OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ahotsak
Hai quen racha as perspectivas de paz con amosal e quen, desde a democracia, non quere saír do túnel. Porén, unhas mulleres vascas e navarras están a marcar o camiño para resolver o conflito. Elas son Ahotsak (voces, en éuscaro). Voces que desde a pluralidade están a ollar lonxe a prol da paz, deixando a árbore e mais o bosque que poden facer perder perspectiva. Hai uns días dúas mulleres de Ahotsak estiveron en Barcelona, invitadas pola fundación Nous Horitzons, vencellada a ICV. Duñike Arrigezabalaga, de Esker Batua-Berdeak, e Itziar Gómez, de Aralar, explicaron a xestación desta plataforma. O xerme estivo na relación persoal no parlamento de Vitoria entre a socialista Gema Zabaleta e a abertzale Jone Gorizelaia. Cando Batasuna foi ilegalizada, a relación continuou fóra das paredes da institución. Ahotsak son voces porque o primeiro paso para resolver un conflito é darlle papel á palabra, falar e escoitar: dialogar. E estas mulleres incorporan a sensibilidade feminina fronte á teimosía masculina que só entende a dicotomía violencia-contraviolencia. Neste sentido, recollen a proposta da ONU para que as mulleres sexan axentes activos na resolución de conflitos. As mulleres están máis preto da vida e teñen máis e mellores vimbios para teceren queipos de complicidade. Por primeira vez, unha plataforma está presente en todos os territorios de Euskalherria, ao norte e ao sur da muga, con compoñentes que trascenden o estrito mundo nacionalista. En Ahotsak hai mulleres nacionalistas (PNV, EA, Aralar, Batasuna, Abertzaleak Batasuna) e outras que non o son: mulleres socialistas do PSE-EE, do PSN e do PS francés, e de EBB. Hoxe xa son cinco mil as mulleres que están adheridas á plataforma. Hai uns meses encheron o pavillón Euskalduna de Bilbao. Coa campaña da árbore (plantar unha en cada concello e crear ao seu redor un espazo físico para dialogar) están a formar colectivos locais. E fronte á inmediatez miope de moita prensa, estas mulleres procuran conservar a unidade naquilo que as une e deixar de banda calquera discrepancia que puidera enviar ao tacho o proxecto. Porque para elas dialogar é botar fóra a violencia. A violencia estrutural e mais a violencia instalada entre as persoas. Mais o horizonte destas mulleres excede a simple desaparición da banda armada: paz e democracia deberán ser aprendidas por quen hoxe segue a defender a violencia como forma de loita.
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 22-01-2007 04:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0