OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Galescolas, escoliñas, ou o que puido ser
Galescolas, escoliñas, ou o que puido ser
MANOEL SANTOS


Sería de cínicos non recoñecer os dous grandes avances que supuxeron as galescolas creadas polo bordo nacionalista do bipartito no seu efémero pasar polo poder galaico. Por unha banda, o incremento de prazas de educación infantil -unha eiva social e económica para moitas familias- foi realmente espectacular, e probabelmente non se tería dado se as escolas infantís fosen competencia de Educación no canto do polémico Consorcio, por canto para o BNG eran unha prioridade e para o PSdeG non.

Pola outra banda, a presenza do galego na educación dos pícaros e pícaras era unha materia pendente e un acto de xustiza, quer co país, quer cos moitos pais e nais que nos vemos totalmente incapaces de transmitirlles -sobre todo nos primeiros anos- a nosa lingua aos nosos fillos e fillas, pois a españolización da sociedade galega, e xa que logo da contorna educativa, é absolutamente abafante, inxusta e indignante.

Dito isto, confeso tamén que sempre fun moi crítico co modelo de escolas infantís de Quintana, pero máis que polo que fixo, polo que deixou de facer.

Primeiramente, nunca concordei co nome de galescolas. Sendo obvio que o termo procedía lexitimamente das palabras "galega" ou "Galiza" e "escola", era máis que evidente a carga simbólica do seu parecido ao de "ikastolas", cuestión que, amais de amosar pouca imaxinación, serviulle de arma política a un PP botado ao monte na súa cruel e, esta si terribelmente ideolóxica, campaña desgaleguizadora no "noroeste de España". E facer de menos á dereita supón perder o partido. Na nosa lingua atopamos vocabulario dabondo para definir as escolas infantís con só mirar ao Brasil, que por lóxica e historia mantén moitas esencias da lingua nosa. Alí son, simplemente, escolinhas.

En segundo lugar, e partindo da base de que a prioridade é fornecer de prazas de educación infantil de balde a quen máis as precisa, o esforzo na creación das galescolas deixounos a moitos galegofalantes desleixados.

Por primeira vez tiñamos a esperanza de educar os nosos cativos e cativas en galego. Mais quen -por sorte- tiñamos ingresos familiares que superaban os requisitos para acceder ás prazas públicas de infantil, ficamos fóra e, polo tanto, condenados a seguir a pagar 250 ou 300 euros mensuais en escolas infantís privadas, todas con ausencia absoluta do galego.

Paraxodalmente, as escolas infantís en galego enchéronse de nenos e nenas cuxos pais e nais non tiñan a máis mínima intención de educalos nesa lingua, e un bo número de nenos e nenas cuxos pais querían educalos en galego seguiron a ateigar "las guarderías".

Deste xeito, o BNG cumpriu coa prioridade de dotar Galiza de máis prazas de educación infantil, é certo, mais fracasou -cando menos en parte- na de galeguizar a educación infantil, porque nunca pensou na dobre misión de crear prazas de balde para quen máis as necesita e outras concertadas -ou públicas de pagamento- para quen, tendo ingresos abondos, nos vemos privados do dereito a educarmos os nosos na lingua que, pese a quen pese, falamos acotío.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 23-08-2009 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0