?Obradoiro, liña de ensamblaxe, máquina, tarxeta de fichar, horas extra, salario.
Adestráronme para ser xangal.
Non sei berrar ou me rebelar,
como me queixar ou denunciar,
só como sufrir silandeiramente o esgotamento?
XU LIZHI (1990-2014)
Foi Blanco-Amor o que sentenciou: ?O escritor que non se compromete literariamente co pobo non é, en realidade, traidor ao pobo: é, sinxelamente, traidor?.
Erri de Luca é escritor, e para el, situarse a carón do pobo máis ca unha necesidade é un xeito de existencia, dende sempre. Agora o Estado italiano quere metelo na cadea, el resume os motivos nunhas poucas frases: ?Vou ser procesado por exercer o meu dereito á palabra contraria. Se a miña opinión é un delito, non vou deixar de cometelo?.
De Luca vinculouse á loita dos que rexeitan a liña do Tren de Alta Velocidade entre Torino e Lyon, sensibilizouse coa poboación e o patrimonio do piamontés Val de Susa, un territorio que perecerá afectado polo impacto das obras dun megaproxecto no que o autor de Montedidio (única das súas obras traducida ao galego) ve intereses espurios e mesmo a man da 'Ndrangheta. El, revolucionario de palabra e obra, ten dito que no momento en que as conversas entre a administración e os contrarios ao proxecto remataron sen solución nin acordo, o único camiño é a acción directa? E ben sabemos que aos estados non lles apaixona que o cidadán pense pola súa conta, e se actúa en por si? Saltan as alarmas e entra en circulación a terminoloxía neutralizadora: Radical, terrorismo?
O escritor napolitano enfróntase á maquinaria represora do Estado, apoiado só polos que sempre apoian ás vítimas dos verdugos profesionais, dos mecanismos cuxa única función é amedrentar para manter un statu quo que se retroalimenta de medo, represión e outra vez medo.
Se desexamos que os poderes que nos axexan controlando benestar e capacidade de decisión con contagotas, non caian na habitude de continuar a apertarnos o colar de castigo, temos dúas opcións. A máis doada, a que está ao alcance de calquera, é exercer a solidariedade cos que exercen a resistencia.
|