 En coherencia coa seica ilimitada xurisdición internacional da xustiza española na voz da "Audiencia Nacional", o xuíz Fernando Andreu admitiu a trámite unha querela contra o Estado de Israel por un bombardeo en Gaza que, no 2002, acabou coa vida de quince civís. O obxectivo era un dirixente terrorista de Hamás. O auto do xuíz se encarrila na mellor doutrina do xuíz Garzón, animado por tantos precedentes nos que a xustiza española se erixiu en xendarme do mundo mundial. O Supremo intentou sen éxito coutar a xurisdición universal dos tribunais españois no «caso Guatemala» esixindo unha condición que non prevé a lei, a presenza dun interese directo do caso co Estado español. O Tribunal Constitucional tumbou a idea do Supremo e, desde entón, o goteo de denuncias por crimes contra a Humanidade foi tan incesante como frustrante. Non só é un exercicio xurisdicional abocado ao total fracaso -porque sen colaboración do Estado acusado non hai probas, nin autores, nin xuízo-, senón tamén enganoso, porque ningunha vítima foi reparada. Sen embargo, diplomaticamente teñen un alto custo, determinante de decisións paradoxais e ate hipócritas, como as que fixeron da morte de José Couso unha bandeira partidista e logo forzaron ao fiscal Conde-Pumpido a pedir e obter o seu arquivo. Despois do alarde antiisraelí do PSOE, esta iniciativa xudicial achega agora o seu grano á campaña de criminalización do Estado xudeu, obviando que a Audiencia Nacional tamén ten competencia para perseguir, por exemplo, o terrorismo palestino. Por qué non o fai? |