
A literatura oral, constitúe as primeiras composicións literarias do ser humano.
A transmisión oral de lendas, contos e supersticións? Épicas e líricas filtradas na peneira da fantasía e o acervo cultural, conformaron esa parte da cultura que agora moitos tentamos fixar sobre o papel impreso, co obxectivo de que non se perda no rodopío do tempo, e nomeadamente para coñecermos as orixes de noso; en definitiva, saber de onde vimos. E de quen.
Os bardos da Celtia, os aedos e os rapsodos da Hélade, os trobadores e os xograres da Europa medieval e por suposto, os cegos cantores (os cales existiron até mediados dos anos ?60 do século XX, polo menos nas terras do Douro), convertéronse máis ca en pregoeiros da actualidade en portadores dunha arte que doutro xeito non tería chegado a unha sociedade sen recurso ningún para acceder á poesía, á música (no seu senso máis amplo), e por riba de todo, para descubrir a literatura, aínda descoñecendo o significado de tal termo.
Música e poesía ían da man na incansábel andaina destes transmisores orais que hoxe teñen como herdeiros do seu legado os regueifeiros da Galiza, os repentistas de Portugal, os bertsolariak de Euskal Herria, os troveros de Al-Andalus, os payadores do cono sur americano, os huapangueros de México? E por suposto os contacontos. Mesmo se ten asociado o rap a esta caste de improvisación e fala musicada.
Temos na Galiza magníficos arquiveiros destes tesouros, mesmo vén de nacer no seo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG) a Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, quen tamén ten impulsado a Revista Oral ?Pazo das Musas? ou na Rede a páxina Galicia Encantada, proxecto que está a cumprir dez anos e cuxo aniversario se está a celebrar coa publicación das recolleitas máis significativas nunha antoloxía impresa. E se falamos de Reigosa non debemos esquecer unha impagábel e engaiolante obra, o Dicionario de seres míticos galegos, confeccionado xunto a Xoán Ramiro Cuba e Xosé Miranda e editada por Xerais en 1999.
Por que falamos hoxe disto aquí? O motivo é fermoso.
Sábado 28 tivo lugar o Mercado de Primavera en Ferreira do Valadouro, cita que foi aproveitada para lle render homenaxe a Antón Lexide ?O cego de Viloalle?, tamén chamado ?O cego das Mirandas?, quen até hai medio século trobou na praza da vila axudado pola súa filla, expendedora dos papeis coas coplas e sucesos (moitos tirados do xornal El Caso) que seu pai entoaba.
E quen exerceu como mantedor de tal evento? O trobador nacional da Galiza por excelencia, Miro Casabella; cantor valeco descendente do ?Cego de Casabella?, o cal, viaxaba nos barcos de emigrantes cara á Arxentina amenizando as travesías coa súa habelencia.
A arte de Miro rendeu homenaxe non só a uns cegos poetas e pregoeiros senón a unha cultura, á oralidade, que, sexamos optimistas, non está en perigo. Pode, non gozar do amplo público doutrora, mais nunca desaparecerá.
Volvendo ao ?autor homenaxeado?, diremos que o bo de Antón Lexide procurou unha asesoría culta para que os textos por el comercializados mostrasen unha ortografía e estilo coidados, e foi o mesmísimo Álvaro Cunqueiro quen deitou a súa erudición naqueles folletos cangados de crimes, escarnios e maldicires.
Mais parece que non era don Antón o único xograr invidente que visitaba as terras do Valadouro, pois souben recentemente que ?O cego de Loiba? tamén ten espallado aquí o seu repertorio e mesmo ten deixado recordo dunha copla que comezaba dicindo:
?Eu son o cego de Loiba / nacido na Rúa de Petín / vouvos contar un caso que me pasou a min / a miña Carmencita cando tiña os vinte anos cumpridos / non había quen lle dixera nada / e era a envidia dos veciños? ?.
Parece ser que ?O cego de Loiba? empregaba a guitarra para acompañar a súa voz, mentres que ?O cego de Viloalle? valíase do violino.Este sábado Miro Casabella tanxeu a zanfona asemade interpretaba os vellos cantares, todos recuperados da tradición agás un da súa autoría, o intitulado O cego de Casabella.
Ninguén pensou en compilar a pouca ou moita documentación e material vinculados aos cegos cantores? Unha antoloxía de cantares de cego (nalgunha bisbarra xa se ten feito) pode ser un interesante traballo de pescuda, lévese a cabo por especialistas ou por seareiros da tradición oral, o conto é que non morra o conto.
Agradecementos: Para a confección deste artigo foron indispensábeis os datos achegados por Arturo Mogo e Constantino Rexes.
|