Avante Galiza! |
|
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.
(Castelão - Sempre em Galiza)

|
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Chega o Galitrén? |
|
O deputado nacionalista e voceiro do BNG no parlamento español Francisco Rodríguez, preguntoulle á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, polos problemas de modernización da infraestrutura ferroviaria en Galiza, así como polo trazado do AVE da Meseta ao seu paso pola mina de Serrabal.
O ministerio confirmou que o tren de alta velocidade manterá o seu trazado pola explotación mineira, o que evitará posíbeis atrasos. No entanto, no que respecta ao estado da rede ferroviaria galega, Álvarez cinguiuse aos AVEs que unirán as cidades galegas, máis non fixo referencia aos traxectos de proximidade, que contan cun servizo anticuado e irregular.
Francisco Rodríguez advertiulle que de non mudar a actitude de Renfe con respecto a Galiza, o BNG impulsará unha compañía propia, que vertebre territorialmente o país. Neste mesmo senso, xa se pronunciara o vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, quen denunciou que "nas conexións locais é onde se ven de forma máis evidente as carencias do carácter centralista do sistema ferroviario español".
Dende Vieiros enquisaron a Francisco Rodríguez:
Que carencias ten a rede ferroviaria galega?
A Xunta está a pagar 3.600.000 euros anuais polos servizos prestados polo Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) en media ducia de liñas, tal como A Coruña-Ferrol, A Coruña-Monforte, Ourense-Lubián, sen apenas uso, que funcionan fatal, con malos horarios e que teñen trens moi antigos. En catro anos poderíase rendibilizar este gasto, e pór en marcha unha rede pensada dende Galiza para Galiza, con trens modernos na que a Xunta asumise a responsabilidade da súa xestión.
De que xeito?
O BNG é partidario de pór en marcha unha compañía ferroviaria galega que se encargaría desta xestión. Para isto habería que negociar co Adif o pago dun canon de 2.000 millóns de pesetas (12 millóns de euros), que, como digo, en catro anos pode estar rendibilizado e permitiríalle a Galiza contar cun ente de seu. Sería máis un investimento que un gasto. No entanto, a súa posta en funcionamento levaría moito menos tempo.
Pode a Xunta asumir esas competencias?
Pode, ao igual que as compañías de trens de proximidade que xa funcionan en Cataluña ou Valencia, ou en Euskadi co Euskotren. O BNG quere impulsar unha lei no Parlamento que permita materializar isto.
O Estado, o Adif, aceptará?
Haino que negociar, mais é probábel que estean máis que dispostos a prescindir destes servizos que non son quen de xestionar, mais a decisión pode ser tomada unilateralmente pola Xunta. O que cómpre é vontade política.
Hai esa vontade política no PSdeG e no PPdeG?
O PSdeG é posíbel que lle poña impedimentos a creación dunha compañía ferroviaria galega. O PPdeG non, porque está na oposición.
Eu penso que se logramos unha estructura ferroviaria galega equiparábel ó Euskotren o noso País vai dar un enorme chimpo tanto a nivel cualitativo coma cuantitativo... un avance tal que coido que non somos quen de imaxinalo.
Sabedes o que é chegar ó traballo, nunha poboación allea á nosa, nuns minutos por apenas 1???
Sabedes o que é non ter que collé-lo coche tras traballar durante 8 horas no turno de noite pra voltar á casa??
Sabedes o que é ir a saír de carallada á vila do lado sen ter que preocuparse de que un non beba pra levá-lo coche??
Eu dende logo, que estiven en cidades polo mundo adiante con servizo de trens de cercanía e tamén viaxei no Euskotren, non dubido que, de se cumprir, será un dos meirandes avances que tivesemos nunca.
Agora ben... é preciso que a Xunta se poña nos seus trece e tome a decisión de xeito unilateral se é preciso... porque se temos que agardar polo Estado é moi probabel que o que suceda sexa algo coma isto:
|
|
|
|
Sempre en Galiza |
|
Onte decidinme, din o paso. Pensei que xa estaba en disposición de ir Máis Alá, como dicía Manuel Antonio. Tras unha tarde de estudo, paseo e internet dirixinme a última hora con paso firme á libraría Follas Novas, baixei as escaleiras até o terceiro andar e fun onde estaban os libros de Castelao... botei unha ollada e alí estaba: Sempre en Galiza. Collino firmemente, pagueino relixiosamente e dirixinme á casa.
Non puiden agardar... non tiña tempo pra lerias... de cea fíxenme un par de ?sándwichs? de salchichas con ketchup (unha receita rara e rápida que aprendín en Irlanda, están bos, en serio! E ademáis o ketchup évos moi bo pra a próstata) e fun ó sofá. Puxen música (non me gusta o silenzo) e, tras unha fotografía de Castelao e unha adicatoria ?En memoria de Alexandro Bóveda?, lin as primeiras liñas:
Os tres feixes de discursos que se axuntan neste volume -reflexos dun mesmo ideal- foron escritos no desterro, para escorrentar a morriña, e responden a situacións diferentes de lugar e tempo: Valencia e Barcelona (1937), Nova York e Océano Atlántico (1940), Bos Aires (1943). E cavilando no limiar que debía compor para encabezalos, opino que poden valer os pequenos artigos que escrebín en Badaxoz (1935), cando Lerroux tivo a ben ordear que me preparase para maores ausencias.
Comecei a lelo e sorprendeume moito, moitísimo o que di este home... non polo de novidoso, senón porque eu cheguei ás mesmas conclusións sen ter lido máis que algún pequeno fragmento das súas ideas nalgún blog, unha parte ínfima da súa obra literaria. Esta obra érame (éme de feito, pois aínda moito me queda por ler) completamente allea e, nembargantes, Castelao e mais eu chegamos a unhas mesmas conclusións. Isto fíxome cavilar... fíxome cavilar no moito tempo que este home tivo que pasar a darlle voltas á cabeza, e dígoo porque eu pra chegar ás conclusións ás que cheguei até o de agora (e que agardo que continúen evolucionando cara adiante, e sempre en positivo) deille centos de miles de voltas ás miñas ideas, lin cousas por aquí e por acolá, machiqueinas, remoínas, transformeinas e fíxenas miñas.
Que sinificado ten isto pra min? Non é senón a confirmación de que o galeguismo e a galeguidade non son froito das teorías dun home que deu en escribir un libro, senón que veñen dadas pola lóxica ilóxica da nosa Terra. Unha nazón é ou non é... se non existe non se pode inventar, e se existe non se pode agochar.
Por que tardei tanto en lé-la que se considera obra mestra do nacionalismo galego? Tiven eu un mestre, un dos bos mestres que tiven, de tecnoloxía, que dicía que Sempre en Galiza era unha obra imprescindíbel a ler pra todo o que se profesase de nacionalista. Eu non quería ter unhas ideas de papel, unhas ideas baseadas en tinta que enchoupa a folla... o ?nacionalismo? andaluz considera a Blas Infante o pai da súa patria, o que escribiu o que era Andalucía; iso é precisamente inventar unha patria, iso é o que fixo Isabel de Castela cando quixo unificá-la península baixo o seu xugo pra crear unha patria artificial. Eu quería que as miñas ideas viñesen da base, do pobo, e non dunha panda de intelectualoides de café; pra iso autoimpúxenme un proceso de aprendizaxe no que fun coñecendo dende o máis rancio galeguismo reclamador da independenza da Galiza pra sermos unha nazón de gaita, cacique e carro dos bois ó máis rancio españolismo reclamador dunha unidade de destino no universal de flamenco, misa e touros.
Eu, coma Castelao, intereseime polos eidos a seguir da Galiza dende o estranxeiro, dende fóra da nosa Terra... porque é dende fóra cando realmente se entende á Galiza. Sempre me gustou o punto de vista obxectivo... se os españois todos visen España dende fóra o seu xeito de pensar había ser ben distinto, e se tódolos galegos vísemos á Galiza dende fóra outro galo nos cantaría. Agora ben, á hora de defendela hai que facelo dende dentro, porque senón sería imposíbel comprender as inquedanzas da xente, e xurdirían cousas como as que suceden co voto emigrante, que se cren con dereito a decidí-los vieiros a tomar da Galiza sen tan sequera ter pisado os seus montes nin arrecendido o seu mar.
Arrisqueime a poñerlle á miña bitácora o nome desta obra arriscándome a que alguén me falase dela e comprobase que era un perfecto iñorante do seu contido... sómentes vía entón a forza do seu nome, a súa representabilidade. Agora vexo neste proxecto a procura dos mesmos anceios que este homiño predicaba dende tódolos vieiros do mundo, e matei así, aplastando definitivamente, ós meus ídolos.
As ideas ás que chegou Castelao non chegou por ser un xenio... chegou porque veñen dadas, estan aí, só hai que saber velas có cerebro e non só cos ollos. Eu mesmo cheguei a todas esas conclusións, e non son un ilustre escritor nin político, e non teño nin idea de pintura.
Penso agora en tantísimos artigos e ideas que escribín e non publiquei, ou que directamente borrei cando tiña a medio escribir porque non me remataba de convencer o xeito de redactalas... eu sonvos mellor predicador de bar, escudado tras unha caña e abrazado polo fume do tabaco non hai contenda verbal que se me resista... cantas ideas firmemente aferradas nalgunhas persoas teño deitado cun certeiro golpe dunha idea totalmente tola, que só a alguén que antes lle deu moitas voltas ó tema se lle poderían ocorrer, e que sorprenden pola súa sinxelísima lóxica aplastante.
Agora sei que a meirande parte destas ideas non precisaba de publicalas... xa estaban escritas nun libro que curiosamente comparte nome coa miña bitácora ;)
E así, mirando sempre cara adiante, pensando sempre en positivo, evolucionando sempre no meu pensar, agardo que todas estas ideas se espallen polo mundo, mais, sobre todo, que boten raíces... e fiquen... Sempre en Galiza. |
|
|
|
Non teñen remedio |
|
As forzas da esquerda, PSOE e BNG, poden formar governo nas sete cidades galegas. Na capital da nación, Santiago de Compostela, nas catro capitais de provincia, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, na cidade máis populosa, Vigo, e no simbólico Ferrol coa presenza de EU. Unha situación excepcional, mui diferente da de Andalucía, tida como referente da esquerda, onde como sempre a maioría das cidades van ser governadas polo Partido Popular ou de Madrid, o feudo da direita castiza.
Non é nada novo. Xa en 1999, muito antes da derrota do PP nas eleicións galegas de 2004 e anos antes da catástrofe do Prestige, o PP non governaba máis que en Ourense. Ainda máis, en 1999 o BNG governaba coa alcaldías en Vigo, Ferrol e Pontevedra cando o PSOE só tiña as outras tres.
Daquela era evidente que a idea de Galiza como país conservador e atrasado non se correspondía coa realidade política e social. Nen era a praza do PP, nen necesitaba engancharse como vagón de cola á locomotora do progreso que seica avanzaba desde Madrid, como pretendían os que desde a esquerda perderan a autoestima.
Hoxe os resultados galegos só son comparábeis aos de Cataluña.
Non o cren así os medios madrileños. Salientaron con razón os resultados de Navarra, tan reveladores como os galegos, subindo a primeiro plano unha realidade vasco-navarra que pretendían ignorar. Destacaron os do seu Madrid, malia que alí non houve nengunha surpresa, e os de Canarias e Baleares, de menor transcendencia política.
Os de Galiza non. Non teñen remedio.
|
|
|
|
Carretaxe en Ourense |
|
A Garda Civil foi requirida en dez mesas electorais de Ourense, a provincia na que se rexistraron máis denuncias de carretaxe de votos:
- En Vilamartín de Valdeorras un apoderado do PSdeG en Valdegodos denunciou á neta do alcalde de Vilamartín de Valdeorras por carretaxe de vellos.
- O candidato do PSdeG de O Bolo acusou ó tenente de alcalde, do PP, de carrexar votantes. En Viana do Bolo, o PSdeG denunciou a un veciño afín ó PP por quitarlle o DNI a un disminuído psíquico ?para asegurá-lo voto ó seu partido?.
- A Garda Civil identificou en Avión ó condutor dun bus que recolleu a trece persoas con destino ó colexio electoral de Amiudal.
- En Quintela de Leirado a Garda Civil comprobou que un autobús que transportaba votantes fora contratado polo alcalde.
- O Bloque de Rodeiro pediu a presenza da Garda Civil tras acusar ó alcalde de levar a electores á mesa de Guillar. Os populares explicaron que o bus institucional non parou no lugar previsto e eles se ofreceron a levar ós electores.
- A Garda Civil investigou a posíbel compra de votos para o PSOE entre cidadáns romanís en Silleda.
- O BNG de Cervo denunciará a carretaxe de votantes por persoal municipal de axuda a domicilio. Segundo os nacionalistas, os traballadores foron ameazados.
- En Ames EU-IU pediu a anulazón de votos do BNG en catro mesas por propaganda dos nacionalistas.
- En Monterrei unha veciña que trasladaba a varios vellos a un colexio electoral presentou unha denuncia tras seren fotografada por unha candidata do BNG. Tamén se rexistraron acusacións de carretaxe en Muras, A Rúa, Xunqueira de Ambía e Laza. |
|
|
|
Os meus soños... as vosas furnas |
|
Xa pasou... rematou a campaña electoral e agora é tempo de novo de tirar cara adiante. Lonxe quedou xa o tempo de prometer, agora é o tempo de actuar. Novos tempos, novas ideas, novas espranzas, novo futuro... Futuro, esa é a clave.
Os galegos démoslle unha oportunidade a unha nova Galiza plural, unha Galiza farta de dualismos e maiorías. Galiza deulle unha lección a todo o Estado... o futuro pasa por gobernos progresistas por e para todos, os tempos das ditaduras monopartidistas remataron, son vellos, xa non os queremos. Algo que eu sempre lles digo a aqueles ós que se lles enche a boca e o bandullo ó dicí-la palabra ?Democracia? é que a democracia non é senón a ditadura da maioría sobre a minoría, de xeito que temos que facer por que sexa o máis levadeira posíbel apostando sempre polo progreso.
O meu voto foi en branco, limpo coma a miña conciencia. Fiquei sen alternativa... houbo quen se sorprendeu porque eu, galeguista como son, negueime a votar ó BNG. O caso é que eu penso que a Galiza ten que ser un país ceibe... un país ceibe de caciques; e todos sabemos que o poder desgasta e corrompe, e iso de gobernar nas Pontes indixestóuselles ós do Bloque.
Os resultados na miña vila amosaron unha vez máis que o fachismo non ten cabida entre os traballadores. Dos 17 concelleiros a repartir nas Pontes o PSdeG levou 8 sendo o partido máis votado, seguíndoo de preto o BNG tamén con 8 concelleiros e os españolistas conservadores só terán 1 representante. Os ponteses decidimos un cambio, un goberno cheo de mocidade con moitísimas propostas novas para o concello... emulando un capítulo recente da Historia digo: ?Valentín, non nos falles?.
Agardo que as promesas non fiquen en verbas espalladas polo mundo adiante por acción do ar. Agardo que o BNG se reorganice e limpe a súa conciencia. Agardo unha aposta polo futuro... e agardo que nas vindeiras eleccións o meu voto teña cabida nas furnas e non teña que absterme de participar desta farsa pra manté-la miña conciencia limpa, porque nesta ocasión ningún dos meus soños tiña cabida nas vosas furnas. |
|
|
|
|
|
|
|
|