OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As guerras "mimadas". Marga Tojo
Publicado en GALICIA-HOXE - 20.08.2010
A comunidade internacional ignora certos conflitos e "coida" doutros: sábese cantos civís afgáns morreron, non cantos somalís; houbo o quíntuplo de tropas en Iraq que na RDC. Por que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas só examina algúns conflitos, e outros, de igual ou maior calibre, pásaos polo alto? Como se xustifica que un congolés reciba vinte e sete veces menos axuda ao desenvolvemento que un palestino ou sete veces menos que un afgán? No 2009, houbo o quíntuple de tropas internacionais en Iraq -onte Obama anunciou que, despois de seis anos, retira os exércitos norteamericanos- que en República Democrática do Congo, e perto da metade de tropas internacionais per cápita despregadas en Sudán do Sur que en Darfur. No 2008 as exportacións de armas da Unión Europea a Paquistán alcanzaron os 265 millóns de euros. Ese mesmo ano, Francia duplicaba a súa venda de municións a Israel, xusto antes da operación Chumbo fundido que causou a morte a máis de 300 nenos. E meses despois, as entregas de armas francesas ao Chad, un dos países máis pobres de África, aumentaban un 50%. O Barómetro da Protección dos Civís 2010, publicado onte por Oxfam Francia compara doce conflitos que se desenvolveron en 2009 e nos que "millóns de homes, mulleres e nenos foron ameazados, asasinados, desprazados, feridos, violados e privados do acceso á auga ou á alimentación". A conclusión? Os raseiros para medir uns e outros presentan grandes desigualdades. O Barómetro revela, por exemplo, que o plan de rescate a Grecia do Fondo Monetario Internacional (FMI) e da Unión Europea (UE) elévase a cen mil millóns de euros mentres que a axuda conxunta ao desenvolvemento para Sudán, Chad, Somalia e República Democrática de Congo non chegou, en total, aos tres millóns de euros ao longo do ano pasado. Da rexión do Swat en Paquistán ou ao Leste da República democrática do Congo, pasando por Colombia ou Iemen, o estudo destaca a amplitude das disparidades na protección das poboacións e a asistencia que se lles achega. Pon de manifesto que "até a solidariedade pode ser inxusta" e lembra estoutras inxustizas que son os "conflitos esquecidos", a indiferenza e a incapacidade de actuación. Fíxase ademais na cobertura mediática das guerras, entre eles, na operación militar israelí Chumbo fundido, lanzada na franxa de Gaza entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009, cuxa presenza na prensa foi equiparábel que a que recibiron os conflitos bélicos da República Democrática do Congo, Paquistán, Sri Lanka, Sudán e Colombia xuntos.

"Os vínculos entre pobreza e conflito son obvios"
"A partir da recollida dos datos necesarios para a elaboración deste Barómetro, imponse a evidencia de que os medios consagrados ao seguimento e á análise das necesidades distribúense de xeito moi desigual -explica Nicolas Vercken, responsábel da prevención de conflitos e a protección da poboación de Oxfam Francia-. Así pois, se se dispón, por exemplo, de cifras consolidadas e regularmente actualizadas sobre as mortes de civís en Afganistán, en Iraq ou no conflito israelopalestino, case non existe información precisa para a RDC, Sri Lanka ou Somalia". Vercker compara a diferentes desatención cunha norma xornalística: "En prensa existe a "morte quilométrica", que fai da proximidade dun drama a primeira medida da súa importancia e esta parece desgraciadamente aplicarse moito máis aló dos medios, no conxunto da acción da comunidade internacional". Para Francisco Yermo, responsábel de Política Humanitaria de Intermón Oxfam España, os vínculos entre pobreza e conflito "son obvios", e a diferenza responde a intereses dos países máis ricos. "É facilmente explicábel que case non haxa cifras de baixas civís en Somalia, pois non é unha guerra xeoestratéxica para os estados ricos, e fai caso omiso". Por iso, o texto convida á ONU a publicar "unha análise completa e sistemática" para que a comunidade internacional, os actores humanitarios e os gobernos nacionais dispoñan de todos os elementos para "poder avaliar o impacto da violencia sobre os civís e para que así se lle poida demandar a protección necesaria".
Para rematar, Vercken fai unha reivindicación: "Sesenta anos despois da sinatura dos convenios de Xenebra, é hora de converter, por fin, a protección das poboacións no principio prioritario e absoluto de toda acción internacional e de garantir que, en calquera circunstancias, se tratarán con humanidade. Este obxectivo debe impregnar cada intención, cada decisión e cada acción da comunidade internacional. Non se poden tolerar por máis tempo as diferenzas de tratamento do sufrimento humano".

REFLEXIÓNA "reponsabilidade de protexer" pode soster a doutrina da "guerra xusta"
Explica Francisco Yermo, responsábel de Política Humanitaria de Intermón Oxfam a postura da organización sobre as necesidades da poboación civil nun escenario de guerra: "Temos unha reivindicación moi clara sobre que a poboación non combatente nunha situación de conflito armado debe ser protexida, e ese é un dereito que moitas veces non se respecta. Esta é unha responsibilidade, primeiro, dos propios Estados, e se é un conflito interno do gobeno e das partes combatentes, pero tamén, dado que isto non sempre funciona, a comunidade internacional ten a obriga de velar por isto". Tena, ademais, en virtude da norma de "responsabilidade de protexer", un termo relativamente novo que, desde 2005, logrou ser acollida na ONU como deber de socorro a poboacións vítimas de graves violacións de dereitos humanos. Tal como analiza en profundidade a investigadora María Cecilia Añaños Meza, a "responsabilidade de protexer", leva consigo unha mensaxe de intervención para o coidado dos dereitos humanos. Pero pode ser considerada como un novo intento de consolidar a doutrina do bellum iustum ou guerra xusta e, á vez, de asegurarlle á ONU unha área máis de acción no mantemento da paz no século XXI. A "responsabilidade de protexer" apareceu na ONU vinculada ás discusións sobre a intervención humanitaria en Kósovo e en vista das experiencias negativas desta organización en Somalia, Rwanda e Bosnia. En palabras de Añaños: "O obxectivo é a prevención e a detención dos catro crimes indicados: de xenocidio, de guerra, depuración étnica e crimes de lesa humanidade; e por iso reviste un carácter puramente humanitario. Trátase dun fin bo, sobre o que existe indubidabelmente un consenso. Con todo, o fin humanitario é difícil de determinar na práctica internacional e, sobre todo, de diferencialo doutros fins como os de expansión, xeo-estratéxicos ou económicos, os cales non constitúen unha quimera na imaxinación dalgúns medorentos destas intervencións, senón son realidades da vida política internacional pasada e presente, e comprobadas pola historia. Existe, pois, unha necesidade de pór baixo exame os fins humanitarios en empresas de intervención. Ademais, aínda contando con personalidade xurídica internacional, a ONU non é máis que a suma dos seus membros na súa actuación práctica, posto noutras palabras, é só o foro de negociación de políticas internacionais -e até nacionais- dos Estados membros, quen defenden os seus propios intereses, e é un reflexo fiel do desbalance e asimetrías de poder dos Estados. O exemplo máis resaltante é o Consello de Seguridade".

OS DATOS
Iraq recibiu o ano pasado o décuplo de axuda que a República democrática do Congo (RDC) e 35 veces máis que o Chad, con preto de 10 mil millóns de dólares. En termos de axuda pública ao desenvolvemento per cápita, un afgán recibía 179 dólares, a un congolés 25 dólares, a un paquistaní menos de 10 dólares.

As delegacións das axencias de prensa AFP e Reuters para RDC, Somalia, Sudán e o Chad, xuntas, non alcanzar o número de delegacións de Afganistán (9.439 contra 12.100)

Na prensa francesa, Afganistán apareceu 521 veces nos títulos das catro principais cabeceiras do país, Gaza 441 ocasións, e RDC 16 veces soamente.

A crise que tivo lugar en Paquistán implicou o desprazamento de 2,7 millóns de persoas. Desprazáronse centos de milleiros de persoas en Colombia, Filipinas, a República democrática de Congo, en Sri Lanka, Somalia ou Sur-Sudán

A ONU documentou 15.000 violacións na RDC desde 1998. Contabilizáronse 200.000 desde 1998.

Na RDC liberouse a 36.000 nenos soldados entre 2004 e 2008. A Monuc aínda documentou 848 novos casos de contratación de cativos soldados no ano 2009.
LER O ARTIGO EN GALICIA HOXE
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 21-08-2010 05:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0