 O voto nas asembleas comarcais deulles 7 representantes máis no Consello Nacional
As correntes críticas do BNG (Encontro Irmandiño, A Alternativa e Movemento pola Base) obtiveron en torno so 30% dos votos nas asembleas comarcais das sete grandes cidades galegas, co que conseguiron sete novos representantes no Consello Nacional desta formación, dos 23 que foron designados. Encontro Irmandiño e A Alternativa, a diferenza do ocorrido na Asemblea Nacional do 2 e 3 de decembro, decidiron concorrer nunha mesma lista ás asembleas comarcais. Desta forma, obtiveron representación en cinco das grandes cidades, excepto en Ferrol, onde triunfou Quintana, e en Pontevedra, onde houbo lista única.En total, as correntes impulsadas por Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira obtiveron seis membros para o Consello Nacional. Deles, tres pertencen á Alternativa: un próximo a Camilo Nogueira, en Vigo, e dous de Esquerda Nacionalista (EN), en Lugo e Ourense. O Encontro Irmandiño conseguiu outros tres postos no Consello Nacional, un en Santiago e dous na Coruña, aínda que neste caso as fontes consultadas subliñaron a "dificultade" de adscribir un dos representantes a ningunha corrente, xa que o elixido "é da corda de Henrique Tello", portavoz do BNG nesta cidade.
Movemento pola Base sumou un representante en Santiago
Movemento pola Base, integrado por ex membros da UPG e representantes do sindicato CIG, presentouse en solitario, do mesmo xeito que xa fixo na Asemblea Nacional, e conseguiu un representante na asemblea comarcal de Compostela. Estes resultados ratifican a importancia das correntes críticas, aínda que nestes conclaves comarcais non conseguiron chegar á porcentaxe que obtiveron na XII Asemblea Nacional, cando sumados os seus resultados, alcanzaron o 38% dos votos, o que permitiu sentar no Consello Nacional a nove membros de Encontro Irmandiño, cinco da Alternativa e outros cinco de Movemento pola Base.Tras a designación das executivas comarcais finaliza o proceso iniciado na XII Asemblea Nacional, na cal se elixiron a 50 membros do Consello Nacional. Desta forma, e tras a designación dos seis representantes dos partidos políticos, este órgano terá 105 membros.
A lista oficial obtén 16 postos
Quintanistas e UPG repártense o resto de representantes elixidos nas asembleas comarcais, 16 en total, aínda que a maior parte dos membros designados pertencen á formación de Francisco. |