OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Consulta vasca: O Estado íspese
Consulta vasca: O Estado íspese
Un artigo de Imanol Murua


O Goberno de España, para que negalo, ten razón. A consulta non obriga a nada, de acordo; non é un referendo, de acordo, pero a Constitución española tamén declara as «consultas mediante referendo» competencia exclusiva do Estado. Sufraxio universal, censo electoral, comisións electorais, campaña... din que son moi bos, pero os xuristas do Goberno vasco terán choio razoando que a do 25 de outubro non é unha «consulta mediante referendo».

Esta non é unha batalla xurídica. E se alguén o pensa, que lea a cuarta razón do recurso que deu en presentar o Goberno de España ante o Tribunal Constitucional. O fondo do conflito na súa crueza. Iso ten a iniciativa de Ibarretxe, a de agora e a de hai catro anos. Non se ve claro, mesmo se finalmente vai celebrar a consulta, que efectividade tería realmente para solucionar o conflito político e traer a paz. Non se ve nada claro se, como se agarda, o Tribunal Constitucional a prohíbe, como levarán a cabo a consulta o Goberno vasco e os partidos que a apoian. Pero, cando menos, visibiliza claramente cal é o cerne do conflito que hai que resolver aquí.

O recurso do Goberno de España, entre as páxinas 25 e 29, está ganduxado de verdades, cheo de verdades sobre o terreo de xogo e as normas establecidos pola Constitución española. Os que argumentan que grazas ao Estatuto de Gernika alaveses, biscaíños e guipuscoanos teñen o dereito a decidir deberían ler unha frase subliñada, e non unha vez, no recurso: «a autonomía non é soberanía». Díxoo o Tribunal Constitucional por primeira vez en 1981, confirmouno en 1984 e volveuno lembrar novamente en 2007, como fixo notar no recurso o avogado do Estado. É dicir: «o titular da soberanía é o pobo español»; «a unidade indivisíbel da nación española é fundamento da propia Constitución»; «o suxeito constitucional [español] recoñece e garante autonomía ás nacionalidades e rexións». E, xa que logo, en caso de ter que pasar «dunha patria común e indivisíbel de todos os españois a un estado plurinacional» debe ser «como consecuencia da decisión de todo o pobo español».

E postas estas bases sobre o tema da consulta, velaquí dúas conclusións do recurso. Unha: para realizar «unha consulta autonómica» a autorización non a pode dar o Parlamento vasco, senón o Congreso español, co apoio da maioría absoluta, e a convocatoria non pode facela o lehendakari, senón o Consello de Ministros do Goberno de España, mediante un decreto asinado polo rei de España e confirmado polo xefe de goberno. E dous: «as decisións políticas que teñen importancia especial para toda España non deben consultarse en referendo autonómico, senón en referendo nacional».

Velaí o terreo e as normas de xogo, explicadas polo avogado do Estado cunha claridade digna de agradecemento. O de sempre: que quen di que o suxeito de decisión é España -e só España- ten o amparo de toda a lexislación, e quen din que a cidadanía vasca ten dereito a formar un suxeito político está apreixado no marco xurídico-político, sen opción ningunha de materializar unha reivindicación política lexítima. Ibarretxe dixo que o Goberno de España interrompeu «o noso autogoberno político», pero, desgrazadamente, non fixo máis que utilizar as ferramentas que lle dá o Estado autonómico pero indivisíbel.

E agora que? Ziarreta (1) dixo que a consulta se vai celebrar malia todos os atrancos, mais Urkullu (2) que respectarán a legalidade. É moi difícil que se se cumpre o de Urkullu se cumpra o de Ziarreta. E o de Urkullu, iso di a experiencia, cumprirase.

O próximo capítulo, de aquí a dous meses: o Goberno vasco pediu ao Tribunal Constitucional que decida antes do 15 de setembro, para poder realizar a tempo a convocatoria de consulta. Entre mentres, paréntese.

NOTAS
(1) Presidente de Eusko Alkartasuna, un dos partidos que forman o actual goberno da Comunidade Autónoma Vasca.
(2) Presidente do Euskadi Buru Batzar, máximo órgano do PNV.

Artigo tirado do xornal ?Berria?do 16 de xullo de 2008]
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 19-07-2008 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0