Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Aínda é tempo de salvá-lo galego
A lingua galega semella pasar por un momento difícil, e niso hai coincidencia. Tamén en que urxe tomar medidas de moi diverso carácter atendendo aos sectores aos que se dirixan. Pero alén dese par de cuestións, as propostas para garantí-lo futuro da nosa lingua son dispares e as sensibilidades fronte ao problema, tamén.

La Voz reuniu a un grupo de persoas significadas, de idades e profesións distintas, que nun debate sobre o tema propiciaron estas conclusións. Os participantes foron o intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo; a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o empresario editor Xosé Ballesteros; a escritora e filóloga Inma López Silva e a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, María Xosé Jamardo.


Isaac Díaz Pardo
? Eu penso que o galego vai desaparecer como lingua coloquial e que vai quedar como lingua de culto. As linguas sempre foron dos que mandan, e en Galiza non son precisamente os galegos os que o fan, senón as multinacionais. Temos exemplos semellantes aínda vivos, como os de Puerto Rico, onde prevaleceu nalgún momento o castelán pero onde se impuxo o inglés dos norteamericanos; ou mesmo o de Filipinas. Eu síntoo por Marisol, pero a lingua non hai deus que a salve se non cambian as cousas, por exemplo, achegándonos ao portugués e non cada vez máis ao castelán. Agora os rapaces xa non fan o amor en galego.

Marisol López
? Eu creo que aínda podemos facer que o galego siga a sé-lo idioma máis utilizado en Galiza, sendo conscientes de que aquí hai outra lingua, o castelán. É importante convencer a cidadanía en xeral e os novos para que ademais de facer o amor en galego empreguen a nosa lingua dun xeito habitual. Temos que convencelos de que é unha lingua útil, porque neste momento, cos datos que temos, segue a ser a falada maioritariamente e, dende o principio da democracia, incorporouse ás institucións. Dende esa perspectiva estamos nunha situación aceptable. Pero as novas tecnoloxías, boas e necesarias, ao mesmo tempo poden xogar en contra nosa se non somos quen de incorporarmos a lingua a elas. En canto ao portugués, a historia diferenciounos del, o que non quita que sexamos uns privilexiados porque cando pasamos o Miño seguimos falando coa nosa fonética e entendémonos. E somos capaces de entender os brasileiros, os portugueses e os casteláns, e os hispanoamericanos... e iso é riqueza.

PROBLEMAS POLÍTICOS

Inma López Silva
? Eu tampouco concordo coa visión catastrofista de Isaac. Se nos decatamos dos problemas que teñen os usos do galego (non o galego como lingua), telos estudado púxonos no camiño de resolvelos. Os problemas que ten o galego de cara ao futuro son de carácter político. Se é verdade que dispón das atribucións para levar ao seu bo uso, quizais sexa á Administración a quen lle temos que esixir se o Plan xeral de Normalización Lingüística vai quedar en papel mollado ou se vai ser aplicado, con que prazos, de que maneira, que papel van ter outras institucións con atribucións na normalización lingüística, pero quizais aínda non totalmente perfiladas... Temos os instrumentos, temos os estudos, os mecanismos para ver como evoluciona a cousa, e estamos ante un reto político. Hai moitos mozos dispostos a facer o amor en galego e penso que é unha cuestión de xestión o ir convencéndoos.

Xosé Ballesteros
? A miña visión é que nunca a lingua galega tivo tantas ferramentas nin tantas posibilidades ?mediáticas, literarias, políticas, normativas...?, e pola contra cada vez o número de falantes é menor. En poucos anos vaise decidir se desaparece como lingua de uso, como lingua coloquial, ou se mantén. Para ser moi gráfico, eu penso que estamos a correr unha carreira de fórmula 1 na que o galego vai nun turbodiésel, e o castelán, nun fórmula 1. Canto máis longa sexa a carreira, máis será a distancia que os separe. Non é só un reto político, senón cidadán. Se a cidadanía, por moitas leis e normativas que haxa, non asume que o galego é unha lingua fermosa e gratificante no día a día, non hai nada que facer, porque non é unha decisión política nin de vontade facer o amor nunha lingua ou noutra.

María Xosé Jamardo
? A Administración, mesmo a de xustiza, é lenta. Por iso perdemos tantos anos e agora nos atopamos con moitas ferramentas, con moitos estudos, falando ou tentando falar en positivo de que isto se vai amañar ou de que hai posibilidades de que se amañe... mais a situación é que cada vez se perden máis galegofalantes e a cuestión é saber por que. Salientábase sobre todo a necesidade de convencer os máis novos. Hai que facelo, pero se o acadamos, ¿teñen as ferramentas que lles permitan usar o galego no seu día a día? Igual lles pedimos imposibles, porque as play stations non están na nosa lingua. Poden entendernos, oírnos, pero hai que solucionarlles eses problemas. A lingua incorporouse tamén ás institucións hai moitos anos, mais a día de hoxe, a cuestión é como están de galeguizadas, cal é o nivel de compromiso e se realmente o seu persoal ten claras as obrigas profesionais, o seu dereito individual e se cumpre o cometido para o que está aí. Ademais, temos que atender o sector socioeconómico, no que convivimos coas multinacionais. Pode ser que acabes de funcionaria nunha institución, ou que montes a túa empresa e consideres cal vai ser a lingua de comunicación co potencial cliente... pero se es empregada dunha empresa valorarás os problemas que terás dependendo de que lingua utilices. O que debería facernos pensar é a razón de que no bombardeo publicitario hai moitísimas empresas e produtos que para vender utilizan a súa propia lingua (estou a pensar nun que emprega o italiano porque para eles é un referente de calidade).

Xosé Ballesteros
? Non me gusta para nada a palabra convencer, porque iso é demasiado racional. O galego para que teña futuro debe seducir con esa parte afectiva que atesouran as linguas. Por outra banda, hai sociolingüistas que fan esta ecuación: unha lingua é un mercado. É dicir, para facer anuncios en italiano ten que haber industria e empresa, e o noso é un país tan minifundista en todo, incluso nos proxectos culturais, que nos resulta difícil exportar, pero tamén ser unha realidade no noso país. Por exemplo, aínda que temos cada vez máis editoriais, non temos industria editorial, e para que poidan pervivir temos que estar sempre mirando como funciona a institución política de turno. Debemos crer que temos país, porque se non non podemos seducir. Por iso diferenciaría as campañas políticas, mesmo de márketing, que hai que facer, e o día a día no que debemos comezar polos máis novos, mesmo polos que aínda non naceron. Aí está o reto.

SEDUCIR Á CIDADANÍA

Marisol López
? Non estou de acordo con Inma en que sexa un problema político. Gustaríame que fose así, porque nalgún momento, algún dos partidos que accedesen ao Goberno solucionaríao. Naturalmente, dende o Goberno e dende a política poden impulsarse accións de apoio e traballar vendo por onde debemos ir para lograr que non siga a baixar o uso do galego entre a xente moza, curiosamente a da democracia, que ten as competencias en galego que non tivemos na miña xeración. Algo nos falla. Hai que seducir, certamente. Lograr que a cidadanía entenda que o galego é útil e que nos permite utilizalo en tódolos ámbitos da nosa vida persoal e profesional, e contar con todas as institucións e lograr que o galego non o identifiquemos con ningunha liña política concreta para fuxir tamén aquí do minifundismo. Certo que nos faltan moitas ferramentas para os mozos nas novas tecnoloxías, pero ademais de utilizar a play station suponse que falan e que len. Hai algo máis. Temos que ver que ocorre. E comezar antes de nacer, porque está a fallarnos a transmisión familiar.

Inma López Silva
? Entendo que ningún partido político ou tendencia ten que monopolizar as políticas sobre o galego, porque con iso só acadaríamos que medio país non se adherise a elas. Cando falo de que é un problema político é porque as iniciativas teñen que ser tomadas desde o poder político e saber xa por onde temos que ir, porque o tempo está a xogar na nosa contra. Posiblemente temos unha xeración perdida e é unha decisión política dála por perdida e canalizar os esforzos noutra dirección para que, por exemplo, unha muller en idade de ter fillos cando ten que traballar nunha empresa privada saiba que o pode facer na lingua que queira, porque diso vai depender que lle fale tamén aos seus fillos en galego, que teña a seguridade necesaria para entender que o uso da lingua galega é positivo. Estamos moi empeñados en pensar no nivel educativo e formativo, e igual hai que priorizar outras liñas. Hai que esquecerse de que os falantes teñen que crer no proxecto de galego e de país, porque o que interesa é que o falen. Xoga en contra darlle demasiada importancia identitaria.

Isaac Díaz Pardo
? A pesar de que Marisol o está a facer moi ben, eu penso que ninguén salva o galego de ser unha lingua litúrxica. Dende hai nove séculos que nos roubaron a El-Rei García, Galiza quedou abandonada e supeditada aos señores feudais, dos que quedan aínda restos evidentes. O galego chegou ata os nosos días nos rueiros, pero veu a invasión de todo pola televisión e as modas dos señores do ladrillo que falan en calquera idioma menos en galego. Se non hai unha conciencia, e non vai habela, a cousa quedará reducida ás universidades.

Marisol López
? As linguas evolucionan e iso temos que aceptalo.

Xosé Ballesteros
? Con todo, o galego vai seguir existindo mentres teñamos festas gastronómicas, así que aínda lle quedan moitos anos.

Inma López Silva
? Xa sabes que esa foi a política utilizada ata hai pouco e tampouco nos foi moi alá.

Xosé Ballesteros
? Non é unha política, é unha realidade. Hai unha diferenza entre os que van ás festas gastronómicas e falan en galego e a cidadanía que reside nas cidades que maioritariamente van de discoteca ou botellón e aí o galego non se usa. Eu comecei a falar galego cando tiña 16 anos e creo que na miña familia só o facía a miña avoa paterna. Foi unha decisión individual e política. Era unha experiencia case de rebeldía falalo onde traballaba. Agora non existe ese impedimento.

María Xosé Jamardo
? Iso non é así. Hai problemas en moitos traballos.

Xosé Ballesteros
? O proletariado historicamente falaba galego, pero ese non é o caso dos novos que se incorporan agora.

Inma López Silva
? Unha persoa que traballe hoxe por exemplo na banca ten serios problemas para utilizar o seu idioma no traballo, por non falar doutras grandes empresas que teoricamente están comprometidas coa promoción cultural e social deste país. Hai certos niveis de hipocrisía. O Plan de Normalización é unha das ferramentas para facer cousas.

Marisol López
? Hai que facer educación de calidade e o galego ten que ter unha presenza importantísima para lograr competencias lingüísticas. O tema é logo o apoio que fagamos dende os equipos de normalización. Investigación básica e novas tecnoloxías, é importante. Pero volvendo ao PXNL, hai que dicir que se aprobou sen facer un cronograma e sen orzamento específico. Pero seguíndoo, estamos levando a cabo os plans operativos. Temos problemas no ámbito xurídico, mais banca e caixas están apoiando a normalización.

O USO É VITAL

Marisol López
? Hai un plan de normalización consensuado. O que xa vai sendo hora de accións concretas para o desenvolver, dende a naturalidade do día a día.

Xosé Ballesteros
? Con todo isto creo que podemos chegar a ter unha lingua normalizada no plano xurídico, documental, de comunicación... que é importantísimo, pero tamén máis doado de acadar que o uso, a utilización da lingua, que é o vital.

Inma López Silva
?Pero os usos son orientables desde a Administración. Hai ámbitos nos se pode esixir.

Xosé Ballesteros
? Cara ao futuro, as futuras nais e pais, igual que hai ximnasia para o parto, deberían contar cunha introdución á lingua para poder comunicarse cos rapaces en galego e recuperar a tradición oral, a hora do conto.

Inma López Silva
? Esa é unha gran idea. Aínda así, para convencer e seducir nos usos non podes darlle máis traballo ao falante. Non lle podes dicir a unha nai que vai ter un fillo que vaia a unha clase, perder o seu tempo libre para aprender lingua ou usos de lingua. Iso vai ser concibido como un traballo.

Xosé Ballesteros
? E a ximnasia para o parto é un traballo?

Marisol López
? No marco da presente campaña estamos preparando unha acción concreta para as futuras nais cunha serie de materiais que queremos distribuír co Sergas. Pensamos que é un punto fundamental de recuperación.

Xosé Ballesteros
? A miña experiencia é que cando lles contaba aos nenos Os tres porquiños en galego, preguntábanme por que falaba raro. É importante que as nais e pais, avós ou tíos, poidan ter a ferramenta en forma de libro, pero tamén en narración na súa memoria para poder contar os contos tradicionais na propia lingua.
Comentários (1) - Secçom: Língua - Publicado o 31-03-2007 16:34
# Ligaçom permanente a este artigo
En galego, e logo!
Hai algo que non podas facer en galego?

En galego tes todo por dicir...

E logo!
Comentários (0) - Secçom: Língua - Publicado o 11-03-2007 03:04
# Ligaçom permanente a este artigo
Falando de falantes
Estoutro día ía acompañando a miña filla pequena ao colexio, cando de súpeto vai e me espeta esta pregunta: "Papá, por que hai moita xente maior que fala o galego e tan poucos nenos?". Tiña dez minutiños escasos (os que quedaban para chegar ao cole) para improvisar unha resposta. Díxenlle que durante moitos anos o galego estivera proscrito da escola, dos medios de comunicación e da vida pública. Conteille que a xente que falaba galego tivera que emigrar en masa para gañar o pan, deixando desertas aldeas e comarcas que antes buligaban dunha vida que se expresara desde sempre no idioma do país.

Tentei explicarlle como ás persoas que falaban galego se lles inculcara a ferro e lume a convicción de que aquilo non era un idioma, mais unha xerga de pailáns, e que isto marcara moita xente cun profundo complexo de inferioridade. Eu ben vía que a coitada ía entendendo máis ou menos o asunto da escola e da emigración, pero a trela do complexo de inferioridade lle resultaba incomprensible.

A EXPERIENCIDA DA HUMILLACIÓN

Minia debeu de quedar matinando, pois á noitiña veume outra volta coa mesma leria. Daquela, non me quedou outra que contarlle un sucedido que acostumo relatar aos meus alumnos de Sociolingüística na facultade, subliñando de cada vez que o fago que foi a máis rotunda lección nesa materia que recibín na vida. A miña nai -ela mesma galegofalante pero que cando cativos nos falou castelán- aceptou cunha mistura de sentimentos que algúns dos seus fillos, ao chegarmos á adolescencia, nos instálasemos de vez no galego. No fondo, coido que o aprobou (polo menos nos varóns), pero deu na teima (iso nos parecía) de que coa miña irmá menor utilizásemos o castelán. En vista de que non lle faciamos caso, un día colleunos por banda e explicounos a razón da súa insistencia: tiña medo de que a Maruxiña lle fose a pasar o mesmo ca a ela, que cando de moza fora a Santiago tivera que aturar moitas burlas polo mal que falaba o castelán.

A experiencia da humillación persoal por non falar ben o idioma fino sufrírona moitísimas persoas neste país. Con algúns organizadores de distinto tipo de actividades arredor do pasado Ano da Memoria, teño comentado que botaba en falla a menor iniciativa que lembrase a dureza, a extensión e a profundidade da represión lingüística que padeceu Galiza durante a o franquismo. A parte visible é a persecución pública, pero hai toda unha trastenda de presión cotidiana pervasiva e incesante, sutil ou brutal segundo aquecía, que resultou dunha eficacia palpable. Calquera persoa maior de corenta e pico anos que proceda dun medio galegofalante pode rememorar anécdotas deste tipo. Un que medrou nunha vila en que o galego era o idioma de uso xeral de cotío, ten frescas memorias de brutalidades inflixidas a rapaces do seu tempo por mor do idioma.

RECTIFICÁ-LA DESEDUCACIÓN

A democracia e a autonomía puxeron as vías para superar este pasado ominoso, pero o certo é que a discriminación dos e das galegofalantes non desapareceu. Certo que se repararon os peores abusos e que se tomaron medidas de fomento do galego. Pero nin as condicións xerais mudaron tan radicalmente, nin a mentalidade social se librou totalmente da lousa duns prexuízos profundamente arraizados. Ninguén dubida que o ensino constitúe unha ferramenta fundamental para mudar este estado de cousas, por iso a Lei de Normalización Lingüísica aprobada en 1983 dedica unha boa parte do seu articulado ao sistema educativo. Hai que lembrar dous aspectos básicos desa Lei: os nenos e nenas teñen o dereito de recibir o primeiro ensino na súa lingua materna; e ao final dos ciclos de ensino obrigatorio, os estudantes deben posuír unha competencia equivalente nas dúas linguas oficiais. Dabondo sensato, non si?

Non imos entrar agora na valoración do pouco que os gobernos anteriores fixeron ou do moito que deixaron de facer para cumprir a devandita Lei. Limitémonos a apuntar dúas obviedades: primeira, os escolinos galegofalantes xamais viron plenamente garantido aquel dereito (dende logo, non en igual medida ca os castelánfalantes), e segunda, está comprobado que o nivel de competencia dos estudantes ao remataren o ensino obrigatorio é moito máis baixo en galego ca en castelán. En definitiva, que continúa a existir un claro desequilibrio que prexudica o idioma do país.

ENSINO EN GALEGO E GALESCOLAS

Supoño que desa constatación parten algunhas iniciativas nesta materia do actual Goberno. Velaí o decreto da Consellaría de Educación que, segundo se anuncia, disporá que ao menos a metade da docencia nos niveis primario e medio se reciba en galego. É unha óptima noticia que este decreto saia avalado polos tres partidos parlamentarios, cousa lóxica se se ten en conta que esa medida se enmarca nas previsións Plan Xeral de Normalización Lingüística que elaborou o anterior goberno. A Xunta actual debe pór todo da súa parte en que o decreto se cumpra, e isto implica moita pedagoxía (especialmente cara ao profesorado), un decidido apoio por caso mediante a creación de material didáctico acaído, e tamén unha grande determinación que non se confunda a flexibilidade coa neglixencia. Por isto mesmo, chama a atención a nula visibilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística neste asunto. Andará a Secretaria aos biosbardos, como nos tiñan afeitos os seus predecesores no cargo?

FALANDO DE FALANTES

Outra iniciativa importante para o galego é a anunciada creación da rede de centros de pre-escolarización (as galescolas) que está a pór en marcha a Vicepresidencia. Deixando á marxe andrómenas de mandilóns, trátase dunha das iniciativas máis significativas que ten nas mans este Goberno. Hai tempo que un pensa que se debera baduar menos coas linguas e tratar moito máis de falantes. A forza de enfatizar a sacralidade daquelas, acábase esquecendo que o verdadeiramente importante son as persoas que as falan. Cantas veces ten un a impresión de que se parrafea de máis coa aquela de defender, dignificar e promover o galego, e se pensa de menos en defender, dignificar e promover os/as galegofalantes. Por suposto que temos que preocuparnos polo idioma,... pero que tal se adicamos unha pequena parte do noso esforzo a corrixí-las evidentes desigualdades de todo tipo que pechan o desenvolvemento e o benestar da comunidade galegofalante? Unha boa porción dos recursos nominalmente asignados á política lingüística (e realmente reservados para mesteres menos píos), estarían mellor investidos nestoutro tipo de empresas. Noutra ocasión teremos azo para esgaravellar neste asunto.

Se non me engano, por aí van as galescolas. Se con elas melloran as condicións de vida, os recursos educativos e as opcións de futuro dun sector francamente desfavorecido da nosa poboación -a que vive no medio rural, contando cuns servizos, uns equipamentos e unhas oportunidades inequitativos da cima ao cabo-, e ao tempo se evitan aqueles ferintes maltratos que padeceron e padecen tantas persoas neste país (entre outras, a miña nai), e que tanto me custou explicar á miña filla, pois mel nas filloas.


Un artigo de: Henrique Monteagudo
Comentários (3) - Secçom: Língua - Publicado o 03-03-2007 16:55
# Ligaçom permanente a este artigo
Rifa lingüística
En plena loita polo cumprimento dos mínimos para a lingua galega estabelecidos pola lei nas aulas do país, vén de abrollar unha paradoxal rifa, apadriñada politicamente, sobre a presunta discriminación da lingua castelá nas aulas. A cuestión foi amplificada inicialmente en Madrid polo grupo do PP no Congreso, aproveitando para relacionalo co tirapuxa particular que manteñen cara ao catalán, e é recollida agora polo PPdeG, acusando á Xunta de catalanizar a política lingüística. A polémica volve á actualidade polo documento asinado por un grupo de mestres de lingua castelá que se negaban a elaborá-los documentos administrativos en galego. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, negou este xoves que existise calquera tipo de agresión lingüística nas aulas. O vicepresidente, Anxo Quintana, ironizou sobre a cuestión da presunta discriminación do castelán que "iso é coma o conto de que son os paxaros os que se tiran ás escopetas".

Coitadiños castelanfalantes! Que discriminadiños están todos!
Comentários (0) - Secçom: Língua - Publicado o 02-12-2006 16:37
# Ligaçom permanente a este artigo
A lingua nosa
Trece. Ía ser o día de hoxe o elixido, o trece. Curioso número, maldito por uns e desexado por outros. Superstizóns aparte, e tan só froito da casualidade, ao final non foi o trece o día escollido para empregá-lo galego por primeira vez como lingua oficial no Consello da UE.

Anxo Quintana ía ter este privilexio, programado xa dende hai meses. Ía ser unha estrea mundial, pois falaría no Consello de Ministros de Educación, Cultura e Xuventude en Bruxelas, lonxe da Terra, e á vez máis preto ca nunca dela.

O azar fixo que fora Ricardo Varela quen lle roubara tal título case unha semana antes. Non deixa de ser curioso tamén que sexa o conselleiro de Traballo quen fale por primeira vez na nosa lingua, porque traballo é o que se precisa para acadá-la normalizazón do idioma. O asunto vén de lonxe. Xa no 1992 o Consello de Europa aproba a Carta Europea das Linguas Reixionais ou Minoritarias (todo un erro, por outra parte, facer distinción categórica de linguas), entendendo a pluralidade lingüística europea como riqueza cultural, e declarando a responsabilidade dos poderes públicos de defenderen a complexa situazón das linguas minorizadas, afirmando que para a promoción e salvagarda das devanditas linguas é vital o seu emprego, a tódolos niveis. Catorce anos despois, seguimos a traballar niso; e o que doe máis, seguimos a batallar con iso.

Seren "o primeiro" sempre pecha un certo orguio, pero neste caso, o importante non é ese título, senón o feito en si, o uso da lingua galega.

A lingua de Rosalía, de Curros, de Pondal. A lingua de Cunqueiro, Castelao e Pedrayo.

A lingua das loubanzas e das críticas, dos prantos e das risas.

A lingua das cantigas e do rock bravú.

A lingua dos grandes e dos nenos; a lingua de onte e de hoxe. A lingua dos rumorosos e a lingua das bolboretas.

A lingua túa e miña. A lingua nosa.
Comentários (1) - Secçom: Língua - Publicado o 19-11-2006 00:46
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0