Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

O galego rexurde nas Portelas

A asociación Xente Nova das Portelas e a área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo celebran esta fin de semana as primeiras xornadas de lingua e cultura galegas en Lubián, un dos concellos galegofalantes da bisbarra das Portelas, na provincia de Zamora. A iniciativa naceu pola necesidade de promover a introdución do galego no ensino na comarca, como xa acontece noutras zonas galegofalantes de fóra de Galiza, coma o Bierzo, para cumprir, dese xeito, coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.


O variado e intenso programa de actividades abrirase o venres ás catro e media da tarde cun campionato intergalaico de birlos entre Os Lobos de Lubián e Os do Valo de Manselle. Unha hora despois celebrarase o acto inaugural nas Escolas Vellas, coa presenza dos alcaldes de Lubián, Hermisende, Porto e Pías e mais do director da área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas. A primeira xornada completarase con dúas conferencias, sobre o castro da Muradella e o Cortello dos Lobos, e a actuación dun contacontos.

As xornadas rematarán o sábado 2, que se abrirá cunha conferencia sobre a memoria histórica nas Portelas, ás dez da mañá. Despois, presentarase o libro Horizontes de libertad, de Bernardo de Diego, e renderáselle homenaxe a Manuel Fábregas. Ao mediodía, participarán nunha mesa redonda sobre a situación do galego na sociedade e nas escolas das Portelas a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o inspector xefe de Educación en Zamora, Pedro Marín Lago; a profesora de galego en Ponferrada Carme López; o secretario da asociación Xente Nova, Felipe Lubián; a directora do colexio Tuela-Bibei de Lubián, e mais o xefe do departamento de Lingua do IES de Pobra de Seabra. Xosé-Henrique Costas intervirá como moderador. Pola tarde, haberá visitas guiadas ao castro da Muradella e mais ao Cortello dos Lobos. As xornadas clausuraranse ás sete.

O prazo de inscrición está aberto até o mércores 29 na área de Normalización Lingüística da universidade viguesa, enviando un correo electrónico a anl@uvigo.es ou chamando ao teléfono 986-813574. Tamén se agarda na zona a visita do director Rubén Pardiñas, que está a preparar unha serie de documentais sobre o galego exterior, que levarán o título de Fronteiras.
Comentários (1) - Secçom: Cultura - Publicado o 27-11-2006 19:47
# Ligaçom permanente a este artigo
A Emigración
Cando nas noites de luar caladas
vía unha estrela polo ceo correr,
decía miña nai, cas maus direitas:
"¡Dios te guíe con ben!"

Dende entón, cando vexo que un galego
a terra deixa onde infelís naceu,
i achego busca noutras praias, digo:
"¡Guíete Dios!" tamén.

Non o culpo, ¡coitado!, non o axo,
non pido pragas nin castigs pra el,
nin de que é dono de coller me esquezo
pra onde lle conviñer.

¡Que aquel que deixa seu natal curruncho
e fóra dos eidos pon os pés,
cando troca o seguro polo incerto,
motivos ha ter!

Preguntaille, e diravos que sin rego
o milleiral, o lume sin cardés,
sin herba o gando e sin traballo o home,
non se poden manter.

Diravos, si, que é pouco canto gana
prás arcas do señor e prás do Rei;
fai un mes que non comen cousa quente
os fillos i a muller!

E diravos que porque dus destreales
mercou nunha ocasión us poucos bes
xuroulle o crego non lle dar sagrado
si chegar a morrer!

I havos decir que lonxe, alá moi lonxe,
alén do mar que o vai tragar tal ves
si libertá, si pan non logra, santa
tumba terá xiquer...

¿Quen sodes vós, chorosos niquitates,
ruís loubadores dun Poder cruel,
que as alas de ouro dun esprito libre
agrilloar querés?

¿Por virtú de cal próvida promesa,
en nome de que Dios, nin de que lei
querés que aquel que á morte condenastes
non fuxa, si puder?

¿Que lle ofrecedes na nativa terra
a ese que a cruzar vai mares de fel?
¿Resinación? - Con ela non se come...
¿Fe? - ¡Non lle basta a fe!...

¡Correde o velo que a Xusticia encubre!
Daille traballo, libertá, saber...
¡Non é dina dos ósos de seus fillos
patria que os non mantén!

Dicen que como o Miño, o noso pobo
so na terra donde nace quer morrer;
pero o sono do río é sosegado
i o deste non é.

O río ten un leito mulidiño,
perfumado de rosas e cravés;
tamén tiña outro o pobo; mais... vendéronllo,
i agora non o ten.

¡Deixaino que o adiquira donde poida!
Deixade ó gafo Xob co fol á res
buscar o muladar onde se espiolle.
¿Sanará?... Pode ser.

A civilización i as anduriñas
dunhas terras prás outras van e vén;
querer que non emigren e matalas
o mesmo vén a ser.


Manuel Curros Enríquez; Aires da miña Terra
Comentários (5) - Secçom: Cultura - Publicado o 26-11-2006 17:23
# Ligaçom permanente a este artigo
Muiñeira do Afiador
Afiador faenando na rúaBrúa na serra un corisco de morte,
andan os mircos a oubear co frío,
xíase a oreta na xerfa do río
i o arreador sigue sempre o seu Norte.

Pica o Lourén máis que unha caimana
o suor decorre i empapa a guinea
i o arreador sin un folgo canea
bule que bule tras da tarazana.

Canta no chifre unha muiñeira,
arrinca faíscas a faiña que amola
e cando remata vaise cara a tola
para arromanar coa linda toleira.

Non hai para iste home camiños estranos,
maquina d?arreo todalas guchías
i as súas andolias ao longo dos días
avantan bariles polos meridianos.

Dalle así co a roda cen voltas ao mundo,
cambuza a diario tolas e meixúas
e despois de andare por todalas rúas
fundese co a terra baixo un ceo de chumbo.


Vocabulario de barallete:
mircos = lobos
oreta = auga
Lourén = Sol
caimana = cebola
guinea = cabeza
canea = anda
tarazana = roda
faiña = navalla
tola = taberna
arromanar = falar
toleira = taberneira
maquinar = andar ca tarazana
guchía = porta
andolias = pernas
bariles = bo
cambuzar = mudar
meixua = pousada
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 26-11-2006 17:08
# Ligaçom permanente a este artigo
Paco, o caimán e Perón
Francisco Fernández FilgueirasTrinta anos logo da súa temperá morte, CC.OO. recupera a figura do mugardés Francisco F. Filgueiras, o líder político indiscutíbel na loita clandestina contra a ditadura. Pertenceu á xeración que en 1936 era aínda moi nova, malia que foi mobilizado no 39 polos alzados e enviado á fronte de Levante. Antes, con 16 anos, fixéronlle tragar aceite de ricino polo seu pasado libertario.

É imposíbel achar un testemuño sobre Filgueiras que non sexa eloxioso porque reunía o ser unha persoa moi popular, antigo futbolista, tenor en varias corais, e á vez era o home que, cando pensaban todos que estaba de vacacións en casa de familiares nunha aldea próxima, atopábase en París analizando a situación política coa dirección do PCE. Máximo Gómez, un compañeiro seu tamén mugardés e xa finado, sempre lembraba aquelas corais improvisadas que montaba na lancha da ría, na ruta até Ferrol para ir a Bazán. En 1947, Paco fíxolle esta canción a Franco: No Ferrol naceu o caimán/¡é digno de admiración!/ Non nos dá aceite nin pan/ e é amigo de Perón. Como bo ditador, ao xeralísimo non lle gustaban as bromas. Foi sometido a consello de guerra e encarcerado na prisión da Graña.

Nas reunións clandestinas a súa palabra era lei. Suso Díaz, ex secretario xeral de CC.OO. de Galiza, lémbrao nos veráns: levaba aos mozos á praia e, baixo a aparencia dunha tarde de sol, formábaos politicamente. Tiña gran condescendencia sobre eles.

Bernardo Bastida, patrón maior da Confraría de Ferrol, pertencía a un grupo xuvenil de Bazán que chegou a exporse tomar as armas contra a ditadura nos primeiros 70. Filgueiras presentouse nunha asemblea clandestina do colectivo e dialecticamente desmontoulles a súa estratexia. Outros grupos políticos da época, con todo, deslizábanse pola pendente terrorista. Paco Filgueiras morreu o 2 de setembro de 1976 aos 56 anos cando regresaba a Ferrol no tren que o traía do exilio de Francia onde fuxira tras o 10 de Marzo do 1972. Sufría un tumor cerebral e quixo chegar a ver a liberdade do seu país. O seu soterramento foi o máis multitudinario que se lembra en Mugardos.
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 26-11-2006 17:02
# Ligaçom permanente a este artigo
100 anos de RAG
A REAL ACADEMIA GALEGA: CEN ANOS FACENDO PATRIA COAS LETRAS
A entidade celebra o seu centenario cunha mostra que percorre na Fundación Caixa Galicia os pasos da toma de conciencia nacionalista no mundo da cultura galega

¿Qué teñen en común o Cancioneiro da Ajuda e un paquete de cigarros Celtas? A simple vista nada en absoluto. Pero o certo é que estes dous obxectos comparten protagonismo na exposición Galiza, a forza da palabra, coa que a Real Academia Galega celebra por todo o alto o seu centenario. A festa de aniversario é, neste caso, un orixinal percorrido instalado na sede coruseña da Fundación Caixa Galicia, que leva ao público nunha documentada viaxe polos feitos literarios e culturais que conformaron, nestes últimos cen anos, o nacionalismo galego.

Como ben explica Xosé Luís Axeitos, académico, bibliotecario e arquiveiro da entidade, "a mostra, mais alá de lembrá-lo feito fundacional en si, pretende deixar ver ao pobo como fomos tomando conciencia do que somos ao longo do tempo".

E esta é unha viaxe chea de sorpresas. O percorrido parte, para comezar, dende unha destacada maqueta do monumento aos mártires de Carral. A elección desta icona, como explica Axeitos, non foi casual. "É un principio simbólico -conta- porque este monumento foi unha constante reivindicación intelectual de Galiza. Ao final logrouse, a fináis de século, con Lugrís á cabeza na Liga Galega na Cruña. Fíxose por subscrición popular, e, de feito, o caderniño está exposto co que achegou cada un".

O comezo da mostra é. pois, un fito histórico. Era o intre no que comezaban os procesos historiográficos e provincialismo, rexionalismo, e os nacionalismos europeos. É, como dita o académico, "o momento da revolución liberal por excelencia que se viviu en Galiza".

Pero non só a maqueta lembra e fai homenaxe ao suceso dos mártires. Un obxecto concreto, o sable de Solís, un dos axustizados, ten o seu lugar destacado na exposición. "O sable de Solís consérvase -explica Axeitos- porque era solteiro e a familia non recolleu as súas cousas persoais. Ficou no Concello, e o secretario, como gratificación, regaloullo a Temancy e logo pasou de xeración a xeración, até que un señor que tiña un fillo que morreu nun accidente decidiu doalo ao museo arqueolóxico".

Esta é só unha das moitas historias que rodean as máis de catrocentas pezas que compoñen a exposición, a maioría delas expostaqs por primeira vez ao público.

Na primeira parte da mostra, os obxectos, a maioría pezas documentais, están expostos en prismas de cristal, cunhas condicións especiasi que queren resaltar, dalgún xeito, a súa importancia.

TEATRALIDADE
"Moitas das pezas -conta o responsábel do arquivo- son documentos que precisan dun tratamento expositivo moi coidadoso. Por iso utilizamos unhas condicións especiais de luces, que fan que a mostra quede máis teatralizada, pola baixa intensidade da luz, que sacraliza as pezas". Os organizadores recoñecen que na preparación da mostra empregaron tódolos medios ao seu alcance para facer que o público aprecie e valore os contidos. "Todo o que aquí expoñemos -afirman- son as nosas iconas, e temos que coidalas. Hai que ter en conta que expoñer un manuscrito de Rosalía é como se os casteláns expuxeran o "Quixote".

A primeira parte, entón, é na que prima o historiográfico, a que se adica a plasmar cómo os historiadores reconstrúen a identidade cos mitos correspondentes. "Nesta parte hai moi boa documentación -conta Axeitos- aínda que non había espazo para todos. Temos, por exemplo, de Murguía algún manuscrito tal e como o entregou a imprenta, con fotos e todo. Así que podemos dicir que é a historiografía exposta científicamente".

E da historia, dos mitos, a mostra salta até a súa representación popular, con anécdota incluída. Porque unha das partes máis lúdicas da exposición é aquela na que se amosan os distintos e até curiosos lugares que acadou o símbolo do celtismo, dendo o leite até as caixas de tabaco. Outro descubrimento: "Pouca xente sabe -dí o arquiveiro- que os mundialmente famosos cigarros Celtas levan ese nome polo conde de Santa Marta de Babío, que era director da tabacaleira na época que creou esta marca, unha marca para ser feita na Coruña. É a versión popular de todo o proceso mítico da historiografía".

A EMIGRACIÓN
E como toda gran exposición sobre Galiza, o mundo da emigración tamén está presente en Galiza, a forza da palabra. Neste caso, a presenza está de sobra xustificada polo gran papel que xogaron os galegos da diáspora na construción do nacionalismo. "Galiza, en xeral, e a revolución cultural, non se poden explicar sen a emigración -conta Axeitos-. Mentres a minoría culta era quen estaba construíndo dende dentro a identidade do país, a gran conciencia nacional cóbrase no exterior. Ese gran movemento migratorio é por onde ven a conexión popular, porque dende lonxe os emigrantes apoiaron de xeito decisivo todo isto".

En memoria a este feito, o visitante atopa un gran panel feito cos pagarés que os que emigraron mandaban dende lonxe, moitos deles dende Arxentina, contribuíndo así persoalmente coa causa galega. "Era o capital, case máis sentimental que económico. Non só era unha axuda material, senón que tamén espiritual e simbólica".

GALIZA, NAZÓN LITERARIA
A literatura, sen dúbida, é a gran depositaria da conciencia do galeguismo. A segunda parte da mostra organizada pola real academia está adicada a tódolos autores que, durante anos, formularon a súa identidade colectiva a través das letras, a falta dun Estado nacional.

O percorrido, esta vez, faise a través de distintas mesas sobre as que, no seu día, traballaron autores como Rosalía ou Pondal. "As mesas -conta Axeitos- son un convite permanente a praticipar no banquete e na aventura da literatura". Non están todas, pero si doce das máis importantes, que se encargan de poñer por orde cronolóxica a literatura galega, dende o Padre Sarmiento até a mesa do grupo Galaxia, incluíndo a da Real Academia, que tivo verdadeiros problemas para saír pola porta do edificio da cidade vella. Cada unha delas recollo un manuscrito autógrafo, unha foto e unha primeira edición, o que permite ao visitante ver por primeira vez manuscritos reais de verdadeiras xoias literarias, dende as coplas até o último autógrafo do poeta Manuel María.

Para acompañar, numerosa iconografía paralela, moitas veces clásica e outras máis orixinal. Así, na posta en escena, atopamos dende cadros de Maside e Seoane, bustos de Asorey, debuxos de Cunqueiro e obxectos que tiveron unha especial significación, como as lámpadas do Círculo de Artesáns da Coruña, como homenaxe particular a unha entidade que foi escenario dun dos días máis gloriosos da Academia.

A mostra abriu as súas portas o pasado xoves, e entre as actividades previstas, os organizadores pensan xa en cómo facer que os académicos participen persoalmente na explicación da mostra aos visitantes.

"Non queremos desaproveitar a ocasión de difundir todo isto, porque é una mostra moi complexa, pero dun gran valor cultural e sentimental para o país".


O "Cancioneiro da Ajuda", unha xoia histórica

"O Cancioneiro da Ajuda abondaría para non falar de nada máis". Así de contundente é Axeitos cando ten que citar, por importancia, unha entre todas as pezas que conforman Galiza, a forza da palabra. Esta colección de 310 cantigas, que forma parte da tríade áurea da lírica trobadoresca galego-portuguesa, é, para os entendidos, a xoia da mostra. "É a primeira vez que a xente a pode ver directamente -conta Axeitos- e hai que ter en conta que é unha peza que ten que vir custodiada no traslado e terá un garda permanente só para ela".

O documento, elaborado na corte de Afonso X, o Sabio, viaxou con todos os coidados do mundo dende a biblioteca do Palacio Real da Ajuda, en Lisboa, para se unha das principais protagonistas na sede da fundación.

Pero a proposta inclúe tamén outras pezas de gran importancia para a historia da cultura galega, aínda que algo menos coñecidas. A organización, por exemplo, destaca o traballo que levou localizar o gran cadro de Dionisio Fierros que está presente na mostra, no que, por primeira vez, o autor viste a identidade galega. "Este cadro non se expuxo -contan- dende o 1858, e é moi significativo porque están representadas as distintas clases sociais galegas, pero todas vestidas cos traxes rexionais".

A lista non remata aquí: están tamén a primeira partitura do himno da Coruña, a do himno do Antigo Reino de Galicia, a primeira bandeira que ondeou na comunidade e outras pezas, como o primeiro escudo que se coñece de Galiza, unha peza do século XII-XIII que está nunha biblioteca irlandesa. "Non puideron mandar o orixinal, pero mandaron unha reproducción moi boa".

E non podía faltar na mostra, tendo en conta o principal cometido da Real Academia, a documentación sobre dicionarios e lexicografías. "Temos -di o arquiveiro- dende o primeiro manuscrito até os últimos dicionarios, algo que ten un valor especial se temos en conta que un dos principais traballos da Academia é o de facer un dicionario". En total, os organizadores explican que hai unhas cen pezas bastante descoñecidas para os galegos, "que merecerían unha difusión especial polo seu valor cultural".
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 19-11-2006 00:38
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0