o trasno paroleiro


BLOG DO EDLG DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CORRELINGUA 2016

O 2 de maio participamos toda a ESO no Correlingua de Pontevedra, reivindicando festivamente unha longa vida para o noso idioma. Paseamos pola cidade, asistimos á lectura do manifesto gañador deste ano, escoitamos a música de Liviao de Marrao e fixemos unha simbólica solta de globos. Ao finalizaren os actos, rastrexamos pola cidade a presenza do galego en todo tipo de textos escritos, que foron fotografados polo alumnado co obxectivo de elaborar logo carteis que expoñeremos nos corredores do centro.

Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 04-05-2016 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
2º A DE PRIMARIA, GAÑADORES DO CONCURSO DE BANDA DESEÑADA DO CORRELINGUA 2016

CONCURSO DE BANDA DESEÑADA:

Parabéns ao grupo de 2º A de E. Primaria pola súa magnífica banda deseñada, que resultou gañadora no concurso deste ano.




CONCURSO DE VÍDEO:

Este ano o alumnado do noso centro participou activamente no concurso de vídeo, enviando estas tres propostas. Agardamos que vos gusten.


"FALAMOS GALEGO"

Este é o vídeo que presentou a concurso o alumnado de 4 anos de E. Infantil:



"COMO CAÍDO DO CEO"

Vídeo que enviou a concurso o alumnado de 1º de ESO:



"A CORAZÓN ABERTO"

Este é o vídeo que presentou o alumnado de 2º ESO B:



CONCURSO DE MANIFESTO

O alumnado de 4º de ESO tamén presentou a súa proposta de manifesto, que foi este:

O GALEGO ESTÁ EN NÓS


"Estabamos todos alí, no derbi galego. Un espontáneo salta ao terreo de xogo montado nun xabaril azul e branco. Parece ser o Gayoso. Os gardas de seguridade perségueno polo campo. O árbitro suspende o partido. Gayoso segue montado no xabaril. Vai a un plató da TVG e rompe as cámaras. Era visto. Uns larpeiros de Serramoura bambolearon ao son da gaita de Susana Seivane. NÓS seguímolo ata chegar a un cuarto escuro. LUCES, CÁMARA, ACCIÓN! A sala de cine está petada. Emiten ?A esmorga?. O Bocas malla no Milhomes. De súpeto Gayoso irrompe no seu xabaril a través da pantalla. Todos aplauden. O público quere amarralo, pero consegue escapar. Marchamos tristes para a casa.
Ao día seguinte seguimos lendo o NOSO libro favorito, Os Bolechas. As letras móvense soas, caen ao chan e os debuxos falan nunha xerga estraña. Pechamos o libro, arrepiados, e Chispa corre tras de nós para trabarnos nos pés. As xemelgas Pili e Loli esmendréllanse de riso. SuperGayoso acode na nosa axuda e o Xabaril Porcobravomán consegue desfacer o maleficio. Os Bolechas volven falar galego. Imos todos xuntos celebralo.
Despois atopámonos na praza do Obradoiro. Están a piques de botar os fogos artificiais do Apóstolo. Sae de novo un xabaril montado nun foghete que deixa unha estela que di:
Galicia somos nós:
A xente e máis a fala
¡Se buscas a Galicia
En ti tes que atopala!
Corremos tras del para pillalo. Parece que vai parar enriba dun piñeiro onde un bardo, que quizais sexa Pondal, ou Gayoso, canta ao son da súa arpa.
?Pol-o baixo cantando,
O bóo bergantiñan,
Co' aguillada o lombo??
O porco bravo escapa de novo, castro adiante, cara a unha feira onde están cocendo o polbo. Non pode ser! Ou vexo mal, ou o que o está cocendo é Gayoso. O polbo resístese a ser cociñado. Aférrase ao seu pescozo, estao afogando?. Porcobravomán aparece ao rescate. En pouco tempo malla o polbo e méteo tres veces na pota.
Sentamos todos NÓS nunha das mesas da feira: Susana Seivane, Pondal, o Puskas, o Bocas e o Milhomes, Chispa, Manuel María, Benigno, Luís Suárez e, claro está, Gayoso na cabeceira da mesa. Porcobravomán esváese pouco a pouco no horizonte, ao mencer?
Riiiiiiiiiiing! Érguense todos para ir ao recreo. O ruído das cadeiras espértame. Miro pola xanela. Verónica entra polo portal. Que tarde chega hoxe ao instituto! Xírase para falar con Brais. Vexo que leva nunha chapa da mochila un porco bravo azul e branco que me chisca o ollo..."
Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 29-03-2016 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCADA UNHA NOVA EDICIÓN DO CORRELINGUA

Convócanse un ano máis as carreiras reivindicativas do Correlingua baixo o lema "O galego está en nós". Dende o equipo fomentaremos a participación do alumnado nos distintos concursos que se organizan: manifesto e vídeo para secundaria e banda deseñada para primaria. Consultade as bases neste enlace:

http://www.correlingua.gal/noticias/editorial-correlingua-2016
Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 08-01-2016 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
E, FINALMENTE, CHEGOU O CORRELINGUA

O 15 de maio dende o ENDL do CPI de Pontecesures organizamos a saída ao Correlingua de Pontevedra, protagonizado polo alumnado de 4º da ESO do noso centro porque leron nel o manifesto gañador deste ano.
Ao final do percorrido por varias rúas da cidade, o grupo "Bocinazo" amenizou a festa ao seren os gañadores do concurso Cantalingua. Tamén houbo unha solta de globos con textos que explicaban o evento e o lugar de partida.
Cando rematou esta actividade, o alumnado realizou un percorrido pola cidade antiga para solucionar unha busca do tesouro que nos propoñían dende o IES Sánchez Cantón a través dunha aplicación para móbiles: "Tesouros de Pontevedra".
En definitiva, unha xornada moi agradable. Tedes as fotos do evento no facebook do ENDL do centro

Aquí tedes unha noticia de prensa sobre este evento:

http://pontevedraviva.com/xeral/20079/correlingua-2000-nenos-galego/#/0
Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 20-05-2015 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓN CORRELINGUA 2015
E, por fin, déuselle inicio ao calendario oficial do Correlingua 2015 hoxe na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela cun acto ao que fomos convidandos como gañador@s do certame de manifesto. Candela e Alejandro de 4º de ESO dixeron unhas palabras e recolleron o premio e logo todos os integrantes do grupo leron o texto gañador. Tamén recolleron o premio os gañadores do concurso de vídeo, que axiña se fixeron amig@os dos do noso grupo. Parabéns para eles e para os nosos polo traballo realizado. Nesta ligazón da fotoblogoteca tedes máis fotos do evento.

http://www.blogoteca.com/trasnoparoleiro/index.php?gal=3769

Nestoutra ligazón da fotoblogoteca temos as fotos do photocall que lle enviamos ao Correlingua para que as publique no seu facebook. Dende alí podédelas compartir, se vos apetece. Podedes velas aquí:

http://www.blogoteca.com/trasnoparoleiro/index.php?gal=3770

Tamén se fixo pública a canción gañadora do Cantalingua deste ano: "Oda ó esterco", do grupo Bocinazo:



Este vai ser o percorrido do Correlingua de Pontevedra, a onde imos ir nós:

http://www.correlingua.org/calendario/2015/pontevedra
Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 20-04-2015 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO DE 4º DE ESO DO CPI DE PONTECESURES GAÑA O CONCURSO DE MANIFESTO DO CORRELINGUA 2015

Este é o manifesto gañador que se lerá nas carreiras do Correlingua deste ano, que se convoca baixo o lema: ?GALEGO, A NOSA CREACIÓN COMÚN?. Baseándose nun dos debuxos de Castelao do Álbum Nós, que fai referencia a que todo proceso creativo (e tamén o proceso de recuperación identitaria) sempre sae mellor se suma os esforzos colectivos, os alumnos/as de 4º idearon unha secuencia de whatsapps entre un grupo de amigos que intentan difundir esta mensaxe.
O resultado é este que vos presentamos. Parabéns a todos/as pola vosa creatividade.
Por certo, o premio consiste nunha viaxe a Lugo na fin de semana do 11 e 12 de abril da que vos iremos informando.



Ollade o vídeo que resultou gañador do Correlingua deste ano. Vai a noraboa para o CPR Sagrada Familia de Aldán:



Estoutro é o vídeo co que se presentaron ao concurso do Correlingua deste ano algúns alumnos/as de 2º ESO. Aínda que desta vez non houbo sorte, tamén os felicitamos polo seu traballo:



Os alumnado de 4º de ESO do noso CPI foi elixido polo Correlingua para participar no xurado do Cantalingua. As votacións farémolas o martes día 7 para escoller a canción que máis nos gustou. Podes apoiar algunha das cancións a concurso recomendándoa a algún dos alumnos/as de 4º de ESO. Escóitaas aquí:

http://www.correlingua.org/cantalingua/

Tamén imos seleccionar 20 alumnos/as voluntarios para participar nun photocall para publicitar as carreiras do Correlingua deste ano. Trátase de que nos fagamos fotos en grupo portando o lema deste ano ("Galego: a nosa creación común") diante dun fondo co logotipo do Correlingua. As fotos farémolas un día á volta das vacacións de Semana Santa. Podedes ver un exemplo de photocall aquí: "Gústame o galego"

https://www.facebook.com/gustameogalego/photos/pb.457663980937142.-2207520000.1427405228./777679682268902/?type=1&permPage=1
Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 18-03-2015 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0