollos da ponte; antigos, francos, á espreita.
Longa vida á Ponte Literaria!

Imaxe: Lionel Rexes, Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira ao remate do evento.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2015 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0