 Recentemente lin a nova na prensa de toda Galicia e incluso aquí en Cataluña, da solicitude por parte dunha asociación cultural viguesa, de que o Concello de Vigo, o seu goberno municipal, lle dedique unha rúa ao médico vigués Eduardo Martínez Alonso. Sen dúbida, poucas rúas de Vigo terán o honor e e prestixio de alguén que como no caso de Eduardo Martínez, fixo méritos sobrados para que na súa cidade, onde el naceu, se lle honre e recoñeza cunha rúa entre as centos que o rueiro de Vigo ten. Eduardo Martínez foi o responsable da creación dunha ampla rede de axuda e de fuxida, para milleiros de xudeus que escapaban malamente do terror nazi, do Holocausto. Miles de persoas, descendentes deses xudeus que pasaron por Vigo, Ribadavia, Redondela, Tui, Guillarei, débenlle a vida a este valente médico vigués. Eu non son vigués, pero si son galego. E como galego súmome desde a diáspora con entusiasmo a esta fermosa petición que fago extensiva a todos os concellos de Galicia. Di un refrán xudeu: quen salva unha vida, salva un mundo enteiro. |