Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

O galego, patrimonio común
En Galego
O movemento de recuperación e actualización da identidade galega ten unhas raiceiras culturais moi fondas. Tense dito que no século XIX, coa instauración do estado moderno, Catalunya foi reinventada pola burguesía comercial e industrial, o País Basco por cregos que defendían os seus foros e a lei vella -ou sexa o Antigo Réxime- e Galiza, polos homes da cultura que mergullados en arquivos e nas aldeas do país, toparon unha lingua e cultura moi viva cuia traxectoria ignoraban, pero na que albiscaron futuro.

E eu estou tan encantado de que nos inventaran o país os intelectuais como daquelas intencións tan fermosas e avanzadas do Manifesto das Irmandades de Lugo en 1918 (voto feminino, preocupacións estéticas...) tan lonxe, desde logo, do rancio españolismo uniformista de despois da guerra de Cuba, como do pensamento racista, involucionista e clericalista de Sabino Arana, por poñer dous exemplos que non me entran polo ollo. Moitos consideramos a cultura o noso máximo sinal de identidade, e, se cadra, o único chamado a permanecer por sempre no mundo globalizado. E a lingua é, obviamente, a columna mestra á que se cingue a hedra da cultura.

Dito isto, quero, en voz alta, facer unha libre reflexión sobre lingua, cultura e nacionalismo galego, pois persoas pouco ilustradas poden confundir termos e caeren nunha sinonimia tan perigosa como errada. Permítanme que empece cunha pequena anécdota persoal.

Corría o ano de 1984 e impartía eu, ilusionado, un curso de iniciación de galego no concello do Carballiño cando unha señora me atallou nun local público preguntándome se eu era o que impartía clases "dese castrapo, desa trangallada coa que a Xunta quere matar o galego...". Alucinado, pregunteille cun sorriso forzado e amable, cal era a súa graza e a que se adicaba. "Chámome tal e son costureira", dixo. "Pois si, sonlle eu o profesor -contesteille-, pero perdoe, só lle falo do tema con profesionais. Eu a vostede non lle discutiría de corte e confección e vostede, a min, non me discute de lingua, e menos se empeza faltando". Recoñezo que fun ousado e groseiro -desculpe señora se me le-, pero direi no meu descargo que era eu moi novo e canso estaba xa dalgunhas actitudes.

Aquela sincera señora -estaba, sóubeno logo, nunha asociación desas do galego aportuguesado- obnubilada polo seu amor á lingua, cría estar en posesión dunha ciencia infusa nada do corazón que mesmo lle permitiría descualificar traballos alleos e falar de ortografías como se fosen xogadores para meter ou sacar nun partido de fútbol. Igualmente, ata hai pouco calquera cachorro nacionalista pouco lido, e grazas á súa "coherencia ideolóxica", atrevíase a denigrar a obra literaria de Carlos Casares ou os ensaios de Xesús Alonso Montero, por citar só dúas bichas históricas. ¿Engánome?

Permítanme que lles diga, meus señores, que furgando na historia da cultura e da literatura galegas, fíxense vostedes, hai tamén escritores de todas as ideoloxías. E non me chama a atención, porque a lingua é o que é, un patrimonio común de todos: altos e baixos, gordos e fracos, louros e morenos, tolos e cordos, nacionalistas e non nacionalistas, de dereitas e de esquerdas. E todos eles teñen a súa participación no mundo da escrita galega. Dende Euxenio Montes a Álvaro Cunqueiro. Dende Celso Emilio a Manuel María. ¿Ou alguén quere unha lingua só para unha ideoloxía? Sería suicida. O galego é un código para que nos entendamos, soñemos e recreemos o mundo. Naceu hai mil anos e viviu ata nós. Agora, é a nosa responsabilidade proxectalo no futuro dos nosos fillos. Dende a historia, dende o feito nestes últimos vinte, trinta, corenta anos debemos ir con Manuel Antonio, sempre "máis alá". Co bo Plan de todos.
Comentários (4) - Secçom: Língua - Publicado o 19-09-2006 16:03
# Ligaçom permanente a este artigo
Cava Galego
CavaPara o vindeiro Nadal estará no mercado o Danza 2005, un brut elaborado nas adegas Díe e Noite de Petín con uvas da variedade godello. O ano pasado fixeron a primeira vinificación asesorados por un experto catalán e, animados polo éxito, acaban de presentar este escumoso: 8000 elegantes botellas etiquetadas en galego, que intentarán facerse cun sitio nas nosas celebracións.

Este ano, brindemos con Cava Galego, ¡brindemos en galego!
Comentários (5) - Secçom: Gastronomía - Publicado o 19-09-2006 15:50
# Ligaçom permanente a este artigo
unha... grande... ¡¡¡LIBRE!!!
Por unha Galiza ceibe nunha República Federal EstatalOnte vin a película O lápis do carpinteiro, basada na xenial novela de Manuel Rivas que xa tiña lido. O filme é moi fiel á novela e á realidade... pero o que máis me sorprendeu foi unha das esceas... infinitas veces mellor na película que no libro.

A escea é cando están na prisión e as autoridades fascistas obrigan ós presos republicanos, socialistas, anarquistas,... a escoitar un sermón dun cura no que se condea a "cruel" república e se ensalza o "glorioso alzamento" por parte dos fascistas ó mando de Franco.

Cando comeza a esbardallar sobre as bondades do alzamento os presos comezan a tusir até facer xordas as palabras do cura. As autoridades revólvense nos seus asentos por non poder mallalos a todos en plena misa. Ó remate da cerimonia éstas póñense en pé:

- ¡¡España!!
- ¡Unha! - Berraron as autoridades e os gardas.

- ¡¡España!!
- ¡Grande! - Repetiron os mesmos.

- ¡¡España!!
- ¡¡¡LIBRE!!! - Atroou a voz de tódolos presos á vez, facendo tremer os muros da prisión.
Comentários (6) - Secçom: Reflexions - Publicado o 12-09-2006 16:03
# Ligaçom permanente a este artigo
Urbanismo na costa galega: o peor dos
¡Non pasarán!
"Isto é peor que o Prestige", opinaba o xerente da cofraría de Cangas a propósito da futura urbanización dos terreos que agora ocupa a fábrica de Masso e o recheo que isto vai significar. Unha superficie de 174.000 metros cadrados que comprende, para alén da fábrica, unha lagoa con grande riqueza biolóxica (175 especies de vertebrados, algunhas en perigo de extinción) e afecta a dous parques marisqueiros e un caladoiro de pesca de baixura que é moi prezado polos mariñeiros de Cangas. Así mo explicaron Pepe Costa, mariñeiro, e os representantes do Foro Social de Cangas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de desestimar a solicitude da cofraría de Cangas de paralización cautelar deste proxecto. Preténdese substiuír unha zona rica en vida por un porto deportivo, un hotel e unha urbanización. É dicir, riqueza perdurable por ladrillo de tempada. A sentenza está recorrida pola cofraría.

Os recheos na ría de Vigo - e no resto da costa galega - parecen imparábeis. Despois dos previstos, dun e doutro lado da ría, entre Alcabre e Bouzas, ficarán menos de 2.400 metros de distancia. Isto vai dificultar a renovación das augas da ría, factor indispensábel pra manté-la súa fertilidade. As rías son ecosistemas altamente productivos. Isto débese ao duplo fenómeno da emergullanza estival, que introduce augas profundas ricas en nutríntes e osíxeno e o aporte dos ríos. Se continuamos a cegá-lo mar a base de recheos, este rematará por morrer. Todas esas urbanizacións proxectadas en marcha precisan vías, abastecemento de augas, servizos e onde deitar os seus esgotos. Representan a morte do noso mar litoral e unha mudanza irreversíbel da paisaxe, a cambio de dous meses de utilización ó ano.

Cómpre unha moratoria pra o urbanismo. Porque así é contrario ao desenvolvemento sostíbel. É precisa unha decisión do Goberno da Xunta valente e enérxica, porque temos que saber que o modelo de desenvolvemento que queremos: baseado no tixolo (ladrillo) de tempada, coa súa picaresca asociada e a súa utilidade temporal, ou aquel que implica o cultivo e o coidado dos ecosistemas para seren máis productivos en vida e traballo. Os gobernantes non poden seguir actuando desta forma, a vender o país aos grandes grupos económicos. Os mariñeiros, mariscadoras e a pesca de baixura representan moitos postos de traballo, autónomos e autosuficientes. Un goberno galego ten que oír e apoiar aos seus sectores productivos.

Reproduzo o berro desesperado de Ramón Bermejo Díaz de Rábago: "A tódolos que algunha vez visitastes Carnota: facédelle as fotos que poidades, filmade en vídeo todo canto poidades, porque o que coñecedes até o de agora vai rematar".

Eu, como Ramón Bermejo, opino que habería que facer revivir Nunca Máis, pois o fin é o mesmo: salvá-lo mar. Salvemos a nosa costa, para que continúe a ser un mar de vida. Que recupere a súa vizosidade e dea traballo a homes e mulleres, pais e nais de fillos que poidan seguir vivindo do mar, e nós, a alimentarnos del.
Comentários (4) - Secçom: Denúncia - Publicado o 12-09-2006 15:36
# Ligaçom permanente a este artigo
Galiza contada a un foraxido
Gaita¿Cómo é Galiza?

O planeta non se chama Galiza. O planeta é Terra. Galiza é a miña terra, dentro da Terra. Pero Galiza está e non está en Galiza. É un lugar e un deslugar. Como lugar, Galiza é pequena. Bueno, depende. É o suficientemente grande.

Temos un Transmundi. E un Extramundi. E vales que levan o nome de Mar, Amor, Ouro ou Silenzo. E un Pico Sacro e unha Boca do Inferno.

O ser vivo con máis nomes en Galiza é o vagalume. Para a ciencia, Lampyris nocticula. Vagalume significa lume errante. Pero téñense recollido case cen denominacións. Algunhas preciosas, todas metáforas: vella do caldo, lucencú, verme da noite, corcoño...

Gustaríame enviarche un vagalume...

O antropólogo dí: "Galiza é un mundo". O galego, cando se pon cascarrabias, dí que Galiza é o cú do mundo. Sería un bonito cú. Calquera parte do mundo pode sé-lo cú do mundo. Depende. Hai días. Hai séculos bós e malos. A distancia, tí sábelo moi ben, é algo subxetivo. Oín a un campesiño describir así o destino de dous dos seus fillos, emigrantes: "un anda preto, por Bós Aires; o outro, lonxe, nun sitio moi raro, Francfort ou algo así".

A máis fermosa definición de galego deuna un vello emigrante enquisado na televisión. Preguntáronlle: "¿Está vostede orguioso de seren galego?". O home mirou ao público, mirou logo á cámara e dixo: "Estou moi orguioso porque galego, galego, pódeo ser calquera". Ou esta outra frase, dun mariñeiro que agora traballa de operario do ferrocarril en Nova Zelanda: "Vin tanto mundo que son máis galego que ninguén".

Galiza está e non está en Galiza.

A fotografía máis famosa da historia de Galiza é a dunha despedida. Un tío e un sobriño choran no porto de A Coruña. Choran porque os seus vanse. A veces penso que tamén choran porque eles non se van.

Galiza é morriña. Teño morriña, teño saudade. É unha palabra que exportamos. Que aparece noutros diccionarios. No da Real Academia Española. No Collins inglés. É unha verba que che regalo, para que difundas no teu planeta, pero adminístraa con prudencia. Morriña significa botar en falta algo, nostalxia, melancolía. Está asociada a unha historia de dor, de perda, de emigración.

Pero ten coidado coa morriña. Colgáronlle ao galego un sambenito de pobo tristeiro. E ademáis é un comodín que o mismo serve para un discurso electoral que para unha dor de moas.

A fórmula dun presunto carácter galego sería H + M = I (humor mais morriña, ou melancolía, igual a ironía).

Melancólicos somos todos, pero o que de verdade ten prestixio en Galiza é o humor.

Hai outras tres cousas, tres fetiches que me gustaría enviarche. Son moi antigos e moi futuristas á vez. Daríasme a razón se os vises. Un amuleto de san Andrés de Teixido, unha gaita e un polbo.

Galiza é televisión, como todo o mundo. O galego pasa unha media de tres horas ante a televisión. Grazas á televisión hai tresillo en casi tódalas casas. A televisión galega non é peor que as outras, inda que hai demasiadas interrupcións publicitarias do veterano presidente. Pero tamén saen Bogart e Ingrid falando galego en Casablanca. E iso pode salvar unha lingua.

¡O tempo! O primeiro que fai un galego ao erguerse é buscar unha vista ó ceo. Hai xente que fai vinte flexións, que se preocupa pola cotizazón do yen, que se santigua ou que se toma un prozac. O galego, non. Antes que nada, elabora o seu parte meteorolóxico.

A brétema, oficialmente, reside en Londres. Pero un londinense de berce, filólogo e traductor do galego ó inglés, Jonathan Dunne, dí que a primeira vez que viu a brétema de verdade foi ó se apear dun tren en Lugo. Sinteuse nun planeta extrano. Até que un día, nunha cafetería, fixouse nun vello que, á súa vez, contemplaba a choiva pola fiestra. Chovía e chovía dende facía tempo. Nun intre determinado, o vello volveuse e díxolle: "¿Qué? Parece que chove".

Gustaríame enviarche un feixe de brétema. Ás veces a brétema serve para ver mellor.

MANUEL RIVAS
Galiza contada a un extraterrestre (fragmento
)
Comentários (1) - Secçom: Cultura - Publicado o 07-09-2006 22:42
# Ligaçom permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0