OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Artigo de Ferrín no Faro de Vigo
Israelitas
Por Xosé Luís Méndez Ferrín

Temos falado eiquí da orixe xudía, nunca probada, de certas familias de Vilanova dos Infantes, incluída a miña. No ronsel desta idea escríbeme Lucía Pereira Espinosa desde A Coruña para saber sobre a miña opinión sobre dúas cuestións. Primeira; qué é o que significa ser xudeu ou xudía. Segunda: se é que existen comunidades sepharditas de orixe galega que conservan a nosa lingua. Non me sinto capacitado para responder a estas difíciles preguntas, máis intentareino con atrevemento temerario.

Serán xudeus, hebreus, israelitas, aqueles que proveñan de comunidades predominantemente urbanas que se extenderon por Europa, N. de África e Orinte Próximo desde a Idade Antiga e que tiñan como signo identitario a relixión étnica e o relato nacional que se cifra no que nós chamamos Pentateuco e eles Torah e o hebreu coma lingua sagrada e de cultura. A respecto do hebreu, os xudeus, segundo o grande relato, dende os días do Cativerio de Babilonia deixaron de falalo para asumiren diversas linguas do mundo, ás veces adaptándoas ás súas peculiaridades culturáis. Se a lingua hebrea era a da relixión e do culto na sinagoga nos días de Xesús Xosé e María, poño por caso, eles non a falaban e si a aramea en cambio. Tamén non falaba hebreu Flavio Iosefo.

Na Idade Moderna, as comunidades xudías, do Mediterráneo Oriental principalmente, construíron unha identidade sobre a lingua castelá evoluída de modo particular chamada djudio ou ladino, que é coñecido tamén como xudeocastelán. Estas comunidades foron chamadas sepharditas porque procedían de Sepharad, ou sexa da Península Ibérica, de onde foron expulsados polas monarquías cruéis e católicas do absolutismo nacente en España e Portugal a fins do século XV. ?Hay una tierra al Oeste/ que nunca puedo olvidar./ Hay una tierra al Oeste:/ Es mi dulce Sepharad?. Un grande continxente de xudeus vivían nos ghettos ou xudarías de Centro e Leste de Europa e alí foron fraguando unha outra identidade que tiña coma lingua o Jüddisch ou yiddish, palabra que, como o djudío sephardita, significa ?xudeu?. Este Jüddisch é alemán transformado nas comunidades de que falamos e que son chamadas askenazís. Por outra parte, ao longo do tempor fóronse conformando outras culturas e sociedades xudías de lingua árabe, amhárica (en Etiopía) e máis das que só temos moi vaga referencia no Fondo dos Espellos.

Os universos sepharditas e askenazí son moi diferentes e semellan ter só en común a referencia á Torah e ao Talmude. O sionismo xurde da cultura askenazí a fins do século XIX e proponse co obxetivo heroico de resucitar o hebreu como lingua oral e viva e fundar en Palestina, mediante unha sorte de Reconquista, un Estado Xudeu que necesariamente tería que desprazar a poboación árabe autóctona. Tal obxetivo cumpriuse ao termo da II Guerra Mundial e eu observo moi poucas personalidades sepharditas na nomenclatura política do Estado de Israel.

Pro, cando nos preguntemos por quén é realmente xudeu, os problemas son moitos e penso que irresolubeis. Serán verdadeiros xudeus os sionistas laicistas para os que a relixión é só unha compoñente histórica e nacional? Eles din que si. Pro, podesmo considerar xudeus os sepharditas Francisco Sánchez, filósofo escéptico extremo do século XVI, ou Baruch Spinoza, xenio do século XVIII que teorizou o panteísmo? Diríamos que era xudeu o descrido e falsamente converso Fernando Rojas, autor de La Celestina, ou o heterodoxo para os católicos Frei Luis de León? Poderíamos chamar xudeus a Karl Marx, Albert Einstein, Sigmund Freud, Leon Trotski ou mesmo Woody Allen ou Bon Dylan por moito que proviñesen de familias de boa torgueira askenazí? Marx pensaba que non, e aborrecía o modo de vida xudaico en canto que o anti-xudeu Vicente Risco, e outros que forman estúpida lexión, pensabal e pensan que xentes coma estas conspiraban e conspiran no nome da mentira dos ?Protocolos de Sión? para minar, disolver e destruír a civilización cristiá e demáis fantasías. E o que aínda é máis difícil de precisar: era xudeu Saulo, ou Paulos de Tarso, que arrincou a idea étnica do Deus privativo de Israel da sinagoga e chamos a todos os xentís, con éxito, a asumila ao tempor que fundaba o cristianismo?

Lectura recomentada: Reflexións sobre a cuestión xudía de J.P. Sartre. En próximas entregas seguirán pasando israelitas polo Fondo dos Espellos . Especialmente falaremos da nosa lingua no mundo da diáspora
sephardita.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 21-12-2007 04:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0