Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

O Couto Mixto
Unha República entre dous reinos, un lugar cheo de singularidades históricas e culturais, un símbolo da conexión entre a Galiza e Portugal. Asi é o Couto Mixto, un enclave de tres aldeas que durante séculos funcionou coma unha República Independiente, na fronteira galaico-lusa.

O Couto Mixto estaba constituído polos lugares actuais de Santiago, Rubiás, e Meaus, tendo unha superficie aproximada de 27 quilómetros cadrados. Na actualidade Santiago e Rubiás pertencen ó Concello de Calvos de Randín mentres o de Meaus pertence a Baltar.

Atópase entre dúas cadeas montañosas, a do Cebreiro e a de Larouco Pena. Unha lenda conta que os veciños da zona protexeron unha vez a unha fuxitiva princesa preñada, que deu a luz no Couto. Cando ela chegou a raíña otorgoulle grandes privilexios aos seus protectores. O neno foi San Rosendo, fundador de Celanova e Bispo de Mondoñedo. Nos mellores tempos documentados, a poboación no Couto chegou ao millar de habitantes; malia que hoxe tan só haberá unha cuarta parte, e a maioría de idade avanzada.

A orixinalidade do enclave foi que mantivo unha organizazón de seu, desvencellada tanto da Coroa Portuguesa coma da Española.

Así, as pequenas aldeas conformaron un territorio autónomo, unha pequena ?república? que se rexía polas disposicións dos veciños, comerciaba ceibemente e non dependía na práctica nin de España nin de Portugal.

Un xuíz, ou xefe político, elexido polos veciños, constituía a máxima autoridade de goberno, administrativa e xudicial, auxiliado por tres homes de cada aldea (chamados ?homes de acordo?) e un vigairo de mes, o axente executor. Os homes de acordo posuían cada un unha chave, e as tres xuntas abrían a arca na que gardaban os documentos oficiais. Esta arca gardábase nun dos tres pobos, e para abrila debíanse reunir doce homes máis os tres gardiáns das chaves, un total de cinco por pobo.

Ao carecer dun señor feudal, evitouse que o embrión de Estado se cohesionase, polo cal hoxe non figura nos mapas. Nembargantes, mantivo durante séculos esta independenza de facto, que lle daba privilexios como non contribuir con homes a ningún exército, practicar un comercio ceibe sen dar contas a ninguén, polo chamado Camiño Privilexiado (un camiño inmune á acción dos gardas da fronteira, que comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourém, atravesando terras galegas de Randín nun percorrido duns seis quilómetros que aínda hoxe se conserva). Recoñecían o dereito de asilo para fuxidos da xustiza hispana e lusa, e tiñan liberdade para cultivar tabaco e outros productos, cultivos que nos países veciños estaban fortemente controlados.

Cando no 1868 se rematou esta situazón, o lugar foi un nudo de contrabando, traendo tabaco, menciñas, xabrón, azucre, bacallau e sal de Portugal, e en sentido inverso desenrolouse un curioso tráfico de calzado. Os portugueses entraban no Couto cos seus zapatos máis vellos, compraban uns novos a bo prezo, e volvían a pasar a fronteira, previo abandono do calzado vello na cuneta. Ningún garda fronteirizo puido nunca reprocharlles nada. Este contrabando estivo arraigado até ben entrados os sesenta.

Dende hai anos, un grupo de veciños quere reviví-la zona e lembrá-lo pasado histórico das tres aldeas. Celebran para iso un festival a mediados de xullo, unha cerimonia na que lembran o protocolo dos tempos históricos. Malia que seña difícil algo de recoñecemento actualmente, os veciños conseguíronno recentemente, cando Portugal instalou uns muíños eólicos na serra de Larouco, fronteiriza coa Galiza. Pero dous destes muíños estaban en terreos de pastos comunais do Couto, marcados cun pedrón coas iniciais C.M. Denunciada a situazón, Portugal recoñeceu o erro, e agora paga uns 6000 euros anuais en concepto de aluguer.
Comentários (2) - Secçom: Cultura - Publicado o 02-06-2007 12:40
# Ligaçom permanente a este artigo
Nueva toponimia gallega
Agora que pasaron as eleccións os nosos políticos gozan de novo de liberdade para facer o que lles pete durante catro anos. E tamén agora que o BNG da Coruña fai proposicións radicais e imperialistas non se sabe con quén ha pactar Mr. Losada.

A súa intención inicial de seguro que había ser renomeá-los lugares que ficaron con denominazón obsoleta por non lle ter posto o nome na língua cervantina durante o Vazquismo; así, a Avenida da Sardiñeira pasariá a chamarse "Avenida de la Sardinera", a Ronda de Outeiro, "Ronda de Otero", e a Praza das Conchiñas, "Plaza de las Conchitas".

Os ricos irián a vivir ó monte de "La Zapatera", e o polígono de Bens pasaría a chamarse polígono "de Bienes". O barrio de Labañou sería entón de "La Bañó", e o de Elviña, converteríase no barrio de "El Venía".

Na área metropolitana, o cambio máis importante afectaría a Culleredo, que pasaría a chamarse "Cucharedo", e por tanto, Fonteculler sería tamén "Fuentecuchara". Vilaboa locería máis como "Villabuena", e A Corveira revalorizaríase ó chamarse "La Cuervera". A parroquia de Veiga podería ser "Vega", e a de Castelo, "Castillo". En Oleiros intentaríase cambiá-lo nome polo de "Olleros", e San Pedro de Nós pasaría a ser "de Nosotros".

Tamén se poderían facer cambios na Costa da Morte, que pasaría a ser "Costa de la Muerte", e así, Carballo sería máis cool sendo "Roble", e preto de alí, A Silva sería "La Zarza", e mesmo se podería construír un palacio... Muxía soa demasiado bruto fronte ó fino nome de "Ordeñaba". Pino do Val estaría moito mellor sendo "Pino del Valle".

Por Ferrolterra, a nosa imaxe de cara ó exterior melloraría moito, pois todo o mundo desexaría visitar "Campo Largo", "Puentedeume", "Las Puentes de García Rodríguez", "Valle del Vino", "Cedera", "Ortiguera" e "San Andrés de Teijido".

Non podemos esquencernos do resto da Galiza, que tamén sería modernizada cambiando Ponteareas por "Puentearenas", O Porriño por "El Porrito" (que sería un paraíso hippie, algo así coma Ibiza), Monforte por "Monfuerte", A Fonsagrada por "La Fuentesagrada" (asegurándose o subministro de romeiros), A Rúa de Valdeorras por "La Calle de Valledeorras" e Becerreá por "Ternereá".

Así poderíamos seguir con infinidade de nomes a modernizar pra entrar no século XXI: "Rianjo", "Bueymuerto", "Puertosín", "Valle de la Iglesia", "Iglesia Hecha", "Puentenueva", "Cabañas", "El Infiernito", "El Roblecito", "Encima del Eo", "Campoembarrado",... caso aparte merece "San Ginés", que por pura iñoranza tódolos pijo-guays traducen coma "Sanjenjo".

Mesmo chégase a falar de que Sir Paco utilice as súas influenzas actuais para que deixen de referirse ó Vaticano coma Santa Sede e pase a chamarse Santa Sed. Que para iso beben a súa copiña en cada misa... de Ribero, ou Alvarito!

O derradeiro
Comentários (23) - Secçom: Reflexions - Publicado o 02-06-2007 00:04
# Ligaçom permanente a este artigo
A "Xeración Xabarín"
Os menores de 30 anos aprezamos o galego máis ca nunca, ao tempo que deixamos de falalo.

Non somos académicos nin lingüistas nin políticos. Non estamos obrigados a sermos correctos nin a quedar ben co tema da lingua, cando menos de maneira consciente, aínda que hai algo nas nosas cabeciñas que nos di que o galego está moi ben, que non debería perderse e que o habería que falar máis. Que o falemos ou non é outra historia, moi distinta da dos nosos pais.

Nacimos en democracia, somos coetáneos do Estatuto de Autonomía, medramos coa TVG e tivemos galego na escola. Porén, somos os que menos galego falamos. A documental Linguas cruzadas, estreada o Día das Letras Galegas na Galega e agora dispoñíbel en Internet, retrata á nosa xeración nacida nos 80, a Xeración Xabarín. Para moitos a única referenza mediática en galego foron os famosos debuxos animados da galega. Case todos temos carné do Xabarín. Pero tamén hai moitas circunstanzas que nos separan e que condicionan a nosa diferente relación coa lingua.

María, que naceu no 1989, teno claro: "O castelán é para a clase de lingua". Estuda segundo de Bacharelato no instituto da Terra Cha, un caso particular de monolingüísmo onde se contan cos dedos dunha man os alumnos que falan castelán e ademais non son moi ben vistos polo resto dos rapaces. "Eu creo que é por darse a máis", di María, "será por darse un aire pijo, porque se non non se entende". Tampouco se explican a actitude de seus pais, os que lles trasmitiron a súa lingua, que teñen máis vergonza de falar galego. "Por exemplo cando van a unha tenda a Lugo axiña cambian de idioma, non sei, pensan que non os van entender", din con ton de burla, porque eles xa nunca cambian de idioma "a menos que teña que ir fóra de Galiza, claro, pero aínda así cústame máis expresarme en castelán". Son conscientes da súa excepcionalidade a respecto a outros mozos da súa quinta. "Dende aquí non coñecemos ben o que están pasando moitos sitios. Nós pensamos que vai moi ben, pero claro, despois vaste a Lugo ou A Coruña e non oes mais que castelán".

E así é. Na Coruña atopar alguén de menos de 20 anos que fale galego non é que sexa raro, é que xa se dá por feito que non é coruñés. Polo menos iso lles pasa aos amigos de Roli, estudante de Turismo nacido no 86, que só o falan cos avós, ou nin sequera. Estudaron galego na escola e a maioría afirma ter un coñecemento total do idioma, pero a "falta de costume" impídelles atreverse a utilizalo.

Algúns amosan certo pesar por non usar a lingua de seus pais, que sendo galegofalantes decidiron educalos en castelán para que non o pasasen mal na escola. Porque se ben agora non, recoñecen certa crueldade cando eran rapaces. "Venía uno en mi clase que hablaba gallego y sí que se le quemaba un poco", admite Roli. "Pero por garrulo, no porque hablara en gallego". "También hay mucho garrulo que habla castellano", engaden os colegas.

Moitos din que lles gustaría falar máis en galego pero cren que xa é demasiado tarde, e depositan as culpas nos seus pais, nos políticos, na moda... "A pouca xente que coñecemos que fala galego cambia para falar con nós, entón nós que imos facer", din Ana e Raquel con resignación. Nótanse as clases de galego, e vese que non lle suporía moito esforzo falalo. Se tivesen con quen.

Outros casos demostran que esa contradición interna pódese superar, con esforzo e vontade, aínda que se cadra hai que desintoxicarse un pouco do ambiente de orixe para atreverse a dar o paso. Así nacen os neofalantes, un neoloxismo alcuñado entre a mocidade universitaria santiaguesa no que se recoñecen centos de mozos que decidiron empezar -ou volver- a falar galego ao chegaren ao campus. É o caso de Fer, estudante de Física de 22 anos que de criarse na Coruña sen ningún contacto co galego pasou a falalo con todo o mundo... agás cos seus pais, cos que aínda lle é difícil cambiar de idioma, aínda que ten o propósito de facelo.

Fer nega o tópico de que os neofalantes sexan todos nacionalistas, aínda que admite que na maioría dos casos priman as razóns políticas, mesturadas coas razóns de inmersión social, mesmo sentimental. Desta última dá boa conta Eva, a súa moza, que empezou a falar galego dende que sae con el. O galego como ETS (enfermidade de transmisión sexual) é un chiste privado cun gran fondo de verdade que circula moito entre os neofalantes composteláns.

Á fenda xeracional na transmisión do galego únese a fenda socioxeográfica, que ten un dos seus puntos máis críticos nas vilas. O documental achégase ata Bueu, onde, a través dos xogadores dun equipo de balonmán, constatamos a hexemonía total do castelán entre os rapaces. "Os nosos pais falannos galego pero nós falamos castelán por levar a contraria", confesan entre risas Andrés e Mauro, dous irmáns de 16 e 18 anos. Andrés conta como cando era pequeno falaba en galego con todo o mundo, ata que chegou á escola e viu que todos os profesores lle falaban castelán. Os seus pais non o tomaron moi ben aínda que xa están resignados, e albiscan a esperanza de que algún día volvan falar galego. Pero aínda ten que pasar moito para iso. A Andrés de momento dálle vergonza falar en galego cos seus pais.

"Botamos de menos todo en galego". Niso concordan falantes de galego e castelán, monolingües ou a tempo parcial. A televisión, os cómics, Internet, a prensa ... O pouco que hai en galego asóciano á escola, aínda que todos mencionan a Harry Potter e a Shin Chan como referentes nesta lingua. O que máis estrañan é a música. "É que todo o que hai son cancións moi vellas ou gaitas", din na Terra Cha.

Cando se lles comenta que algo de música moderna en galego existe, non o acaban de crer. O ámbito cultural no que se prodigan esas cousas élles completamente alleo. E xa o di Fer, o noso físico: "Estase enfocando a normalización cara ás letras, as artes, as Humanidades, pero non hai ciencia en galego". E Tania, que é unha das primeiras da súa clase na Terra Cha, fala con sinceridade: "Os concursos literarios están moi ben para a xente que escribe, pero á outra, como a incentivas para que use o galego?".


Un artigo de María Yáñez cunhas certas modificacións á primeira persoa que considero imprescindíbeis ;)
Comentários (2) - Secçom: Reflexions - Publicado o 01-06-2007 16:59
# Ligaçom permanente a este artigo
Pasa a ponte!!!

Durante todo o día de hoxe, venres 1 de xuño, estarase a emití-lo programa Ponte nas Ondas.

Entrade na páxina Ponte nas ondas e desfrutade en directo dende a vosa computadora desta fantástica experiencia de unión cultural de tódolos galegos... os galegos da Galiza e os galegos de Portugal.

Poñédevos nas ondas!!


E... Pasade a Ponte!!
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 01-06-2007 15:38
# Ligaçom permanente a este artigo
As cores do solpor
Xa tiña medio esquencida a miña "sección de vídeos". Agora fago un novo artigo pra ela porque considero todo un descobremento este grupo do que non tiña nin idea da súa existenza.

Trátase de Loretta Martin, ós que descubrín grazas ó disco No bico un cantar que viña con La Voz de Galicia co gallo do Día das Letras Galegas... un disco-compilazón de grupos galegos de tódolos estilos. Encantoume o seu estilo fresco e cheo de novo ar na música galega, ó escoitalo lembreime deste artigo: Galiza, 12 points :)

Os coruñeses Loretta Martin (Brais Morán -voz e guitarra-, Fran Sanz ?baixo- e Iago Otero -batería-) comezaron a emitir no 2002 comopoñendo melodías de blues-rock, aínda que a influenza de grupos coma -123 min, Zuco 103, Jamiroquai ou Red Hot Chili Peppers deixou fonda pegada na súa música.

A súa proclama non deixa lugar a dúbidas: ?non hai nada que poda ir atrás?. Así que, coa única pretensión de divertir e sempre na procura do groove e fuxindo da pureza, a nova singradura destes tres coruñeses discorre por roteiros aperturistas e fusionadores nos que o funk, o jazz e a música brasileira modelan o son cara a uns sons que se poderían definir coma Funk-Rock.

Na súa páxina podedes mesmo descarregá-la promo do seu disco Paraíso Distante, que trae tres cantigas, fotos e letras. Realemente Grandes!!

Loretta Martin - As cores do solpor
Comentários (1) - Secçom: Música - Publicado o 01-06-2007 03:20
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0