Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
LENDO A STEVENSON COMA UN PETER PAN CALQUERA - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LENDO A STEVENSON COMA UN PETER PAN CALQUERA
Achei estoutro día un libriño deses que engaiolan os bibliófilos, non por valor crematístico nin por antigüidade, pois que non goza de tales galardóns, senón polo seu feitío.
Foi nun posto ambulante de obxectos usados ou antigos, nun mercado calquera dunha vila calquera. Alí estaba Robert Louis Stevenson agardándome, na súa illa e co seu tesouro.
Estou a falar do número 3 da colección Historias Infantil da famosa Editorial Bruguera. É un libriño de peto, con capas de cartoné a toda cor. A narración desenvólvese auxiliada por ilustracións a tinta negra nas páxinas impares; deste xeito, cada poucos parágrafos o lector pode observar unha viñeta en banda deseñada.
As ilustracións interiores son obra de Jaime Juez, a da capa de Miguel García, e o texto foi adaptado pola escritora catalá Mª Victoria Rodoreda Sayol, cun impecábel resultado que viu a luz en 1984. Xa que logo, falamos duns libriños que comezaron a excitar e estimular a imaxinación dos nenos hai tres decenios.
Na contracapa reprodúcese unha táboa de trinta títulos e autores, entre os que podemos atopar antoloxías dos contos de Perrault, de Grimm ou de Andersen, así como as obras máis coñecidas de Dickens, Verne, Twain ou Dumas.
A continuación da listaxe de xenios figura o prezo fixado pola propia editora, o cal, antóllaseme custoso para aqueles anos ?80, nomeadamente pensando nas economías infantís. Coido que 160 pesetas eran pesetas abondas para aquela, aínda que non chegaban aos actuais dous euros que paguei eu polo romántico caprichiño? Canto diñeiro levamos achegado á editorial do gato sedente os nenos doutrora! E agora que o devandito selo xa non existe continuamos a sucumbir aos seus engados.
Sei que parte da literatura infantil universal está traducida ao galego, mais lanzo unha idea ás editoras galegas ou ás que desexen traballar na Galiza: Unha colección semellante á que vimos de louvar, na lingua de noso. Imaxinemos, Os fillos do capitán Grant, Moby Dick, Mulleres pequenas ou As viaxes de Gulliver? Nos petos dos nenos de hoxe.
Si, xa sei, a era do computador e do libro electrónico e todo iso, mais hai nenos que aínda len, e len como liamos nós. Nenos que gozan das páxinas ilustradas, das aventuras impresas? Sei que os hai, e sei que algúns, grazas a este hábito, anímanse a escribir e debuxar as súas propias fantasías? Existe espazo e mercado para libriños coma o que estou a ler, sen ser neno nin bo seareiro da novela de aventuras. Existe porque sempre haberá nenos (malia que as trazas indiquen o contrario), e a literatura iniciática (eu a literatura non a distingo por idades do lector senón pola accesibilidade das temáticas) ademais de inmorredoira, é necesaria; mellor dito, é imprescindíbel.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2015 11:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0