Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
ESAS LECTURAS QUE NOUTRORA IGNORAMOS OU NOS ELUDIRON - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ESAS LECTURAS QUE NOUTRORA IGNORAMOS OU NOS ELUDIRON
No meu recordo moran dous títulos e dous autores completamente diferentes. Dúas referencias literarias navegando pola miña mente, unha dende a infancia, a outra dende datas máis recentes.
Un dos autores é ben coñecido (non para o grande público), e o outro é, polo menos para min, non só descoñecido senón críptico á hora da pescuda.
Cando eu medía un metro, un dos horizontes ao alcance da miña vista era unha mesa de escritorio na que uns cantos libros pousados desafiaban posíbeis lectores. Eu daquela entretíñame coa banda deseñada e nomeadamente cos cuentos troquelados. Por iso, xamais tiven curiosidade por aquela obra en tres volumes, titulada Las tres novias del pintor.
Agora sei que se trata dunha novela e que aqueles volumes posuían cadanseu título: El organista, La bienvenida e Un contrato voluntario. O seu autor é o Nobel polaco Henryk Sienkiewicz.
Don Henryk (dacabalo dos séculos XIX e XX) foi nacionalista nunha das varias épocas históricas en que Polonia precisaba que a reivindicasen como nación, mostrando ao mundo nas súas obras (internacionalizar o conflito diríamos agora) a situación da súa patria. Escribiu, a xeito de metáfora, unha novela por todos coñecida, aínda que só sexa pola versión cinematográfica, Quo Vadis?
Non sei se me volverei atopar co afortunado pintor, e paréceme que non ha ser doado dar coas obras menos populares de Sienkiewicz nas bibliotecas públicas do rural galego? Así que Las tres novias del pintor continuará alimentando a miña melancolía literaria.
Intúo tamén, que ningún dos seus títulos están traducidos á lingua da Galiza, así que a obra deste activo patriota polaco poucas opcións ten para se introducir nos ámbitos literarios do noso país.
O outro título coñézoo só por referencias narradas. Trátase dun folletín en fascículos que circulaba polas terras do Alfoz do Castrodouro a comezos dos anos ?40 do pasado século. Concretamente, souben que buligaba entre as costureiriñas de Mor que deprendían o oficio en Bacoi. Estamos a falar de La princesa mendiga, obra de Hugo de América. Autor do que non posúo dato algún.
Do mesmo xeito que noutras ocasións dixemos que mesmo a má literatura pode producir efectos positivos (encamiñar o lector cara a novos e mellores títulos) afirmamos agora que os folletíns cumprían unha función social (achegarse a ese público que non posuía cultas e fornecidas bibliotecas) e outra iniciática, pois que supoñían as primeiras lecturas de lecer para moitas persoas que contemplaban os libros como maquinaria pesada ou territorio salagre. Apoio esta opinión no que ten afirmado e suxerido o profesor Basilio Losada verbo da normalización do sistema literario galego, é precisa a existencia de literatura de cordel en galego.
No caso do folletín do misterioso don Hugo, as esperanzas de poder telo nas miñas mans son nulas, e sendo optimista direi escasas. Pois que o tempo debeu engulir aquelas páxinas que engaiolaron ás rapazas da posguerra.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2015 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0