OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor e aspirante por terceira vez: ´Gañar o Nobel, daría orgullo de falar galego aos que o odian´
ENTREVISTA CON XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN
FARO DE VIGO


Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) e Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) poderán subir ao Olimpo dos Nobel este ano. De momento, contentémonos coa súa candidatura. Aínda que as súas excelentísmas autoridades da academia sueca non os recoñezan, para nós, son artistas da palabra, os sabios da lingua. A colación da súa proposta para o Premio Nobel de Literatura, plantexada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, falamos con eles un intre para disfrutar da súa verba.
MAR MATO / VIGO - Os premios, ¿son un recoñecemento?-
En realidade, a min, os premios non me interesan demasiado. Con respecto a Galicia, hai que saber que os escritores de lingua galega teñen un teito moi baixo de premios que poden recibir. Os máis importantes non son dignamente retribuídos. Mentres os escritores en castelán teñen o seu Reina Sofía, Cervantes, Príncipe de Asturias... os galegos teñen un hourizonte reducido e pobre de galardóns. O premio Nobel de literatura é o galardón indiscutible. Pero ¿para quen vai dirixido? ¿quen ten acceso a el?
- As literaturas de linguas minoritarios parecen telo bastante difícil.-
Non teñen posibilidade, entendedo como tal literatura a que está escrita nunha lingua que fala pouca xente. Neste eido, o único que recibiu o Nobel foi Frédéric Mistral, poeta provenzal, no ano 1910. A maior parte dos premios Nobel de Literatura, concédenllos a escritores en inglés e francés. Salvo nas linguas escandinavas que, aínda que sexan faladas por pouca xente, teñen un privilexio. Ata hai un premio Nobel islandés.
- Desta terceira candidatura súa, ¿irá a vencida? -
Podes estar segura de que non.
- No caso de que vostede erre nos seus pronósticos, recibir un Nobel ¿abriría a mente a moita xente cara ao galego?-
Sería importantísimo porque transmitiría orgullo de falar unha lingua ou ter unha literatura importante a moitas persoas que teñen autoodio contra a súa lingua, que pensan que o galego é inferior.
- Hai uns días, Isaac Díaz Pardo auguraba que o galego desaparecería como lingua coloquial para quedar como lingua culta. ¿Coincide? -
Existe unha tendencia do galego á perda de falantes pero tamén existe a contraria, que é a recuperación. O futuro do galego está no taboleiro político, nas mans dos galegos. Non existe unha tendencia fatal. De todas maneiras, o hebreo era unha lingua tan morta que Cristo non a falaba senón que utilizaba o arameo. Pois ben, desde que se creou o estado de Israel, o hebreo fálase. Todo depende das políticas lingüísticas que se fagan. A lingua retrocede por un lado; e recupérase por outro.
- Estamos sempre a oír louvanzas á novela e á poesía galegas. ¿É real esta calidade ou ámbalas dúas están a vivir de rendas?-
En Galicia, estáse facendo unha literatura que foi recoñecida por Antonio Gamoneda, último Premio Cervantes, como a mellor poesía que se escrebe en España.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 31-12-2007 17:23
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua dos xudeus de Galicia
A lingua dos xudeus de Galicia
Xose Luís Méndez Ferrín


Os xudeus de Galicia falaban a lingua das cidades e vilas nas que moraban, ou sexa a galega. Os nomes persoais dos varóns eran bíblicos (Isaque, David, Abraham) pro eles tiñan a atención de nomear as súas mulleres de xeito galego e meliorativo: Clara, Rica, Ouro, Alegría. En canto aos nomes de familia e alcumes, parece que na súa maioría eran galegos (Méndez, Pereira, Espiñosa, Sánchez), Certo que Pérez é moi numeroso entre xudeus, tamén pode ter unha procedencia hebrea coincidente co patronímico galego. Podían levar os nosos xudeus apelidos hebreus ou de escura fasquía semítica (escura para min); así: Cohén, Benveniste (coma o lingüista) Mardochai (V. Risco dicía ser este o verdadeiro apelido de Marx), Calvasan. Chaman a atención, polo caracter hebreu deliberado, os nomes de Ioseph Ibn Hayyim e de Moisés Ibn Zabarah, iluminados e calígrafo, respectivamente, da Torah ou Biblia de Kennicott, ambos os dous artistas coruñeses, que fan ostentación da súa veciñanza galega.

Seguiron falando galego os xudeus dispersados e expulsos de fins de século XV? ?pregúntame Lucía Pereira Espinosa. Voulle responder cunha hipótese.

Logo do degredo de expulsión lanzado pola intolerancia dos ben chamados Reis Católicos en 1492, é fama que a maioría dos xudeus de Galicia pasaron a Portugal. Gozarían do beneficio dunha rede social de apoio nas xudarías daquel reino. Pro, poucos anos despois (1496-1497), o rei don Manoel ordenou a conversión obrigatoria ou, alternativamente, o exilio de todos os hebreus de Portugal.

Penso eu que os conversos e cristiáns novos que quedaron en Galicia fóronse confundindo co resto da poboación e non parece que existisen verdadeiros núcleos criptoxudaicos. Con todo, sabemos que un acusado de xudaísmo foi queimado en auto de fe que se celebrou na Praza Maior de Madrid a fins do século XVII e presidido por Carlos II. Esta víctima levaba o apelido moi galego de Carballo.

O continxente de xudeus galegos, portugueses e cataláns que se asentou no Mediterráneo Oriental foi absorbido lingüísticamente polo continxente maioritario dos xudeus que falaban o castelán. E conformouse de tal modo a lingua e a cultura sephardita: sobre a base dunha preponderancia castelá. Reproduciuse nesta Diáspora, pois, o fenómeno da hexemonía e dominación castelá na Península Ibérica sobre as linguas galega e catalá, e, aínda despois, da portuguesa.

Entendo que houbo unha porción de xudeus galegos e portugueses que arraízaron nos Países Baixos. Nese asentamento, a lingua dos xudeos galegos e portugueses reunificouse. Pasaríase, así, a unha sorte de novo galegoportugués, neste caso sephardita. Tal lingua foi usada polas familias de ascendencia galega e portuguesa nos Países Baixos até a Idade Contemporánea moi avanzada. Documentos en lingua sephardita galegoportuguesa consérvanse en arquivos de Amsterdam, teño entendido. O sephardita galegoportugués utilizouse como lingua oral e escrita nos Países Baixos deica a segunda metade do século XIX ou aínda máis adiante. Supoño que por eses tempos as nosas comunidades xudías dos Países Baixos se achegarían ao asquenazismo e adoptarían como lingua propia o neerlandés Non coñezo estudos nos que se elucide o elemento galego deste galegoportugués dos Países Baixos nin que falen do elemento galego presente no xudeocastelán sephartita.

E ben, tanto na Europa Occidental coma na Oriental e no N. de África, perdida a lingua galega ou non, os sepharditas de orixe galega mantiveron moitos dos seus apelidos até os nosos días, aínda que sexa nalgúns casos difícil diferenciar o que é galego de aquilo que é portugués. En Galicia estamos moi orgullosos da posíbel orixe galega de certos sepharditas. Por exemplo: Francisco Sánchez, teorizador extremo do escepticismo no século XVI; Baruch Spinosa (Espiñosa, supoño, na orixe), filósofo revolucionario e único do século XVII; Pierre Mendès-France, o político perfecto do radicalismo pequenoburgués.

Observación

Hoxe os cursidosos da historia dos xudeus en Galicia poden aproveitarse da lectura dunha obra moito documentada e compendiosa de Gloria de Antonio Rubio: Los judíos en Galicia (Fundación Barrié, A Coruña 2006). Gustaríanos precisar que os hebreus que aparecen mencionados en dous documentos do ano 1044 que se inclúen no Tombo de Celanova, sendo os primeiros de tal nación que figuran localizados en Galicia, non viviron, segundo a información que chegou a nós, en Celanova Vagamente aparecen localizados (nin sequera fixados) no val do Arnoia e nas proximidades das aldeas de Fechas e Soutomel, como dependente dun feudal e para nada do abade de Celanova. En 1044 Celanova non era un núcleo urbano, senón só un convento. En todo caso, a vila de Allariz atópase a uns 12 quilómetros do teatro dos acontementos nos que se mencionan estes primeiros xudeus advertidos na documentación galega. E Allariz si que tivo xudaría ben poboada e documentada anos máis tarde.
Publicado no Ruído dos Días
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 31-12-2007 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Foro Social Galego
Artigo de Miguel Anxo Fernán Vello
GALICIA HOXE
Foro Social Galego


O Foro Social Mundial, saberán vostedes, naceu como un espazo aberto de encontro para intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, elaborar propostas, establecer un libre intercambio de experiencias e artellar accións eficaces por parte das entidades e os movementos da sociedade civil que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo capital ou por calquera caste de imperialismo, sen esquecermos a construción dunha sociedade planetaria orientada cara a unha relación fecunda entre os seres humanos e de estes coa Terra. E todo isto, dito así, figura na Carta de Principios establecida polo comité de entidades brasileiras que organizou en Porto Alegre no ano 2001 o primeiro encontro do FSM. Noam Chomsky soubo analizar no momento da súa fundación o que representaba o FSM e concluíu que este era un espazo útil para desenvolver alternativas construtivas en defensa da esmagante maioría da poboación mundial que sofre constantes agresións aos dereitos humanos fundamentais, e tamén unha excelente oportunidade para avanzar no sentido de debilitar as concentracións ilexítimas de poder e estender os dominios da xustiza e da liberdade. E diríao con absoluta claridade Ignacio Ramonet, fundador de ATTAC e un dos promotores do Foro Social Mundial creado no Brasil: o FSM de Porto Alegre foi concibido como a antítese do Foro Económico Mundial de Davos. O Norte e o Sur. Ou sexa: empresarios, banqueiros e gobernantes do "primeiro mundo" e, na outra beira, cidadáns e pobos do planeta. Por iso mesmo é moi oportuna a convocatoria que diversas organizacións cívicas e sociais galegas, participantes no proceso do FSM dende xaneiro de 2001, acaban de realizar ?todo un acto cívico de mobilización? de cara a expresarmos dende o noso país a solidariedade coas principais reivindicacións do movemento alterglobalización. Será o 26 de xaneiro do 2008 en Santiago. Toda unha asemblea de movementos sociais galegos. Galiza activa co Foro Social Mundial. "Actuar localmente para mudar globalmente".
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 25-12-2007 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Ferrín no Faro de Vigo
Israelitas
Por Xosé Luís Méndez Ferrín

Temos falado eiquí da orixe xudía, nunca probada, de certas familias de Vilanova dos Infantes, incluída a miña. No ronsel desta idea escríbeme Lucía Pereira Espinosa desde A Coruña para saber sobre a miña opinión sobre dúas cuestións. Primeira; qué é o que significa ser xudeu ou xudía. Segunda: se é que existen comunidades sepharditas de orixe galega que conservan a nosa lingua. Non me sinto capacitado para responder a estas difíciles preguntas, máis intentareino con atrevemento temerario.

Serán xudeus, hebreus, israelitas, aqueles que proveñan de comunidades predominantemente urbanas que se extenderon por Europa, N. de África e Orinte Próximo desde a Idade Antiga e que tiñan como signo identitario a relixión étnica e o relato nacional que se cifra no que nós chamamos Pentateuco e eles Torah e o hebreu coma lingua sagrada e de cultura. A respecto do hebreu, os xudeus, segundo o grande relato, dende os días do Cativerio de Babilonia deixaron de falalo para asumiren diversas linguas do mundo, ás veces adaptándoas ás súas peculiaridades culturáis. Se a lingua hebrea era a da relixión e do culto na sinagoga nos días de Xesús Xosé e María, poño por caso, eles non a falaban e si a aramea en cambio. Tamén non falaba hebreu Flavio Iosefo.

Na Idade Moderna, as comunidades xudías, do Mediterráneo Oriental principalmente, construíron unha identidade sobre a lingua castelá evoluída de modo particular chamada djudio ou ladino, que é coñecido tamén como xudeocastelán. Estas comunidades foron chamadas sepharditas porque procedían de Sepharad, ou sexa da Península Ibérica, de onde foron expulsados polas monarquías cruéis e católicas do absolutismo nacente en España e Portugal a fins do século XV. ?Hay una tierra al Oeste/ que nunca puedo olvidar./ Hay una tierra al Oeste:/ Es mi dulce Sepharad?. Un grande continxente de xudeus vivían nos ghettos ou xudarías de Centro e Leste de Europa e alí foron fraguando unha outra identidade que tiña coma lingua o Jüddisch ou yiddish, palabra que, como o djudío sephardita, significa ?xudeu?. Este Jüddisch é alemán transformado nas comunidades de que falamos e que son chamadas askenazís. Por outra parte, ao longo do tempor fóronse conformando outras culturas e sociedades xudías de lingua árabe, amhárica (en Etiopía) e máis das que só temos moi vaga referencia no Fondo dos Espellos.

Os universos sepharditas e askenazí son moi diferentes e semellan ter só en común a referencia á Torah e ao Talmude. O sionismo xurde da cultura askenazí a fins do século XIX e proponse co obxetivo heroico de resucitar o hebreu como lingua oral e viva e fundar en Palestina, mediante unha sorte de Reconquista, un Estado Xudeu que necesariamente tería que desprazar a poboación árabe autóctona. Tal obxetivo cumpriuse ao termo da II Guerra Mundial e eu observo moi poucas personalidades sepharditas na nomenclatura política do Estado de Israel.

Pro, cando nos preguntemos por quén é realmente xudeu, os problemas son moitos e penso que irresolubeis. Serán verdadeiros xudeus os sionistas laicistas para os que a relixión é só unha compoñente histórica e nacional? Eles din que si. Pro, podesmo considerar xudeus os sepharditas Francisco Sánchez, filósofo escéptico extremo do século XVI, ou Baruch Spinoza, xenio do século XVIII que teorizou o panteísmo? Diríamos que era xudeu o descrido e falsamente converso Fernando Rojas, autor de La Celestina, ou o heterodoxo para os católicos Frei Luis de León? Poderíamos chamar xudeus a Karl Marx, Albert Einstein, Sigmund Freud, Leon Trotski ou mesmo Woody Allen ou Bon Dylan por moito que proviñesen de familias de boa torgueira askenazí? Marx pensaba que non, e aborrecía o modo de vida xudaico en canto que o anti-xudeu Vicente Risco, e outros que forman estúpida lexión, pensabal e pensan que xentes coma estas conspiraban e conspiran no nome da mentira dos ?Protocolos de Sión? para minar, disolver e destruír a civilización cristiá e demáis fantasías. E o que aínda é máis difícil de precisar: era xudeu Saulo, ou Paulos de Tarso, que arrincou a idea étnica do Deus privativo de Israel da sinagoga e chamos a todos os xentís, con éxito, a asumila ao tempor que fundaba o cristianismo?

Lectura recomentada: Reflexións sobre a cuestión xudía de J.P. Sartre. En próximas entregas seguirán pasando israelitas polo Fondo dos Espellos . Especialmente falaremos da nosa lingua no mundo da diáspora
sephardita.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 21-12-2007 04:00
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Pedro Gómez-Valadés
Annápolis, unha fiestra de oportunidade
Un artigo de Pedro Gómez-Valadés
Asociación Galega de Amizade con Israel


O pasado martes asistimos esperanzados á declaración conxunta que desde Annápolis fixeron pública Ehud Olmert e Mahmud Abbas. Declaración que afirma a vontade dás partes de chegar a un acordo definitivo antes de finais do 2008. Máis alá dá percepción persoal de cada quen, máis ou menos optimista ou pesimista, do que non cabe dúbida é de que ficamos diante dunha fiestra de oportunidade que, por responsabilidade histórica, non deben deixar pasar israelís e palestinos na procura dunha resolución do drama que sacode desde hai décadas Oriente Medio. Non será Annápolis unha variña máxica que resolva ou problema. Sería inxenuo pretender tal cousa. Ou camiño está cheo de dificultades que, en escenarios semellantes, naufragaron non pasado ante a impotencia dá comunidade internacional e do que é máis importante, dúas propios actores que sofren ou día a día do conflito. Pero sería tamén irresponsable pola nosa banda, desconfiar dá vontade real de israelís e palestinos en chegar á resolución do conflito. Desde a comunidade internacional cómpre apoiar e dar un voto de confianza ás vítimas reais. Sei do maioritario anhelo dá sociedade civil israelí por poder vivir en paz. Unha sociedade cansa de décadas de terror, acoso e enfrontamentos. Creo na vontade do presidente Mahmud Abbas cando afirma a súa decisión de alcanzar acordos sostibles e firmes que fagan posible a convivencia dúas dous pobos. Non será doado, hai non taboleiro problemas moi difíciles de resolver. Cuestións algunhas dolorosas para as partes, mais, que con vontade son posibles de resolver, outras recoñezo de máis difícil prognóstico: ¿Como vincular, como comprometer a unha organización integrista como Hamas, que fai bandeira do terrorismo indiscriminado e que nega e renega dá posibilidade nin sequera remota, do recoñecemento dá lexitimidade do Estado de Israel? Malia este interrogante, quero ser optimista. Porque palestinos e israelís merecen poder vivir definitivamente en paz.
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 04-12-2007 03:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0