DE LINGUA EN LINGUA


BLOG DE LINGUA GALEGA
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN RELATO SEN FIN
Non podía crer o que estaba pasando. Iria pensaba que era algo normal, pero eu, astuto coma sempre, sabía que algo raro estaba sucedendo. Só había que cavilar un pouco.
O meu nome é Anxo. Son un rapaz cun expediente académico perfecto. Gústame dicilo xa que é algo que se me dá moi ben. Teño catorce anos e son de Ourense, ao igual ca miña nai. Meu pai morreu cando eu só tiña cinco anos. Apenas me acordo del. Non teño irmáns, pero si unha curmá á que quero moito. É unha das persoas máis importantes da miña vida, igual que mamá, claro. Chámase Iria e ten quince anos. É un pouquiño máis vella ca min pero somos os mellores amigos. Contámonos todo e estamos sempre xuntos para o bo e para o malo.
O outro día, ela e mais eu decidimos levantarnos cedo para poder ir á igrexa e meditar un pouco. Hai xente á que lle pode parecer absurdo, pero a min axúdame moito a estar máis relaxado. Cando acabamos de meditar, fomos á taberna do meu tío Cecilio, un paisano moi honrado, almorzar un chocolate quente, para afrontar a xeada, e unhas boas torradas de pan, como me gusta a min, cun bo aceite...Mmmmm, que ben sabía!!! Cando rematamos de saborear ese manxar fomos dar unha volta pola vila e encontrámonos con Dona Roseta, unha vella veciña, que nos dixo:
-Vós, rapaces!!!Hoxe non tendes escola?
-Non, estamos de ponte -contestamos.
-Vouvos propor un xogo. Se conseguides superar todas as probas, gañaredes unha moi boa recompensa. Só vos digo que coa cantidade de cartos que é, poderedes comprar moitas cousas.
Nós por suposto que aceptamos, quen non vai aceptar se se fala de cartos? Seguímola sen saber a onde nos dirixiamos. Só pensabamos que iamos facer con tantos cartos. Cando chegamos ao lugar, non podía crer o que estaba pasando. Iria pensaba que era algo normal, pero eu, astuto coma sempre, sabía que algo raro estaba pasando. Só había que cavilar un pouco...
-Moi ben, Xan, gústame a túa historia. Tes que mellorar un par de cousiñas e terala perfecta -dixo o profesor de galego.

-Pero, pero...aínda non rematei -agregou indignado Xan.

-Xoana, leme o teu relato! -dixo o mestre, ignorando ao seu alumno.

Alba Miguéns Cordo
1º ESO B
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 26-03-2015 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
COMO SE INVENTARÍA ISTO?

Nunca vos preguntastes por que hai vacacións de verán? E non é para descansar da escola, nin para separar un curso doutro, nin porque quixeran os profesores (como algún de vos pensará). Todo se remonta a uns 396 anos atrás:
Nunha escola pública, estudaba unha rapaza máis ou menos da vosa idade. O seu cabelo era curto e negro. Pero os ollos eran dun verde intenso coma o dos chícharos. Tiña o nariz pequeno (o que facía que fora unha persoa de grande beleza). Tiña uns dentes brancos coma o algodón, que destacaban no seu gran sorriso de orella a orella. Era delgadiña, pero bastante forte aínda que non o parecera. Como era tan fermosa,todos os rapaces da súa idade se namoraban dela, igual que un rapaciño de tres aniños se namora do seu tren de xoguete.
Pode ser que fora moi guapiña ela, pero, aínda que destacaba entre todas as rapazas no tema de fermosura, non era igual así nos seus estudos. Non sacaba moi boas notas e ía aprobando como podía pero... Bueno, mellor dito, que non lle gustaba a escola.
Antes, na súa época, había que ir igual á escola (todos os días do ano. Dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro).
Ninguén se queixaba diso, pero ela si. Pois así era Isabel.
Non quería ir ás clases de matemáticas, xeografía, debuxo, etc. Non lle gustaba ningunha!
Dicía que ogallá non tivera que ir á escola e xa nacera aprendida!.
Resulta que un día, así sen máis, a rapaza enfermou. E, para non agravar máis a cousa, faltou durante medio mes á escola.
Pasaran xa dous meses e Isabel aínda non puxera pé no edificio.
Pero, o que non sabían, era que a lacazana da rapaza xa estivera ben dende había semanas.
O que pasou despois de días, días e días, foi que os pais da nena se decataron de todo. E, cun enfado tan grande coma un avión que transporta 521 pasaxeiros por viaxe, mandárona dun berro para a escola:
-ISABEL! PASA PARA O COLEXIO DUNHA VEZ SE NON QUERES QUE CHE PASE ALGO MALO DE VERDADE!
E, rápida coma un raio, a medorenta rapaza foi á escola.
Pero non ía deixar que a obrigasen a estar alí metida durante todos os días da súa vida.
Polo que a rapaza pensou que, para faltar ás clases, ía finxir cada ano que tiña unha doenza .
Cando os seus compañeiros e amigos se decataron, comezaron a facer o mesmo ca ela.
E así comezaron as vacacións de verán.
Quizais sexa algún de vós, queridos lectores, parente afastado de Isabel.
Por que non probades entón, a alongar máis as vacacións?
Se o facedes, poderedes chegar, incluso, a ter soamente tres días de escola. Pero quen sabe...

Xiana Magariños Barreiro
1º ESO B
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 23-03-2015 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
O ESPELLO

Xan volveu do instituto á súa casa pola tarde. Como tardou en chegar, xa lle deran as nove. Rematou cos deberes e ceou. Agora xa podía durmir tranquilo.
Cando ía para o seu cuarto, no corredor algo lle chamou a atención: o espello de corpo enteiro, e preguntouse: "Que haberá ao outro lado?". As dúbidas puxérono nervioso, porque vía un rapaz no espello, pero cando quería entrar a través deste, sempre chocaba con el! Era imposible pasar ao outro lado!
Pero esta vez non se ía render. Intentou pasar por debaixo, pola esquerda, pola dereita..., pero nada, ata que deu a unha da madrugada. Estaba xa a piques de quedarse durmido, fatigado, cando viu que o rapaz que estaba diante súa, tamén estaba canso.
Foi entón cando o despistou, e puido así entrar ao outro lado.
Telmo Portas González
1º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 19-03-2015 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
PATINANDO NO CEO

Eu empezaba un novo curso escolar no Instituto Brisa. Mentres estaba asombrado mirando a súa porta polo grande que era,vin que algo do ceo se dirixía cara a min cunha velocidade espectacular e, ao pouco, impactou comigo. Era unha adolescente, e pregunteime que faría no ceo esa rapaza? Pois esta pediume desculpas é contoume que facía no ceo. O caso era que no meu novo Instituto tiñan un deporte raro, asombroso, pero inimaxinado. Tratábase de? patinaxe aérea! Quedei perplexo.
Logo a rapaza presentouse: chamábase Camelia. Era fermosísima, case tanto como unha deusa. Camelia preguntoume se me quería apuntar á patinaxe aérea, pero eu contesteille que non me interesaba xa que parecía arriscado.
Na presentación, o director deu o aviso de que a patinaxe aérea deixaría de practicarse debido a que lle faltaba un só integrante para o grupo. Mirei para Cami, que estaba triste. Nese momento aceptei entrar no grupo. Cami alegrouse tanto que me deu unha aperta.
Ao día seguinte, encontreime coa miña nova compañeira no campo traseiro do Instituto, que me dixo que puxera os patíns, que realmete eran chulos, pero as rodas eran diferentes. Cando acabei de calzalos, a rapaza levoume ata unhas placas que nos ascenderon ao ceo. Alí arriba había outros estudantes adestrando. Eu non vía nada ata que Cami me deu unhas lentes especiais para ver a pista . Estiven practicando moito, porque resultaba divertido.
Un dos integrantes do grupo trouxo un cartel do campionato de patinaxe aérea deste ano. Vin a todos os meus compañeiros de grupo preocupados, pregunteilles o que pasaba, e eles dixéronme que o Instituto Tornado de Destrución era sempre o campión. Eu intentei que cambiaran de opinión, que este ano gañaríamos nós, máis eles aceptaron pero non totalmente.
Era o día do campionato. Os do outro instituto tiñan vantaxe sobre nós pero grazas a un desafortunado accidente do seu líder nunha das rodas, eu puxen todo o esforzo que cheguei a meta antes ca el . Iso quería dicir que??¡¡¡¡¡¡ERAMOS OS GAÑADORES!!!!!!
Camelia e o resto do equipo tiráronse enriba miña, cheos de alegría. Desde ese día máis estudantes se uniron ao grupo de Patinaxe Aérea.
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-03-2015 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS PEQUENAS

Nun banco dun parque unha rapaza miudiña de pelo cor acibeche entretíñase observando a un neniño, que xogaba cun aparello que emitía sons infernais. Nese intre, o rapaz golpeouno contra o chan desfacéndoo en mil anacos e empezou a chorar. A rapaciña do pelo acibeche acercouse.
- Por que choras? - díxolle abaneando o seu pelo que escintilaba co sol.
- Estaba xogando e ía gañar! Só tiña que matar a unha xoaniña xigante, pero quedei sen batería! Agora teño que esperar dous días ata que meu pai me compre outra maquiniña! Que vou facer mentres tanto?
A rapaza, que traía consigo unha mochila, sacou dela un globo vermello. Inchouno e deullo.
-Toma, regálocho.
- E que vou facer con isto? Nin sequera ten botóns!
Ela soltou o globo, que saíu voando facendo círculos no aire. O rapaz, de súpeto, saíu correndo detrás del rindo.

Era unha mañá cálida, e os vellos saían a dar un paseo. A rapaza correteaba entre a herba húmida polo orballo. De súpeto viu a un velliño, triste, coa mirada fixa no chan. A rapaza acercouse.
- Por que estás tan triste?
- Ai! Acabo de perder os meus aforros nunha aposta! Vou morrer sendo pobre!
A rapaza sacou da mochila unha caixiña de música antiga.
- Anda! Pero se é a miña caixa de música! Perdina cando era un cativo, así coma ti. Moitas grazas, meu anxo.
Do rostro do vello desapareceu a tristura.
Non se volveu ver esta cativa. Moitos dicían que era un anxo e outros, un demo. O certo é, que ese rapaz co globo medrou sendo feliz, e o velliño morreu, pero feliz. Porque o que importa na vida non son as últimas tecnoloxías, nin os cartos, se non a felicidade que se encontra nas cousas pequenas.

CANDELA LAFUENTE LÓPEZ 4ºESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-03-2015 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0