Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Memoria da noite


Memoria da noite - Luar na Lubre

Madrugada, o porto adormeceu, amor,
a lúa abanea sobre as ondas
piso espellos antes de que saia o sol
na noite gardei a túa memoria.

Perderei outra vez a vida
cando rompa a luz nos cons,
perderei o día que aprendín a bicar
palabras dos teus ollos sobre o mar,
perderei o día que aprendín a bicar
palabras dos teus ollos sobre o mar.

Veu o loito antes de vir o rumor,
levouno a marea baixo a sombra.
Barcos negros sulcan a mañá sen voz,
as redes baleiras, sen gaivotas.

E dirán, contarán mentiras
para ofrecerllas ao Patrón:
quererán pechar cunhas moedas, quizais,
os teus ollos abertos sobre o mar,
quererán pechar cunhas moedas, quizais,
os teus ollos abertos sobre o mar.

Madrugada, o porto despertou, amor,
o reloxo do bar quedou varado
na costeira muda da desolación.
Non imos esquecer, nin perdoalo.

Volverei, volverei á vida
cando rompa a luz nos cons
porque nós arrancamos todo o orguio do mar,
non nos afundiremos nunca máis
que na túa memoria xa non hai volta atrás:
non nos humillaredes NUNCA MÁIS.
Comentários (1) - Secçom: Música - Publicado o 26-11-2006 16:55
# Ligaçom permanente a este artigo
En qué lingua falo?
Dende que as insignias se chaman pins, os maricóns gays, as comidas frías lunchs, e os repartos de cinema castings, o noso país xa non é o mesmo: agora é moito, moitísimo máis moderno.

Antes os nenos lían tebeos no canto de comics, os estudantes pegaban posters crendo que eran carteis, os empresarios facían negocios no canto de business, e os obreiros, tan ordinarios eles, sacaban a fiambreira á hora do xantar no canto do tupper-ware. Eu, na escola, fixen aerobic moitas veces, pero, parvo de min, cría que facia ximnasia.

Ninguén é realmente moderno se non dí cada día cen palabras en inglés. As cousas, na outra lingua, sóannos moito mellor. Evidentemente, non é o mesmo dicir bacon que panceta, inda que teñan a mesma graxa, nen vestíbulo que hall, nen inconvinte que handicap,...

Dende ese punto de vista os galegos somos modernísimos. Xa non dicimos biscoito, senón plum-cake, nin temos sentementos, senón feelings. Sacamos tickets, mercamos compacts, comemos sandwiches, imos ó pub, practicámo-lo rappel e o raffting, no canto de acampar facemos camping e, cando vai frío, limpamo-los mocos con kleenex.

Esos cambios de linguaxe influíron nos nosos costumes e melloraron moito o noso aspecto. As mulleres non usan medias, senón panties e os homes non usamos calzóns, senón slips, e despois de afeitarnos usamos after shave, que deixa moito máis frescor que o tónico post-afeitado. O galego moderno xa non corre, porque correr é de cobardes, fai footing; non estuda, pero fai masters e nunca consegue aparcar pero sempre atopa un parking. O mercado agora é o marketing: o autoservicio, self-service; o escalafón, ranking e o representante, manager. Os importantes son vips, os ariculares walkman, os postos de venda stands, os executivos yuppies; as coidadoras de nenos baby-sitters, e até nannies, cando o falante moderno é, ademáis, un pijoletas.

Na oficina, o xefe sempre está en meetings ou brain storms, case sempre coa public-relations, mentres a assistant envía mails e organiza trainnings; logo irá ó ximnasio a facer gim-jazz, e atoparase con tódalas da jett, que veñen de facerse liftings, e con algunha top-model amante do iogur light e o body-fitness. O arcaico aperitivo deu paso ós cocktails, onde se fartan a bitter e a roast beef que, malia que pareza o mesmo, engorda moito menos que a carne.

Na tele fanse magazines, non programas, e cando o presentador dí varias veces OK e baila como un trompo polo escenario a cousa chámase show, ben distinto, como saberedes, do antigo espectáculo. Se o show é heavy é que conten carnaza e se é reality parece o defunto diario El Caso, pero en moderno. Entre medias, por suposto, xa non poñen anuncios, senón spots que, aparte de ser mellores, permítenche facer zapping. Estas cousas enriquecen moito.

Para ser ricos de todo, e quitarnos o complexo terceiromundista que tivemos noutros tempos, só nos queda dicir con acento americano a palabra que os galegos exportamos ó mundo: MORRIÑA.

Antes de escribir isto non sabía se tiña stress ou estaba até os collóns... AGORA SEI QUE É O SEGUNDO.
Comentários (1) - Secçom: Humor - Publicado o 19-11-2006 00:49
# Ligaçom permanente a este artigo
A lingua nosa
Trece. Ía ser o día de hoxe o elixido, o trece. Curioso número, maldito por uns e desexado por outros. Superstizóns aparte, e tan só froito da casualidade, ao final non foi o trece o día escollido para empregá-lo galego por primeira vez como lingua oficial no Consello da UE.

Anxo Quintana ía ter este privilexio, programado xa dende hai meses. Ía ser unha estrea mundial, pois falaría no Consello de Ministros de Educación, Cultura e Xuventude en Bruxelas, lonxe da Terra, e á vez máis preto ca nunca dela.

O azar fixo que fora Ricardo Varela quen lle roubara tal título case unha semana antes. Non deixa de ser curioso tamén que sexa o conselleiro de Traballo quen fale por primeira vez na nosa lingua, porque traballo é o que se precisa para acadá-la normalizazón do idioma. O asunto vén de lonxe. Xa no 1992 o Consello de Europa aproba a Carta Europea das Linguas Reixionais ou Minoritarias (todo un erro, por outra parte, facer distinción categórica de linguas), entendendo a pluralidade lingüística europea como riqueza cultural, e declarando a responsabilidade dos poderes públicos de defenderen a complexa situazón das linguas minorizadas, afirmando que para a promoción e salvagarda das devanditas linguas é vital o seu emprego, a tódolos niveis. Catorce anos despois, seguimos a traballar niso; e o que doe máis, seguimos a batallar con iso.

Seren "o primeiro" sempre pecha un certo orguio, pero neste caso, o importante non é ese título, senón o feito en si, o uso da lingua galega.

A lingua de Rosalía, de Curros, de Pondal. A lingua de Cunqueiro, Castelao e Pedrayo.

A lingua das loubanzas e das críticas, dos prantos e das risas.

A lingua das cantigas e do rock bravú.

A lingua dos grandes e dos nenos; a lingua de onte e de hoxe. A lingua dos rumorosos e a lingua das bolboretas.

A lingua túa e miña. A lingua nosa.
Comentários (1) - Secçom: Língua - Publicado o 19-11-2006 00:46
# Ligaçom permanente a este artigo
Viva Galiza Ceibe
Cartaz do Estatuto GalegoTraio aínda fresco nos ollos o contorno da patria. Dende Teixido a Santa Tegra e dende Fisterra ao Caurel, Galiza vén como nun sono a campear aquí no teito de Europa para reclamar na súa propia voz o seu sangue espallado polo mundo, a súa xente perdida, o esforzo de tanto traballo, de tantas bágoas de raiba e de saudade, que tamen a ela a deixan orfa, escoada, valeira dos seus millores fillos. Veño, irmáns, a nome da Terra Nai a travervos a palabra sagrada do seu amor e do seu desespero. A traveso dos tempos esta vella sofrida e abandonada que é a nosa patria foi perdendo o froito dos seus partos, e tén a casa a medio erguer, a eira sen cercado, a onde entran as aves de rapiña para desposuila constantemente de todo canto é seu, para desfigurala, para deixala cega nos camiños do mundo. Cada un de vós é unha pinga de sangue que se lle foi e que a vai deixando pouco a pouco nunha anémia perniciosa da que non se pode recuperar.

Non pode haber unha pátria forte e farturenta se todos os seus fillos non a habitan. A desgracia histórica de non ser do noso país e que nos obriga a andar polas portas do mundo tén que chegar ao seu fin. O noso povo tén que coller as rendas do séu destino, ou vai a desaparecer do conxunto das nacións saíndo pola porta pequena como saían os escravos e os ilotas.

Que a pátria consiga a plena liberdade, que a Nai forzada ao abandono volva a acoller aos seus fillos, que todos construamos en paz os muros da nosa casa común, que aremos as terras, que poñamos a funcionar as fábricas, que ergamos as nosas mans en defensa do que nos pertenece, e que ninguén mais teña que saír polo mundo senon é para gozar de hoteis de cinco estrelas e non para limpalos etermamente e que outros os disfruten.

Se despois do esplendor medioeval que puxo a Galiza nos cumes da cultura univeral, as circunstancias históricas non nos foron propícias e pasamos a ser un pobo e unha lingua dominados, as consecuencias económicas da dominación fixeron de nós unha colonia expoliada, empobrecida polos foros e tributos, e aínda máis: deshabitada sistemáticamente da súa mocidade máis cumprida, adestrada e obrigada para a emigración e para que os seus aforros (eses cartos desditados conseguidos entre a penuria e a lonxanía) engrosasen a Banca do Estado para beneficiar outras latitudes que nos ollaban con desprecio e villanía. Este ir escoando ao traveso dos tempos o sangue novo e vizoso do povo foi empobrecendo-nos cada vez máis. Os grandes logros dos galegos, os seus grandes triunfos de organización mutual e empresarial foron-se dando en lonxanos territórios, que milloraron o seu caudal e a súa facenda á conta do noso esforzo. Países como Arxentina, Cuba ou Venezuela fixeron as súas modernas estructuras en base do traballo e da imaxinación de milleiros de galegos transplantados que non puderan na súa terra levar a cabo esa labor de redención e de progreso. Agora os que andades polos vieiros da Europa estades a erguer coas vosas própias mans a riqueza dos países que nos someten e que nos empobrecen cada día máis. Debaixo do mapa dos Estados da Europa subxace a verdadeira Europa dos Pobos, que tén que aflorar para que Europa viva en harmonia co seu própio ser. Ademáis de reclamar os nosos dereitos de autodeterminación e vida própia entre as nacións do mundo, temos que ser solidarios. República de múltiples línguas e culturas sabedes ben que se pode conseguir en harmonía se cada quen se respeta a sí mesmo e respeta as liberdades e a identidade dos demáis.

Os que vivides e traballades na Suiza tendes que ir recollendo e transmitindo a todos os galegos e aos demáis povos da Iberia para que nos entendan, esas vivencias de xentes diferenciadas que poden conformar un conxunto próspero sen imposicións e sen enfrontamentos.

Eu tamén, meus amigos, pasei vinte anos de exilio por terras de Colombia, e sei o que costa minuto a minuto estar fora da pátria. Sei o que é erguer un fogar en terra allea, e sei como o voso corazón se arrofia de espanto de ver como pasa o tempo sen saber cando se vai regresar. Cada día que pasades fóra do voso lar é un día que se lle rouba a unha vida plena e feliz. Sei que os cartos que gañades con sacrificio non pagan as horas de tristeza e lonxanía. O voso pan é amargue. Pero nós, que vivimos nos eidos da Terra, tampouco podemos ser felices mentras non esteamos todos xuntos, mentras a cada casa non cheguen os que faltan e haxa de novo lume, e risas e ledicia. Non podemos construir a pátria sen as vosas mans. Non podemos alcender o lume se non brilan os vosos ollos ao calor da fogueira. Somos unha tribo dispersa que non será feliz até que se atope enteira e reunida.

A Nosa pátria cimenta-se no pasado para ollar de cara o futuro coa nosa propia visión, cos nosos própios ollos; até o de agora os mesmos que nos cegaron foron-nos levando ao precipício onde pode morrer a nosa identidade, onde se afogan os berros do noso sentir, e onde pouco a pouco se vai perdendo o son da nosa fala. Se non nos arrepoñemos dunha vez nun sentir colectivo de defensa da nosa personalidade, Galiza vai-se perder e non seremos máis que a pantomina dun povo que representa unha actuación perante a História de persoaxes valeiros, sen alento de seu, sen palabra de seu, perdidos nun rol feito adrede polos que manexan os fíos e que nos queren facer monicreques. En cada un de vós, aínda os máis manipulados por unha educación do "Imperio hacia Dios" que ven de máis antigo do que parece, en cada un de nós alenta sempre a fonda raíz da pátria. A pátria está na música que nos fai tremer o corazón. A pátria está nas verbas das nosas cántigas, a pátria está nesa dor profunda que nos carcome cando andamos lonxe e na felicidade da chegada. Está na paisaxe que levamos grabada, os montes e o mar e os rostros da xente que amamos e que levamos na memória. A pátria está no sentimento que nos une e que nos fai irmáns.

Eu podía chamar a cada un de vós polo seu nome. Estou vendo a vosa casa, estou vendo a vosa nai ollando por riba do horizonte nese agardar eterno. Vós sodes, irmáns, a miña patria. Sodes quen me da o alento para escribir e para soñar, sodes quen me dá o pulo para seguir loitando para que Galiza sexa dona de sí mesma e que un día vos vexa ir chegando para que cada un no seu labor vaia pondo as colunas da grande casa común.

Irmáns galegos, Xente de Breogán, eu pídovos que neste día xuntedes os vosos corazóns para decir conmigo, para berrar conmigo dende os cumes de Europa e que nos ouza o mundo:

"VIVA GALIZA CEIBE E POPULAR!"


Lausana (Suíza), 20 de Xuño de 1987

Antón Avilés de Taramancos
Comentários (1) - Secçom: Manifestos - Publicado o 19-11-2006 00:44
# Ligaçom permanente a este artigo
100 anos de RAG
A REAL ACADEMIA GALEGA: CEN ANOS FACENDO PATRIA COAS LETRAS
A entidade celebra o seu centenario cunha mostra que percorre na Fundación Caixa Galicia os pasos da toma de conciencia nacionalista no mundo da cultura galega

¿Qué teñen en común o Cancioneiro da Ajuda e un paquete de cigarros Celtas? A simple vista nada en absoluto. Pero o certo é que estes dous obxectos comparten protagonismo na exposición Galiza, a forza da palabra, coa que a Real Academia Galega celebra por todo o alto o seu centenario. A festa de aniversario é, neste caso, un orixinal percorrido instalado na sede coruseña da Fundación Caixa Galicia, que leva ao público nunha documentada viaxe polos feitos literarios e culturais que conformaron, nestes últimos cen anos, o nacionalismo galego.

Como ben explica Xosé Luís Axeitos, académico, bibliotecario e arquiveiro da entidade, "a mostra, mais alá de lembrá-lo feito fundacional en si, pretende deixar ver ao pobo como fomos tomando conciencia do que somos ao longo do tempo".

E esta é unha viaxe chea de sorpresas. O percorrido parte, para comezar, dende unha destacada maqueta do monumento aos mártires de Carral. A elección desta icona, como explica Axeitos, non foi casual. "É un principio simbólico -conta- porque este monumento foi unha constante reivindicación intelectual de Galiza. Ao final logrouse, a fináis de século, con Lugrís á cabeza na Liga Galega na Cruña. Fíxose por subscrición popular, e, de feito, o caderniño está exposto co que achegou cada un".

O comezo da mostra é. pois, un fito histórico. Era o intre no que comezaban os procesos historiográficos e provincialismo, rexionalismo, e os nacionalismos europeos. É, como dita o académico, "o momento da revolución liberal por excelencia que se viviu en Galiza".

Pero non só a maqueta lembra e fai homenaxe ao suceso dos mártires. Un obxecto concreto, o sable de Solís, un dos axustizados, ten o seu lugar destacado na exposición. "O sable de Solís consérvase -explica Axeitos- porque era solteiro e a familia non recolleu as súas cousas persoais. Ficou no Concello, e o secretario, como gratificación, regaloullo a Temancy e logo pasou de xeración a xeración, até que un señor que tiña un fillo que morreu nun accidente decidiu doalo ao museo arqueolóxico".

Esta é só unha das moitas historias que rodean as máis de catrocentas pezas que compoñen a exposición, a maioría delas expostaqs por primeira vez ao público.

Na primeira parte da mostra, os obxectos, a maioría pezas documentais, están expostos en prismas de cristal, cunhas condicións especiasi que queren resaltar, dalgún xeito, a súa importancia.

TEATRALIDADE
"Moitas das pezas -conta o responsábel do arquivo- son documentos que precisan dun tratamento expositivo moi coidadoso. Por iso utilizamos unhas condicións especiais de luces, que fan que a mostra quede máis teatralizada, pola baixa intensidade da luz, que sacraliza as pezas". Os organizadores recoñecen que na preparación da mostra empregaron tódolos medios ao seu alcance para facer que o público aprecie e valore os contidos. "Todo o que aquí expoñemos -afirman- son as nosas iconas, e temos que coidalas. Hai que ter en conta que expoñer un manuscrito de Rosalía é como se os casteláns expuxeran o "Quixote".

A primeira parte, entón, é na que prima o historiográfico, a que se adica a plasmar cómo os historiadores reconstrúen a identidade cos mitos correspondentes. "Nesta parte hai moi boa documentación -conta Axeitos- aínda que non había espazo para todos. Temos, por exemplo, de Murguía algún manuscrito tal e como o entregou a imprenta, con fotos e todo. Así que podemos dicir que é a historiografía exposta científicamente".

E da historia, dos mitos, a mostra salta até a súa representación popular, con anécdota incluída. Porque unha das partes máis lúdicas da exposición é aquela na que se amosan os distintos e até curiosos lugares que acadou o símbolo do celtismo, dendo o leite até as caixas de tabaco. Outro descubrimento: "Pouca xente sabe -dí o arquiveiro- que os mundialmente famosos cigarros Celtas levan ese nome polo conde de Santa Marta de Babío, que era director da tabacaleira na época que creou esta marca, unha marca para ser feita na Coruña. É a versión popular de todo o proceso mítico da historiografía".

A EMIGRACIÓN
E como toda gran exposición sobre Galiza, o mundo da emigración tamén está presente en Galiza, a forza da palabra. Neste caso, a presenza está de sobra xustificada polo gran papel que xogaron os galegos da diáspora na construción do nacionalismo. "Galiza, en xeral, e a revolución cultural, non se poden explicar sen a emigración -conta Axeitos-. Mentres a minoría culta era quen estaba construíndo dende dentro a identidade do país, a gran conciencia nacional cóbrase no exterior. Ese gran movemento migratorio é por onde ven a conexión popular, porque dende lonxe os emigrantes apoiaron de xeito decisivo todo isto".

En memoria a este feito, o visitante atopa un gran panel feito cos pagarés que os que emigraron mandaban dende lonxe, moitos deles dende Arxentina, contribuíndo así persoalmente coa causa galega. "Era o capital, case máis sentimental que económico. Non só era unha axuda material, senón que tamén espiritual e simbólica".

GALIZA, NAZÓN LITERARIA
A literatura, sen dúbida, é a gran depositaria da conciencia do galeguismo. A segunda parte da mostra organizada pola real academia está adicada a tódolos autores que, durante anos, formularon a súa identidade colectiva a través das letras, a falta dun Estado nacional.

O percorrido, esta vez, faise a través de distintas mesas sobre as que, no seu día, traballaron autores como Rosalía ou Pondal. "As mesas -conta Axeitos- son un convite permanente a praticipar no banquete e na aventura da literatura". Non están todas, pero si doce das máis importantes, que se encargan de poñer por orde cronolóxica a literatura galega, dende o Padre Sarmiento até a mesa do grupo Galaxia, incluíndo a da Real Academia, que tivo verdadeiros problemas para saír pola porta do edificio da cidade vella. Cada unha delas recollo un manuscrito autógrafo, unha foto e unha primeira edición, o que permite ao visitante ver por primeira vez manuscritos reais de verdadeiras xoias literarias, dende as coplas até o último autógrafo do poeta Manuel María.

Para acompañar, numerosa iconografía paralela, moitas veces clásica e outras máis orixinal. Así, na posta en escena, atopamos dende cadros de Maside e Seoane, bustos de Asorey, debuxos de Cunqueiro e obxectos que tiveron unha especial significación, como as lámpadas do Círculo de Artesáns da Coruña, como homenaxe particular a unha entidade que foi escenario dun dos días máis gloriosos da Academia.

A mostra abriu as súas portas o pasado xoves, e entre as actividades previstas, os organizadores pensan xa en cómo facer que os académicos participen persoalmente na explicación da mostra aos visitantes.

"Non queremos desaproveitar a ocasión de difundir todo isto, porque é una mostra moi complexa, pero dun gran valor cultural e sentimental para o país".


O "Cancioneiro da Ajuda", unha xoia histórica

"O Cancioneiro da Ajuda abondaría para non falar de nada máis". Así de contundente é Axeitos cando ten que citar, por importancia, unha entre todas as pezas que conforman Galiza, a forza da palabra. Esta colección de 310 cantigas, que forma parte da tríade áurea da lírica trobadoresca galego-portuguesa, é, para os entendidos, a xoia da mostra. "É a primeira vez que a xente a pode ver directamente -conta Axeitos- e hai que ter en conta que é unha peza que ten que vir custodiada no traslado e terá un garda permanente só para ela".

O documento, elaborado na corte de Afonso X, o Sabio, viaxou con todos os coidados do mundo dende a biblioteca do Palacio Real da Ajuda, en Lisboa, para se unha das principais protagonistas na sede da fundación.

Pero a proposta inclúe tamén outras pezas de gran importancia para a historia da cultura galega, aínda que algo menos coñecidas. A organización, por exemplo, destaca o traballo que levou localizar o gran cadro de Dionisio Fierros que está presente na mostra, no que, por primeira vez, o autor viste a identidade galega. "Este cadro non se expuxo -contan- dende o 1858, e é moi significativo porque están representadas as distintas clases sociais galegas, pero todas vestidas cos traxes rexionais".

A lista non remata aquí: están tamén a primeira partitura do himno da Coruña, a do himno do Antigo Reino de Galicia, a primeira bandeira que ondeou na comunidade e outras pezas, como o primeiro escudo que se coñece de Galiza, unha peza do século XII-XIII que está nunha biblioteca irlandesa. "Non puideron mandar o orixinal, pero mandaron unha reproducción moi boa".

E non podía faltar na mostra, tendo en conta o principal cometido da Real Academia, a documentación sobre dicionarios e lexicografías. "Temos -di o arquiveiro- dende o primeiro manuscrito até os últimos dicionarios, algo que ten un valor especial se temos en conta que un dos principais traballos da Academia é o de facer un dicionario". En total, os organizadores explican que hai unhas cen pezas bastante descoñecidas para os galegos, "que merecerían unha difusión especial polo seu valor cultural".
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 19-11-2006 00:38
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0