Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

O galego, patrimonio común
En Galego
O movemento de recuperación e actualización da identidade galega ten unhas raiceiras culturais moi fondas. Tense dito que no século XIX, coa instauración do estado moderno, Catalunya foi reinventada pola burguesía comercial e industrial, o País Basco por cregos que defendían os seus foros e a lei vella -ou sexa o Antigo Réxime- e Galiza, polos homes da cultura que mergullados en arquivos e nas aldeas do país, toparon unha lingua e cultura moi viva cuia traxectoria ignoraban, pero na que albiscaron futuro.

E eu estou tan encantado de que nos inventaran o país os intelectuais como daquelas intencións tan fermosas e avanzadas do Manifesto das Irmandades de Lugo en 1918 (voto feminino, preocupacións estéticas...) tan lonxe, desde logo, do rancio españolismo uniformista de despois da guerra de Cuba, como do pensamento racista, involucionista e clericalista de Sabino Arana, por poñer dous exemplos que non me entran polo ollo. Moitos consideramos a cultura o noso máximo sinal de identidade, e, se cadra, o único chamado a permanecer por sempre no mundo globalizado. E a lingua é, obviamente, a columna mestra á que se cingue a hedra da cultura.

Dito isto, quero, en voz alta, facer unha libre reflexión sobre lingua, cultura e nacionalismo galego, pois persoas pouco ilustradas poden confundir termos e caeren nunha sinonimia tan perigosa como errada. Permítanme que empece cunha pequena anécdota persoal.

Corría o ano de 1984 e impartía eu, ilusionado, un curso de iniciación de galego no concello do Carballiño cando unha señora me atallou nun local público preguntándome se eu era o que impartía clases "dese castrapo, desa trangallada coa que a Xunta quere matar o galego...". Alucinado, pregunteille cun sorriso forzado e amable, cal era a súa graza e a que se adicaba. "Chámome tal e son costureira", dixo. "Pois si, sonlle eu o profesor -contesteille-, pero perdoe, só lle falo do tema con profesionais. Eu a vostede non lle discutiría de corte e confección e vostede, a min, non me discute de lingua, e menos se empeza faltando". Recoñezo que fun ousado e groseiro -desculpe señora se me le-, pero direi no meu descargo que era eu moi novo e canso estaba xa dalgunhas actitudes.

Aquela sincera señora -estaba, sóubeno logo, nunha asociación desas do galego aportuguesado- obnubilada polo seu amor á lingua, cría estar en posesión dunha ciencia infusa nada do corazón que mesmo lle permitiría descualificar traballos alleos e falar de ortografías como se fosen xogadores para meter ou sacar nun partido de fútbol. Igualmente, ata hai pouco calquera cachorro nacionalista pouco lido, e grazas á súa "coherencia ideolóxica", atrevíase a denigrar a obra literaria de Carlos Casares ou os ensaios de Xesús Alonso Montero, por citar só dúas bichas históricas. ¿Engánome?

Permítanme que lles diga, meus señores, que furgando na historia da cultura e da literatura galegas, fíxense vostedes, hai tamén escritores de todas as ideoloxías. E non me chama a atención, porque a lingua é o que é, un patrimonio común de todos: altos e baixos, gordos e fracos, louros e morenos, tolos e cordos, nacionalistas e non nacionalistas, de dereitas e de esquerdas. E todos eles teñen a súa participación no mundo da escrita galega. Dende Euxenio Montes a Álvaro Cunqueiro. Dende Celso Emilio a Manuel María. ¿Ou alguén quere unha lingua só para unha ideoloxía? Sería suicida. O galego é un código para que nos entendamos, soñemos e recreemos o mundo. Naceu hai mil anos e viviu ata nós. Agora, é a nosa responsabilidade proxectalo no futuro dos nosos fillos. Dende a historia, dende o feito nestes últimos vinte, trinta, corenta anos debemos ir con Manuel Antonio, sempre "máis alá". Co bo Plan de todos.
Comentários (4) - Secçom: Língua - Publicado o 19-09-2006 16:03
# Ligaçom permanente a este artigo
A lingua de todos
Lingua galegaA língua é o cemento co que constrúen os literatos. E os nosos escritores teñen a obriga de empregá-lo galego normativo. É lóxico, mais ocasiona un problema creativo: esa lingua non ten un espello masivo na rúa.

O galego real está mesturado co castelán, cos neoloxismos e cos anglicismos (por non falar dos lusismos que tanto abundan na rede). Poñendo a orella en calquera conversa do pobo, escóitanse barbaridades como dicir "ayer" no canto de "onte", "viernes" no canto de "venres" ou "abuelo" no canto de "avó" (imaxinade que en castelán a xente dixese "grandfather").

Non existe labrego que fale de "lapas", termo que tanto engaiola nestes días a xornalistas e políticos; no campo din "lume". E son moitos os que din "lapas" no canto de "faíscas" (ou "charamelas"), cousa que non ten senso.
Falta o primeiro galegofalante de toda a vida que diga "grazas", insólito invento que xamais lles escoitei ós meus avós, descoñecedores doutra lingua alén do galego.

O claro fracaso da política de normalización lingüística do Fraguismo (mellor dito, da non política), e a forza do castelán, fan que o galego de probeta e o galego da rúa non rematen por xuntarse. Danse situacións así de curiosas: cando un novo galegofalante (eu, por exemplo) chega a unha vila cativa e ponse a falar no bar co seu excelente normativo, os paisanos respóstanlle en castelán (castrapo, pero tendendo ó castelán), porque non o recoñecen como un dos seus.

O problema literario da separación entre lingua culta e popular haino en tódolas linguas. Pero no noso caso canta: nas novas novelas galegas até as personaxes do lumpen falan como mestres de filoloxía ou locutores da TVG (algúns, que a outros nótaselles a leguas que só usan o galego no traballo), rateiros de pouca monta falando como literatos... ¡non pega nin con cianocrilato! O resultado é artificial, e ás veces, estraga por completo as obras, que se volven pouco cribles. ¿Solución? Difícil. Agardar que xurda algún xenio de orella fina, capaz de reinventá-lo galego literario do século XXI para achegalo á vida.

Converter unha lingua en liturxia permite mantela un tempo... pero non nos enganemos: o galego rematará como o gaélico se non prende nos rapaces e nos despachos. É preciso que o fale o rapaz no botellón e o avogado no restaurante.


(Recoméndovos que visitedes os álbumes de fotos que teño no meu outro blog, teño aquí embaixo as ligazóns. Se non vos funcionan a dirección do blog é http://galegoman.spaces.live.com/photos/
En concreto os que se titulan Os humoristas e a lingua e O galego no espello)
O galego no espello
Os humoristas e a lingua
Comentários (4) - Secçom: Língua - Publicado o 29-08-2006 21:30
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0