Dende o CDR Portas Abertas estamos orgullosos da proxección dun membro da nosa asociación JOSE LUIS MATEO pola súa faceta profesional e personal, a de viticultor, chegando a levar o nome de MONTERREI, BERRANDE ou ATRAVE ben
lonxe, xa non digamos o viño destes lares.
Caracterízase pola humildade, o traballo e a perseverancia na calidade do que fai, é unha filosofía de vida, na que en ocasións (coma nun curso recente) nos fai partícipes. Parabens dos que compartimos e impulsamos un rural vivo.
Agora mesmo está convocado o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia profesional.
O prazo de presentación de solicitudes é do 16 DE XANEIRO AO 15 DE FEBREIRO DE 2012, AXUDÁMOSTE xa que dende o CDR Portas Abertas, a través do Plan de Inclusión Social da Xunta de Galicia, xa estamos a programar formación para mulleres e homes nas Competencias Claves, básicas no desenvolvemento formativo e laboral.
No 2011 as persoas que asistiron a clases intensivas, complicadas e divertidas, viron que o seu esforzo mereceu a pena xa que o resultado de aprobados foi moi alto.
Atopámonos nunha provincia onde o envellecemento é cada vez maior, polo que dende o CDR seguimos impulsando actividades coma a do "Envellecemento activo" xa dende as orixes da entidade co obxectivo de motivar ás persoas maiores cara a participación en actividades culturais e de ocio, estilos de vida saudables, coidado da imaxe exterior, potenciar a saúde física e sobre todo mental para mellorar a súa calidade de vida e autoestima.
Con actividades de recuperación da memoria e manexo das novas tecnoloxías da información e da comunicación melloramos a estimulación cognitiva, e mantemos as capacidades físicas e psíquicas, alonxando mais o tempo da dependencia.
Dende o Centro de Desenvolvemento Rural "Portas Abertas" sempre apostamos pola formación das persoas, e agora mais que nunca é fundamental seguir mellorando o curriculo, polo que propomos chegar a crear un grupo de persoas interesadas en sacar os Certificados da lingua galega.
Se estás interesado ou interesada chama ao 988417232, antes do 20 de xaneiro de 2012.
Entidade social dende 1990 traballando na Comarca de Verín (ao sur da Provincia de Ourense) e integrada nunha Organización Non Gubernamental (ONG)Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER)da que forman parte outros 22 Centros repartidos polo rural español.
Levamos a cabo un programa Integral de desenvolvemento do medio rural, caracterizado pola integralidade, proximidade, prevención, transversalidade e transparencia. Gozamos de plena independencia nas nosas actuacións.