Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Existe o dereito de ignorar o idioma galego?
Calquera persoa que teña unha idea lixeira da historia deste país, sabe que a lingua galega foi proscrita do sistema educativo desde tempos inmemoriais, unha proscrición que impuxo unha pesada lousa discriminatoria sobre a maioría do pobo. Cando comezou a corrixirse esta inxustiza? Nos anos 70, o Ministerio de Educación deu en admitir que se ensinasen as linguas vernáculas nos centros oficiais, de xeito voluntario e fóra do horario oficial. Ao longo dos anos 80, coa transición democrática e os primeiros pasos da autonomía, o ensino da lingua e a literatura galegas foise xeneralizando nas escolas e institutos.

Na segunda metade desa década artelláronse tímidas medidas que contemplaban a súa utilización como lingua vehicular nun número reducido de materias: por primeira vez, falábase xa non de ensino do galego, senón de ensino en galego. Nos mediados dos anos 90, a Xunta de Galiza promulgaba un decreto que supuña a extensión do seu uso a un terzo do currículum nos ciclos educativos preuniversitarios. Finalmente, neste curso, a Consellaría anunciou que vai aprobar unha norma que disporá a utilización do galego ata a metade do horario lectivo.

GALEGUIZACIÓN DO ENSINO: AVANCES E RESISTENCIAS

Ata o de agora, a lentitude do progreso na implantación do galego viña en certa maneira compensada polo asenso xeral e a aceptación pacífica dos pasos que se foron dando. Pero tamén é certo que practicamente desde que comezou este proceso se ergueron voces denunciando a imposición do galego, que tiveron unha acollida. Non é menos certo que, ao mesmo tempo, tanto colectivos cívicos como expertos viñeron denunciando, con base en estudos sobre o terreo, a existencia de amplas zonas de sombra no cumprimento das previsións legais, que se localizaban fundamentalmente no ensino medio e nos centros de xestión privada. Pode que a opinión dalgúns pais pesase na actitude refractaria desas bolsas de resistencia (máis ben pasiva) cara ao galego, pero a renuencia proviña máis ben das direccións dalgúns centros e de determinados sectores do profesorado.

No caso dos docentes que refugan o uso do galego nas aulas, adoita evocarse a liberdade de cátedra: ninguén pode obrigar un/ha profesor/a a utilizar nas aulas unha determinada lingua. Este argumento é insustentable, pois o profesorado cumpre unha función de servizo público, e debe cumprila nos termos establecidos pola normativa legal. Sen dúbida, un proceso de cambio desde unha situación de predominio excluínte dun idioma (o castelán) fundado na marxinación doutro (o galego) a unha situación de progresiva promoción do idioma postergado, presenta dificultades inevitables, sobre todo para os escolantes.

O PROFESORADO: FACILIDADES E MOTIVACIÓNS

O profesorado ten que dispor de tempo para adaptarse e a administración debe ofrecerlle a posibilidade e as maiores facilidades para obter a suficiente capacidade na segunda lingua. A prudencia aconsella que as autoridades educativas actúen coa maior flexibilidade, atendendo as situacións particulares que poden xustificar un tratamento excepcional, e sempre co maior respecto polas leis e os dereitos individuais. Pero unha cousa é a prudencia e outra moi distinta é o desleixo, que acaba por abrir a porta á irresponsabilidade, e torna as leis en papel mollado.

Na realidade, para unha boa parte de docentes reacios, o problema reside sobre todo na falta de motivación, que pode obedecer a diversas causas, en parte comprensibles: desde que non se saben explicar ben as razóns que xustifican a política de galeguización do ensino, pasando pola carencia de incentivos, ata a simple comodidade, que convida a seguir coa rotina. Sen dúbida, correspóndelle á Xunta e aos líderes políticos actuar con intelixencia, ofrecer explicacións convincentes, motivacións axeitadas e recursos suficientes que faciliten a incorporación do profesorado ao galego.

Hai que dicir que ata agora se bota en falta unha política minimamente articulada neste sentido. Tamén se teñen cometido erros de vulto, sobre os que algún día voltaremos. Así e todo, a maioría do profesorado atinxido, que cumpre a lei (por convicción ou por responsabilidade), conseguiu acompañar o proceso grazas ao seu propio esforzo, e moitas veces con grande xenerosidade.

Pola banda do corpo docente, para cumprir a legalidade neste punto non fai falla sentir un compromiso ou un afecto especiais cara ao idioma galego: abonda cun mínimo de profesionalidade. É certo que o emprego nas aulas dun idioma antes non utilizado lles esixe un sobreesforzo, maior para os que menos o saben. Pero o primeiro que teñen que ensinar os profesores aos estudantes é que aprender esixe empeño: moi mal exemplo dan os que renuncian a saber o galego porque se negan a facer o esforzo correspondente. Canto aos argumentos de tipo ideolóxico (sobre os que de contado tornarei) abonda con sinalar de momento que os ensinantes, por ética profesional, deben coidarse moito de que as súas crenzas persoais, por lexítimas que sexan, interfiran negativamente na formación dos seus alumnos.

CAPACITACIÓN LINGÜÍSTICA E CONVIVENCIA

Pero o argumento maior contra a galeguización consiste en que a opción lingüística é cuestión de liberdade individual: "Que os galego-falantes, se ese é o seu desexo, teñan garantido un ensino en galego; e reciprocamente os castelán-falantes". Esta posición responde a unha radical incomprensión do modelo de convivencia lingüística que deseña a lexislación vixente, convivencia que constitúe un dos piares da nosa democracia. O galego (igual que o castelán) non é lingua oficial da parte da Galiza que o fala, é idioma oficial do país. Non é concibible o mantemento dun mínimo de cohesión social e de sentido de pertenza compartida a un país se cada grupo lingüístico se aconchega en si mesmo dando as costas aos demais.

Por desgraza, esa é precisamente a actitude que, cunha irresponsable curteza de miras, se está a fomentar na España central monolingüe: o galego, o catalán, o eusquera... son cousa dos galegos, cataláns, euscaldúns, non dos castelán-falantes. Este asunto hanos dar azo a unha reflexión futura, deixemos arestora dito que as consecuencias desa actitude son visiblemente funestas e no futuro non distante poden revelarse catastróficas.

En todo caso, a devandita non é a situación das periferias bilingües. Ninguén pode negar aos cidadáns e cidadás en formación deste país, hoxe estudantes dos nosos centros educativos, o dereito a aprender o galego. E non se trata só dun dereito teórico, pois no futuro previsible ese coñecemento vailles resultar útil, se non imprescindible, para desenvolvérense social e profesionalmente en Galiza. A única maneira de facer efectivo o principio de cooficialidade é conseguindo que a xeneralidade dos habitantes da nosa comunidade saiban manexar as dúas linguas a un nivel minimamente operativo, e iso esixe unha presenza maciza do galego no sistema educativo.

En Galiza non existe o dereito de ignorar o galego, como se este idioma fose cousa exclusiva dos que o usamos habitualmente. Os que se organizan para combater a galeguización do ensino están a facer un fraco favor aos estudantes e a propor un derroteiro que só pode conducir este país cara á desfeita.


Un artigo de Henrique Monteagudo.
Comentários (2) - Secçom: Língua - Publicado o 17-06-2007 20:30
# Ligaçom permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comenta-se que...
1 Si no existe el derecho de ignorarlo entonces solo queda la opcion de luchar contra el...
#blgtk08#
Cuando la injusticia se convierte en ley la resistencia se convierte en deber.
Dito por Tive (18-06-2007 23:19)
2 Resístome a crer que se chegase ao extremo de inventar a pantasma da imposición do galego, sexa no ámbito que sexa. É absurdo.
En todo caso, poderán impoñernos unha lingua que non é a nosa (que é o que segue pasando, encubertamente,co castelán) pero a nosa lingua nunca xamais nola poderá i#blgtk08#mpoñer ninguén, polo mero feito de que É NOSA.
Que non se queira recoñecer como tal é outra cousa ben distinta.

Eu teño quince anos e paréceme un razoamento ben sinxelo. Penso que ata un neno de cinco o comprendería.


Grazas por ser galego. Un saúdo.
Dito por Arnoia (19-06-2007 15:34)
E ti que pensas disto?
Venho a ser:
Correio-e: (Nom aparecerá publicado)
URL: (Debe começar por http://)
E digo eu:

(Introduza o código da imagem)
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0