Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

ETA, esa gran nación...
Non puiden evitar emocionarme ó pensar nesa gran nazón que é ETA... Rajoy concorda conmigo...

"ETA es una gran nación"
Comentários (3) - Secçom: Humor - Publicado o 12-06-2007 19:40
# Ligaçom permanente a este artigo
O poder da realidade
SavouèOnte confirmeino... o poder da realidade é máis forte que o da mentira, a forza do coñecemento é superior á da iñoranza, a seguridade que se conquire coa certeza de que aquilo que se defende é certo e existe de por si chimpa por riba de toda imposición de pensamento unitario.

Coñezo eu a un paisano que é un tipo ?de puta madre?, pero tiña unhas ideas metidas na testa á forza por mor dun sistema unitario e centralista brutal que eu non chegaba a concibir pola bestialidade que chegaban a adquirir os seus argumentos. Eu non xulgo ás persoas polo seu xeito de pensar... pensaredes que polos meus argumentos non fago máis que tratar con separatistas galaicos, e nembargantes é máis ben o contrario, a meirande parte da xente que coñezo é defensora do sistema actual de comunidades autónomas e o centralismo castelán. Mais este amigo meu non é fillo do sistema educativo español, senón dun aínda máis delirantemente centralista... o sangue que percorre as súas veas é galaico, forte, sen vontade ofensora e, nembargantes, resistente. Posúe esa galeguidade que nunca atacará a ninguén, mais resiste coma un vimbio; hai pobos que resisten coa forza dunha rocha... inquebrantábeis, mais en chegado centro intre rachan por unha fenda... os galegos somos coma vimbios... o só zoar do vento é quen de abanearnos, dobramos denantes de partirnos, e cando a ventoeira remata de novo alzamos a testa altivos, amosando que eiquí ficamos, onde as nosas raíces nos marcaron estar.

Este amigo meu é fillo da emigración, esa emigración de galegos cara Europa, cando a modernidade comezaba nos Pirineos. Naceu e medrou en Savoue, esa nazón con tan forte personalidade de seu, histórica, magoada de tanto resistir os embites do delirante centralismo borbónico francés. É imposíbel ler un libro de historia sen atoparse con algunha fazaña ocorrida na mítica Savoia.

El defendía que a súa lingua era o francés, e o seu país Franza... nembargantes arelaba con que a súa ?provincia? de Savoué formara parte da Suiza, ese país exemplo do que debería de ser un Estado (mesmo as ameazas de morte dos paquetes de tabaco están en alemán, francés e italiano).
Eu dicíalle se non estudaban na escola a historia de Savoue, a súa cultura, a súa lingua... el respostaba que en Savoue falárase francés de toda a vida, e que non tiña nada que ver Savoue coa Galiza ou Euskal Herria. É máis... ese centralismo delirante e unitario convidábao a dicir que había que impor unha lingua universal, e que esta non tiña que ser ningunha artificial coma o esperanto, senón o inglés porque si e por collóns, porque ?é a máis falada do mundo?; non amigo, a máis falada do mundo é o chinés mandarín, e o castelán fálase en todo un continente... á forza, mais fálase.

Foi a semana pasada ó seu país, Savoué, e voltou de alí cunhas ideas totalmente cambiadas. Foi á ?Savoia profunda? e descobríu que existía unha cultura propia, unha historia e mesmo unha lingua de seu que falaban os vellos e estudaban os rapaces na escola. Voltou con mágoa de que non lle tivesen ensinado iso na súa escola, de non ter aprendido unha lingua pertencente á súa nazón, de non ter coñecido esa realidade.

Eu nunca estiven en Savoie, mais coñezo algo da súa realidade. El viviu alí toda a súa vida e era absoluto descoñecedor dela. Ás veces, para coñecé-las realidades propias, é mellor afastarse delas que achegarse. Eu non coñecín a realidade galega dende a Galiza, senón dende o Reino Unido... os nacionalismos cúranse viaxando, di a xente; NON, os nacionalismos coñécense viaxando!!

Curiosa anécdota esa no metro de Londres... o vagón ateigado e un home á porta que non deixaba pasar:
- A ver ho! Entra que vai saír o metro sen nós!!
- Si, hostias!! Non ves que o home este do fuciño grande non deixa pasar??
Nese intre o home deu a volta e dixo:
- Se che molesta o fuciño, apártocho...
Asombro... incredulidade... desconcerto... No metro de London fálase galego!!!!! Hai un galego na Lúa!!!!

Hai un galego na Lúa e hai galegos espallados por todo o mundo... non hai cidade no mundo que eu pisase na que non atopara galego algún. É un intre no que semellas totalmente parvo... só dis parvadas... en galego, mais parvadas. O único que queres facer é falar galego... amosarlle ó mundo que te arrodea que tes algo en común con esa persoa alén de ser un humano coma el; queres falar sen que os demais che entendan... é unha situazón kafkiana.

Dicíame o meu amigo que non entendía por que na súa escola non lle ensinaran iso, por que non lle aprenderan a lingua da súa nazón. Antes dicía cando lle amosaba a páxina das minorías europeas que non entendía por que saía Savoue... dende a lonxanía amoseille o que había... el era ceibe de crer o que eu lle dicía ou negalo; eu non impoño crenzas, amoso camiños ocultos trá-la maleza... e logo as persoas teñen a liberdade de seguir ese camiño ou deixar que a maleza medre de novo e volte a ocultalo. Foi a Savoie coa mente aberta... deixou de ver cos ollos realidades impostas para ver coa mente realidades existentes... e descobríu que eu non son un tolo que esbardalla parvadas ó ar co anceio de que alguén as crea, senón que o que eu falo é froito dun anceio de coñecemento profundo da realidade do mundo.

O feito de que na súa escola non lles ensinasen iso, que o negasen, non me sorprendeu. Sucédelle a toda nazón aldraxada. Sucede no Bierzo e nas Portelas, no Eo-Navia; sucede no País Valencià e en Mallorca; sucede en Araba e Nafarroa. Tivo que coñecé-la súa nazón dende fóra para descobrila ó voltar a ela... tivo que ir ó ?Lugo? ou á ?Guipuzkoa? da Savoué para vér unha realidade que se lle negaba.

O nazonalismo non é un xogo de cativos con moito tempo libre... non é cousa duns tolos que queren impor o seu xeito de pensar. O nazonalismo é algo moi serio, profundo,... é unha viaxe iniciática na procura da verdade, das realidades que se nos ocultan. O nazonalismo ten que ser obxectivo e deixarse de patriotismos sentimentais baratos; aqueles que se escudan tras unhas siglas coma ETA ou EGPGC non son nazonalistas, son uns tipos que frivolizan e xogan con cousas moi serias.

Ser nazonalista non é xogar a crear un imperio, é ser un fervente defensor da verdade.

Unha nova mente aberta, desexosa de coñecé-la realidade do seu pobo, non é un triunfo do nazonalismo... é un triunfo da verdade sobre a mentira.

A xente non me di que lle amosei que unha nazón existía, porque unha nazón é ou non é, a xente dime que lle ensinei a senda dun camiño que descoñecían; cando cansen de pasear poden dar volta, mais nunca esquecerán que aí hai un camiño que existe, que non é unha pista asfaltada nova creada polo home, senón que é un camiño cheo de pedras e fochancas, de subidas e baixadas, do que ninguén sabe a súa procedencia... estaba aí dende sempre, existía sen máis... e só cando un ávido aventureiro se decidiu a coller un fouciño e quitá-las silvas e os toxos que impedían vé-la súa entrada, o seu comezo, con ansias de coñecemento de novas realidades este camiño ficou á vista do resto do mundo, que é ceibe de camiñar por el se ten anceios de coñecemento, pero que tamén é ceibe de ficar ollando ó seu comezo e, vendo que non está asfaltado, dicir que aquel que se aventure a camiñar por el non é máis que un tolo que se aventura a escordar un nocello e bater cos fociños contra o chan. Eu prefiro camiñar, aínda a risco de escordar un nocello ou magoarme nun xeonllo, que ficar quedo ollando como a xente camiña e dicindo deles que son uns ousados e uns toleiráns.

Viva o multiculturalismo!! Vive la Savouè!!
Comentários (3) - Secçom: Reflexions - Publicado o 12-06-2007 19:37
# Ligaçom permanente a este artigo
Catalonia 5-3 Spain
Siberia OrientalCon himnos, con bandeiras e con todo o combinado estatal non puido vencer á Selección Catalá e o seu adestrador amosouse enfadado xa que non contaban con ter este rival.

Segundo o adestrador da equipa estatal, eles viaxaron -pagando todo do seu peto- até Rusia coa intención de se enfrontar á selección xaponesa, mais segundo puxeron os pés na Praza Vermella, atoparon os cataláns de paseo, e enteráronse de quen ía ser o seu verdadeiro rival. "Non chegamos a comprender o por qué deste cambio, nin por qué poñen a xogar a dúas seleccións do mesmo país no mesmo día", dixo Ángel Chacón, adestrador do combinado amateur estatal.

Ao rematá-lo partido, a equipa asinou un escrito no que querían amosar o seu "profundo malestar" por se ter que enfrontar á "Selección de Cataluña como nación"(sen comentarios...) pero aseguraron que ao final tiveron que xogar para aforrar problemas á organización e porque tiñan un chisco de medo de "quedar tirados" a 12.000 quilómetros da casa, no medio da Sibera Oriental.

De todas, houbo partido, que comezou cos himnos respectivos, aínda que dos tremendos altofalantes do estadio ruso saíu o himno catalán, e, por erro, o británico (non haberá tanta diferenza dun Imperio a outro, non?). Despois do "Deus salve á Raíña" saíu tamén un peluche enorme con forma de mamut; a mascota do evento, organizado pola Asociación Mundial de Futsal (AMF). E gañou Catalunya, despois de remontar o 1-3 que lles marcara o combinado estatal amateur na primeira parte.

Os españois despregaron bandeiras e frustráronse ao non poder escoitar o himno.

Os de "Spain" funcionan como unha federación de asociacións de fútbol sala, mais non están recoñecidos a nivel estatal, mentres que os cataláns forman parte da Federación Catalana de Fútbol Sala e din que o erro estaba todo no campo rival.

Na segunda feira, o deputado popular no Parlamento catalán, Daniel Sirera queixábase de que Zapatero "está os pés de Esquerra e do PSC" ao non mover un dedo para prohibir un partido que el vía imposíbel, porque "unha parte de España non se pode enfrontar a outra". Mais o combinado estatal fixo en Siberia despregue de bandeiras.
Comentários (3) - Secçom: Païssos Catalans - Publicado o 12-06-2007 19:18
# Ligaçom permanente a este artigo
As Nazóns da Europa

Á hora de facer un mapamundi pódese facer de moitos tipos: físico, político, tectónico, meteorolóxico (moi cambiante, por suposto),... Os que non son moi comúns son os mapamundis das nazóns do mundo, de feito eu aínda non me topei con nengún; ollo falo de mapamundis, mapas mundiais... os mapas das nazóns por separado si son comúns: o da Galiza, o de Breizh, o do Kurdistan, o de Islandia, o de Vlaandérén,...

Non atopei ningún a nivel mundial, pero si un a nivel europeo :)

Este mapa que vos presento, das Nazóns da Europa, podedes atopalo (mesmo para mercalo) na páxina oficial das minorías europeas: EuroMinority. Nel, ademáis das bandeiras e territorios que comprenden as diferentes nazóns, tamén se fai un guiño ós territorios con forte personalidade de seu como pode ser Aragón, Asturies,Venetto, Savoué ou Andalucía. A verdade é que este mapa é moito máis acorde coa realidade que os comúns mapas políticos que só amosan os Estados soberanos, amosa unha Europa moito máis verdadeira, moito máis plural... a Europa que xurdiu dende tempos inmemoriais porque así viña dado que fose, e non a que se creou logo a base de casamentos e acordos monárquicos, posteriormente convertidos en Estados centralistas e opresores das realidades nacionais.

Dende logo que eu faría lixeiras variacións, como incluí-lo brazo galego que fica no Estado portugués na Galiza, mais creo que o mapa reflexa polo menos ó 98% a realidade de Europa. Eu asinaría agora mesmo sen dubidalo por crear dunha vez esta Europa verdadeira, esta Europa dos pobos ceibes de aldraxes alleos, esta Europa multilingüe e multicultural, esta Europa plural de Estados federais ligados entre si por mor de vencellos culturais froito da convivenza e non da invasión duns sobre outros.

Recoméndovos pasarvos por esta páxina das minorías europeas, que se pode ler en tódalas linguas minorizadas do Continente, para coñecer un pouco as realidades desta Europa que os Estados centralistas nos pretenden ocultar.

A globalización dunha soa cultura lémbrame certos microorganismos que se reproducen de xeito asexual, tendo a descendencia unha combinación xenética idéntica á dos seus predecesores... se as condicións son favorábeis expándense de xeito descontrolado; ás veces chegan a ser tantos que morren por sobreexplotación dos recursos alimenticios, outras, abonda con un mínimo cambio no seu ambiente, unha mínima variación da salinidade das augas ou un lixeiro descenso da temperatura, para que morran tamén TODOS, porque todos teñen o mesmo código xenético... é a variedade xenética a que permite que os adaptados a esas condicións logren perpetuá-la especie, e por moito que varíen as condicións sempre haberá algúns xeneticamente preparados para resistilas e seguir avante. Dicía Castelao que os probes animais aínda están no idioma universal, e un can ladra igual no Xapón que no Brasil.

Os que pretenden impó-la súa cultura á dos máis vulneran a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, e tamén o Lema Europeo.

O futuro non pasa pola globalización dunha soa cultura que remate coas outras, senón pola globalización do multiculturalismo, ese é o camiño a seguir.
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 11-06-2007 18:30
# Ligaçom permanente a este artigo
Os vellos galegos
Lémbrome dos galegos vellos que andan aboiados polas rúas cibdadáns. Parecen superviventes dunha gran catástrofe. Asáñanse coa ledicia dos rapaces, e refúngalle esta vil sentencia: "¡Xa chegaredes a vellos!" E os rapaces non dan creto.

Eles foron os supersticiosos do progreso. Adoraban o misterio da electricidade no miragre do arco voltaico, creían que a cultura viña polos aramios, ollaban nas máquinas a salvación do mundo, e para eles a letra de molde non podía mentir. Andan vestidos á moda que acaba de pasar, fuxen da raxeira do sol tapándose con sombrillas, falan castelán por señoritismo, desprezan a cencia dos labregos e mariñeiros, pintan de aluminio os balcóns da súa casa e síntense moi orgullosos de que nas alamedas da súa cibdade medren as palmeiras de África.

Eses vellos endexamáis ouviron falar a Antolín Faraldo i esqueceron o nome de Alfredo Brañas. E cando nos escoitan a nós, perguntan alporizados: "¿Que andan a decir eses tolos?"

Os nosos vellos son galegos e non o saben, porque sempre viviron nun mundo de mentiras e artificios, fóra das realidades íntimas, como arañas pantasmaes que tecen o esquecimento da súa propria eisistencia. Non; non é posible que estes vellos nos comprendan.

Eu teño mágoa de non velos ao redor da nosa obra, regalándose co noso traballo, axudándonos co seu ollar ledicioso, Eu quixera que amostrasen o orgurllo da súa vellez e que poideran decirnos: "Somos vellos porque fomos novos". Pero eles non tiveron mocedade.

Eu quixera ver detrás dos galegos vellos unha rolda de parados, a rillaren as angurias de non poder axudarnos, ou envexosos da nosa ventura biolóxica. E que os incapaces ou perguiceiros arelasen chegar a vellos para poder asistir con dinidade ao traballo dos mozos.

Endebén, podemos felicitarnos de que os vellos que andan agora polas rúas galegas son os derradeiros sobreviventes dunha época que non volverá.

Cando nós sexamos vellos iremos ver o traballo dos mozos e animarémolos coa nosa ledicia. E cando rematen unha obra tomaremos parte no albaroque do ramo.


Castelao. Sempre en Galiza. Adro, VII (páxs. 23-24)
Comentários (4) - Secçom: Sempre en Galiza - Publicado o 10-06-2007 15:41
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0