Hai xa tempo que dicía que a importancia de que haxa unhas leis que apoien o galego é unha axuda pero non unha solución ao conflito lingüístico. De feito cada vez que unha persoa falaba chea de fartura arredor da lexitimidade do galego en base a unhas leis españolas eu sempre puña cara de sorpresa. As leis mudan e a lingua é nosa. O galego vale para todos os feitos sociais porque é a lingua de cultura e comunicación de muitos galegos e de Galiza en xeral desde mil anos atrás. O español é unha lingua nobre como outra calisquer que goza dun estatos de superioridade económica es social na nosa terra e que temos que empregar para o noso beneficio pero nunca asumir como propia. Con pouco que nos poñamos teremos unha lingua propia e dúas linguas de difusión internacional a tiro de pedra que xunto coa aprendizaxe de inglés nos farán un pobo políglota con muitas máis posibilidades que por exemplo os orgullosos monolingües madrileños. Nós non somos o centro do mundo pero eles tampouco. Se queremos ser alguén neste planeta temos que falar máis lingua que a nosa pero nunca desatendela. Os madrileños do ejque e do ejpaña non se atreven nin a aprender galego ou catalán, canto menos inglés ou alemán... e se aspiran a ser a praia de Europa non me parece a millor postura.
Xa antes tiñamos unhas leis ben xeitosas no papel e inexistentes na realidade. As leis están agora mesmo por ser cambiadas. O vendaval Feijoo trouxo unha batasunización de Galiza. El pensaba que puña o termo en que saían desprestixiados os galegofalantes pero en realidade os que saímos desprestixiados coas súas madrileñas decisións somos todos os galegos. Se non podemos ter paz lingüística e o goberno fai o posible por rachar a convivencia entre as persoas que vivindo nun mesmo espazo físico temos dúas culturas diferentes é posible que cheguemos a un punto sen retorno onde o futuro sexa muito pior do que todos imaxinamos ata a chegada de Feijoo. O home da mangueira de xardín para apagar lumes no medio do monte trae muitos problemas e acaba coa xa mal levada convivencia na nosa terra. Esa mangueira recen estreada bota aceite, lixo, chapapote e polución pola boca mentres o home que viste a Ralph Lauren e pensa en madrileño sorrí para a cámara. O futuro muda, como as leis. Se queremos ter un futuro con opcións para todos os cidadáns de Galiza (non só son cidadáns os madrileños que se mudaron á nosa terra) o primeiro vai ser retirar a este prestigeiro do medio antes de que non poidamos saudar ao veciño porque fala a lingua dos que mandan e perseguen a nosa.
Propoño un exercicio de buscar as diferenzas entre dous feitos que relato a seguir:
Un grupo de persoas realiza barricadas con pneumáticos e protesta polas rúas dunha cidade. Berran as súas protestas e entorpecen a regularidade do tránsito da xente que tenta seguir a súa rutineira vida. A policía actúa de maneira violenta para tentar disolver os grupos cargando con porras, disparando con balas de goma e mesmo gases lacrimóxenos. O Metal en Vigo.
Un grupo de persoas realiza barricadas con pneumáticos e protesta polas rúas dunha cidade. Berran as súas protestas e entorpecen a regularidade do tránsito da xente que tenta seguir a súa rutineira vida. A policía actúa de maneira violenta para tentar disolver os grupos cargando con porras, disparando con balas de goma e mesmo gases lacrimóxenos. Protestas despois das eleccións de Irán.
O primeiro feito ten repercusións na prensa local e cabreos de baixa intensidade entre os condutores da cidade que non poden aturar o caos xa endémico acrescentado con paróns do tránsito non previstos. Nada se di da violencia que exerce o estado.
O segundo feito ocupa portadas en prensa escrita de todo o mundo. Os telexornais na TV e os noticiarios na radio abren con este tema e adícanlle papel protagonista nos feitos do día. É presentado como un acto de afouteza da populación civil contra un rexime inxusto que tenta enganar ao pobo. Acábase por dotar de discurso e lexitimidade ás masas protestantes. Dise que o reconto das eleccións é inxusto e o estado é demonizado. Os xornalistas falan desde o lugar para o mundo dicindo que non teñen liberdade para informar, que non teñen imaxes pero que nos fiemos das súas palabras: hai unha revolta en marcha. O máis que consiguen filmar é un par de coletores ardendo e xente que camiña en manifestacións.
Obsérvese como o corpus que se dota a unhas situacións parecidas é ben diferente. Ninguén en München vai mirar as manifestacións do Metal en Vigo mentres que poucos en Vigo quedarán sen mirar as imaxes de Irán. Parece que foi dios ;) que a semana pasada fixeron 10 anos dos sucesos da praza de Tian'anmen. E a min recordame máis á manipulación ucraína da revolución laranxa ou mesmo á tan frecuente liberación de países americanos como aquela que acabou con Allende no Palacio de la Moneda aquel triste 11 de setembro. Visto, ollado e mirado que non había armas de destrución masiva no Iraque vestimos a guerra anunciada anos atrás con Irán de pucheirazo electoral, nun país de cultura musulmá e con aspiracións de ter armas de destrución masiva. O malo desta peli é mui malo. A ver que pasa. Admítense apostas, seguro que gañan os bos ;)
Ultimamente miro muito todo o que fago, mesmo as posturas que poño para durmir e mira ti que me chegou esta información tirada da BBC e recompilada para o noso idioma no blogue de não compreendo as mulheres. É un estudo en que se analiza as personalidades dos estudados en función das posturas adoptadas para durmir. Desta maneira:
posición fetal - persoas duras por fóra aínda que sensíbeis por dentro. Poden ser tímidas cando son presentados a alguén pero pronto gañan confianza. Esta é a posición máis común, adoptada por 41% das persoas que participaron na pesquisa. As mulleres tenden máis a adoptar esta posición do que os homes.
tronco - persoas de fácil relacionamento, sociábeis e gostan de facer parte dun equipo, alén de confiar en estraños. No entanto, poden tamén ser inxenuos.
insatisfeito - persoas abertas pero que poden ser desconfiadas e cínicas. Son lentas para tomar decisións aínda así cando o fan non mudan facilmente de opinión.
soldado - persoas xeralmente caladas e reservadas que detestan a confusión.
caída libre - persoas ousadas, pero que poden ser nerviosas e susceptíbeis, alén de non gostaren de críticas ou de situacións extremas.
estrela de mar - persoas amistosas e sempre dispostas a ouvir os outros ou ofrecer axuda. Por norma xeral non queren ser o centro de atención.
Interesante, eu creo que durmo ao estilo insatisfeito ;)