OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SHOAH. Suso de Toro

SHOAH
Suso de Toro

Almorzamos cada día con novos crimes do exército israelí, novas infamias de Sharon. Eses crimes trasladan unha parte desa furia cega aos nosos ollos. Mais os crimináis non nos deben facer esquecer o esencial, o que debe perdurar na nosa memoria. Pois o crime non é o todo da verdade, tamén está a vítima. E tamén está a piedade. Tamén eses crimes de estado que escarnecen en corpo e alma aos palestinos ten disidentes dentro, obxectores entre a sociedade israelí. Sabemos que o pobo xudeu non é Israel, moito menos Sharon. Lembramos o que os xudeus significan para esta parte da humanidade chamada Occidente. Un lémbrao cando a radio anuncia a retransmisión de Moisés und Aaron, de Schóm-berg, en directo desde Nova York, estreada polo propio autor no 36 nunha Barcelona baixo as bombas fascistas. Un repasa discos e libros nesta mesa de traballo e aparecen cantos de Mahler, literatura de Imre Kertész, poemas duros e negros de Celan, compases hebreos de Shostakovich, a banda sonora de Armand Amar para a película Amen do imprescindíbel Costa-Gavras (como irnos esquecer a verdade que hai nesa película porque a extrema dereita sionista impedise a estrea doutro filme seu que narra o crime contra o pobo palestino). Cómo poderemos esquecer a Primo Levi. E, sobre todo, cómo esquecer que existe a película Shoah, de Claude Lanzmann. Riba da mesa está o libro, Shoah, subliñado, riscado, inter-vido, onde a editorial Tiempo al Tiempo publicou o texto dése filme. Non hai imaxes, non hai banda sonora. Hai so palabras pronunciadas e aquí fixadas, detidas. Poesía pura. Dureza do diamante, exactitude do diamante entallado. Os nazis alemáns e os aliados cometeron o máis atroz sen ocasión para a desculpa, non hai atenuantes. O xenocidio dos ciganos europeos é invisíbel, coma o mesmo pobo cigano, e o romanes non nos deixou por escrito a memoria da súa dor, non sabemos dunha palabra del que designe o que lles fixeron. Pero existe a palabra hebrea, que tamén facemos patrimonio noso, para nomear ese crime máximo, Shoah. E ese horror fascínanos. E fainos comprender o que Aristóteles quixo dicir da conmoción dos espíritos polo horror, da traxedia. A categoría máxima da estética nútrese de dor e mais de horror. As páxinas deste libro obrígannos a nomear o indicíbel, o que os agacharon baixo eufemismos. Obrígannos a facer cálculo do tempo preciso para facer desaparecer un número determinado de homes, mulleres e nenos. Facemos contabilidade sinistra con superviven tes e verdugos: «Vexamos... No caso das mulleres, digamos que unha hora en total. Unha hora e media. Todo un tren, en dúas horas.» Todo está en: «A señora, cando viu este neno, díxolle ao alemán: «Oia, ¡deixe marchar este neno!» Entón el preguntoulle; «¿Pero onde?». «Pois co seu pai e mais coa súa nai». Daquela o alemán mirou para o ceo e díxolle: «Si, decontado, ¡el haberá ir para aló arriba, co seu pai e mais coa súa nai!»». Porque «cada día, diante dos nosos ollos, milleiros e milleiros desaparecían pola cheminea». O pobo xudeu amosounos durante séculos, definitivamente no século XX, o significado da palabra traxedia. Sobre todo aos cristiáns, porque foron os cristiáns os que asasinaron e os que contemplaron mudos. E isto foi así.
Comentarios (2) - Categoría: Galiza - Publicado o 30-10-2007 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
Máis de 150 intelectuais e artistas galegos asinan un manifesto contra Reganosa
Reclaman o traslado da regasificadora de Mugardos ó exterior da ría ·· Concentración en Ferrol o día 30 para esixir a fin da actividade da planta. Máis de 150 intelectuais e artistas asinaron o Manifesto cidadán que reclama o traslado da planta de gas de Mugardos (A Coruña) ó exterior da ría e no que se pide que Reganosa non obteña a autorización definitiva de funcionamento comercial. Entre os asinantes, atópanse nomes como os políticos Xosé Manuel Beiras ou Camilo Nogueira, e escritores e intelectuais como Manuel Rivas, Isaac Díaz Pardo, Ignacio Ramonet ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Así o expuxeron os membros do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, o colectivo que desde 1999 se opón á localización actual de Mugardos, nun acto celebrado onte na Facultade de Humanidades de Ferrol. No evento, os representantes do Comité animaron os máis de cen asistentes a apoiar a manifestación do 30 de setembro en Ferrol, coa que se pedirá o traslado de Reganosa ó porto exterior. Segundo resaltou Eliseo Zahera como portavoz do colectivo, é o "momento" para a paralización de Reganosa, polo que considera fundamental "a presión cidadá para mover os políticos", en contra dunha instalación que "está por encima da vida e da legalidade". Así, recordaron que Reganosa opera en fase de probas desde o 9 de maio, e que está pendente de que lle sexa concedida a acta de funcionamento comercial definitiva. Con todo, consideran que a instalación non poderá ser autorizada porque non cumpre con 2 dos condicionantes esixidos: que se cumpra a distancia de 2.000 metros da poboación e que se asegure a saída de urxencia dos buques gaseros. No manifesto e coa protesta do día 30 pídeselle ó Goberno que non autorice de forma definitiva a Reganosa; á Xunta que "reoriente a súa política enerxética para que lle deixe de ser unha ameaza para a vida de miles de persoas de Ferrolterra"; ó Concello de Ferrol que reclame ó Tribunal Supremo que faga firme a sentenza de 2004 que anulaba a tramitación ambiental de Reganosa; e ó Concello de Mugardos que revise as licenzas e permisos concedidos á instalación. Tamén se reclama que sexan retiradas as denuncias presentadas contra os mariscadores que atrasaron a entrada de tres dos sete buques que xa descargaron gas natural licuado en Reganosa.
ACTOS Cúmprense xa dous meses do peche na casa consistorial
Hoxe, domingo 23 de stembro, cumpriranse dous meses do peche iniciado por veciños de Mugardos na casa consistorial, para mostrar o seu rexeitamento a Reganosa e reclamar información dos plans de urxencia da planta de gas. Piden reunirse co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e co Ministro de Industria, Joan Clos, para exporlles a existencia de vivendas a pouco máis de 100 metros de distancia de Reganosa.
Así, hoxe conmemorarase a data dos deses dous meses coa presenza da charanga A Gresca, a partir das 18:30 horas e coa lectura dramatizada ás 19.00 horas da obra "Acurrados" de Xenaro Marinhas del Valle, a cargo de Liño Braxe e Mabel Ribeira. Como peche ó acto de homenaxe, está previsto que se proxecte o documental "As Encrobas, a cea aberto", de Xosé Bocixa, que se centra na problemática do conflito que viviron e seguen a vivir os veciños da parroquia cercedense por unha explotación de carbón e unha central térmica desde hai trinta anos. O peche está xerando gastos económicos ó Concello. O alcalde Xosé Fernández Barcia cifrouno en 20.000 euros debido ó traballo extra da Policía e ó consumo eléctrico.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 23-09-2007 02:54
# Ligazón permanente a este artigo
Os 15.000 e o inmoral
Artigo de Xosé Carlos Caneiro

O problema do suplemento ou complemento, ou como vostedes queiran chamalo, é de índole moral. Díxenllo ao panadeiro e ao meu barman favorito e entendérono. Tamén o entende a xente na rúa. Enténdeo todo o mundo menos quen o ten que entender, ou sexa, o noso presidente Touriño.
Él argüe que non é moita cantidade e que os altos cargos están mal pagos. Non o poño en dúbida. é máis, creo que os altos cargos teñen que estar moi ben pagos, pola súa responsabilidade e dedicación. A algúns tamén se lles podía aumentar ou descontar o índice de produtividade, pero a produtividade aos políticos supónselles (o panadeiro e o meu barman dubídano). Deixémolo así, que lles paguen, e moito. Pero que lles paguen, que lles paguemos, mentres exerzan o seu alto cargo, non despois. E aquí é onde o meu barman e o panadeiro se enfurecen. Un dime que é inmoral, e eu dígolle que si. O outro me di que é, simplemente, unha estafa. Quedo co primeiro. A min a moral explicáronma en bacharelato, con Tomás de Aquino, pero ma explicaron mellor as xentes de idade. O moral é aquilo conforme cos bos costumes, coa xustiza, a igualdade, a bondade e outras fraternidades. O inmoral é todo o contrario. Favorecer a uns e non aos outros. Actuar en desacordo co sentido común.
E iso é o que hoxe quero contarlle ao meu presidente. Porque o dos 15.000 euros, aínda que sexan moitos menos, non ten sentido común e vulnera ao resto da cidadanía, que fixo do sentido común a súa norma e tamén o seu ingrato padecer. Non se trata de que sexan 15.000... e o meu presidente Touriño pásase o día explicándonos a cousa do complemento de destino... que non é tanto, que depende, que se aforra diñeiro... Trátase de que un só euro por «servizos prestados» que se lle pague a un funcionario despois de exercer o seu alto cargo, e ata a xubilación, é inxusto e perverso. Porque divide e jerarquiza, porque crea unha caste superior na sociedade (¿son xa os políticos unha caste?), porque blinda aos altos cargos fronte ao pobo. É inxusto porque nos doe a alma que alguén, dos que nos mandan democraticamente, intente xustificalo en función do ben prestado á sociedade. Inxusto, porque derruba o principio de homogeneidad que aos funcionarios dun determinado grupo supónselles (¿e se non es funcionario non che vas a levar un duro?). E inxusto, porque vai crear un clima de corrupción como nunca antes se viviu: se es funcionario, procura ser alto cargo (en Arxentina, antes do corralito , sucedeu o mesmo). Os altos cargos deben estar moi ben pagos, reitero, porque a súa responsabilidade así o merece. Pero despois, cando volven ser como vostede e como eu, non merecen trato de favor nin prebenda algunha. E Touriño, igual que o meu barman e o meu panadeiro, sábeo. Por iso, e porque é de sabios, debe rectificar.
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 07-09-2007 01:51
# Ligazón permanente a este artigo
Organizan unha Viaxe a Israel desde Galiza en Novembro


Os amigos de AGAI (www.amizadeconisrael.org ) organizan para a primeira quincena de Novembro unha excepcional viaxe a Israel. Para máiS información podes chamar ao 610 424174 ou enviarlles un correo a agai_galicia_israel@yahoo.es
WEB DE A.G.A.I.
Comentarios (2) - Categoría: Galiza - Publicado o 05-09-2007 02:07
# Ligazón permanente a este artigo
Foi para facer outra política

Foi para facer outra política
SUSO DE TURO
EL PÁIS
25/02/2007

A sociedade galega é débil, é certo. Padece a debilidade do país envellecido que somos e aínda está sacudíndose o frío da etapa de glaciación da que acabamos de saír. Pero xunto a eses trazos atópanse tamén manifestacións de gran creatividade, vitalidade económica, social, cultural. Aínda que, non nos enganemos, a pesar dos fondos europeos seguimos á cola de case todo. Aínda así, esta Galicia non se merece a expresión política que ten. Quizá a mereceu antes, cando a sociedade deixouse tutelar e subsistiu minorizada mamando da teta clientelar. Pero agora que a cidadanía fixo os seus deberes merece outra política. Unha parte significativa da sociedade mobilizouse e expúxose unha e outra vez ante un poder político que compraba á sociedade e castigaba a disidencia, e fíxoo precisamente para acabar con aquela política. Foi a sociedade a que se moveu para facer un cambio, para enfrontarse a un poder político blindado e estarán moi equivocados os partidos que agora gobernan se cren que o mérito foi seu. Non lles negaremos o seu traballo, a súa militancia, as súas denuncias da ineptitude, corrupción, autoritarismo, a falta de transparencia..., o pésimo exemplo que foi o poder político para unha sociedade xa desesperanzada, nihilista. Pero os partidos non debesen esquecer que son instrumentos da sociedade e aínda que teñan a súa marxe de autonomía en último termo é a sociedade quen dispón deles póndoos no Goberno ou quitándoos co seu voto. Como se fixo. E, nese sentido, comprobamos que os nosos partidos son moito máis vellos que a sociedade, non comprenderon os cambios producidos no país. Seguen sen pensar na cidadanía, aínda pensan nos votos comprados.
Puxémolos aí co noso voto. É a nosa responsabilidade que gobernen. E por iso, cando van cumprirse os dous anos, todos temos a obrigación de asumir a realidade. Non podemos esquecer a etapa da que vimos, unha anomalía histórica caracterizada pola falta de liberdade e a inmobilidade; nese sentido entramos nunha etapa de normalidade histórica. Non esquecemos a gravosa herdanza que nos deixaron en case todos os campos e así, podemos asumir, ata comprender, a falta de impulso, as políticas de parche en case todos os terreos, a falta de imaxinación. Pero resulta totalmente inaceptable que se continúe coas mañas e os modos de gobernar do fraguismo para conservar o poder. Ademais de ser un erro innecesario, é inaceptable que se censure un programa de humor político na televisión porque resulta incómodo a quen goberna. É impresentable que continúe o tratar aos anciáns como mercancía electoral a base de racións de empanada. E é vergoñoso que actúe nelas un presentador da televisión autonómica, ou unha cousa ou a outra. E é ofensivo e inmoral, logo dun cambio político para liberar á sociedade das súas ataduras e chantaxes, que esta Administración continúe coa compra de vontades das empresas de comunicación. Esa operación, realizada na penumbra, só se explica pola intención de blindarse antidemocráticamente, de seguir comprando con diñeiro público a información e ocultándoa logo. Pola intención de roubarnos a liberdade de prensa e de expresión. Iso é o máis obsceno fraguismo. A guinda aos comportamentos fraguistas nesta administración bipartita pona os altercados na Vicepresidencia da Xunta días pasados. Un bochornoso compendio dos malos modos, o autoritarismo e do uso do poder dun modo perverso. Alguén terá que dar explicacións e pedir desculpas. Porque non merecemos iso.
A cidadanía pode e debe ser comprensiva cuns partidos no seu contexto histórico, pero non debese aceptar o que non é democraticamente aceptable. Aínda que iso supoña, novamente, colocarse en posición incómoda. Votámolos, puxémolos aí para que gobernasen doutro xeito, non para perpetuar comportamentos fraguistas. E os que discrepamos entón deses comportamentos non podemos agora calar. Só nos queda esperar que, achegándose ao ecuador da lexislatura, haxa unha autocrítica e un verdadeiro cambio no modo de facer política.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 29-07-2007 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Morte ao estado sionista espanhol!!


Atopei isto na rede. Alucinante. Como di a miña vella, ten que haber de todo.
Comentarios (2) - Categoría: Galiza - Publicado o 11-07-2007 10:24
# Ligazón permanente a este artigo
KROKE, música xudía en Galicia

Kroke é a palabra "yiddish" coa que é coñecida a cidade polaca de Cracovia. De aí procede este grupo creado no ano 1992 que recolle todo o esplendor da música xudía da súa Polonia natal. En pouco tempo, acadaron unha gran popularidade grazas ás súas actuacións nos máis importantes festivais de Europa, entre os que salientar o "Womad" de Las Palmas e o "Reading", ou nos numerosos encontros de música xudía onde compartiron escenario con artistas da talla de Van Morrison, Noa, Ravi Shankar, Klezmatics ou Natacha Atlas, entre outros. Entre os seus incondicionais: Steven Spielberg ou Woody Allen. Tomando o repertorio da música tradicional xudía como base, Kroke constrúe arranxos orixinais, crea composicións novas e únicas, leva a cabo improvisacións e logra un son totalmente descoñecido grazas á súa experiencia e á súa formación nos campos da música clásica e o jazz.
Ramón Trecet dixo deles en 2005: "KROKE sae ao escenario en calquera parte de Europa e ofrece unha sublime mestura de creatividade, arte, artesanía e carisma escénico... Eu vinos oito veces e cada unha era a primeira. E a seguinte, a primeira. Que gocedes, pero xa vos anticipo que ides ter un problema: Ides empezar a buscar como tolos onde os podedes ver outra vez".
Veñen de tocar no Festival de Ortigueira.
Comentarios (2) - Categoría: Galiza - Publicado o 09-07-2007 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Antisemistismo en Galicia?
Un artigo de Ignacio Ramonet
EL PAIS
04.07.07

Con Ramón Chao, estiven hai uns días en Redondela, a miña vila natal, convidado polo Club Internacional da Prensa que dirixe con eficiencia Carmen Carballo. No Multiusos da Xunqueira, posto a disposición polo alcalde Xaime Rei, demos ao alimón unha conferencia sobre "Guerra e paz hoxe; xeopolítica dos conflitos contemporáneos" que pechaba o ciclo sobre "Os latexos do mundo". Lonxe estabamos de imaxinarnos que, nese marco, iamos ser testemuñas, na Galicia de hoxe, de manifestacións de odioso antisemitismo. O noso propósito era propor respostas a algunhas das seguintes preguntas: como entender o mundo contemporáneo? Cales son os principais enfrontamentos -militares, políticos, económicos, ecolóxicos- do mundo de hoxe? É seica a chamada "guerra contra o terrorismo internacional" a resposta adecuada ás grandes desordes contemporáneas? Dixemos que, ao contrario da impresión que dan os grandes medios, o mundo esta hoxe bastante pacificado pois o 80% dos conflitos prodúcense no interior dun único "foco perturbador" constituído por un área xeográfica que vai de Caxemira a Darfur, na que se atopan Afganistán, Irán, Iraq, Chechenia, Kurdistán, Líbano, Palestina e Somalia. Fóra desa zona, e se exceptuamos Colombia e Sri Lanka, non hai guerras importantes no planeta. Ou sexa, que desde hai 200 anos, nunca se coñeceu un mundo menos conflitual. Por vez primeira en séculos, ningún conflito enfronta a dous estados entre si. Ou sexa, que todas as guerras son entre un Estado e unha ou varias organizacións non estatais armadas: por exemplo, Estados Unidos contra Al Qaeda, Turquía contra o PKK kurdo, Israel contra Hezbollah ou contra Hamas. Era pois un tema moi amplo que Ramón Chao, apoiándose nunha sólida documentación histórica, ensanchou máis aínda evocando a "guerra contra os pobres" contra quen se ensaña hoxe a globalización neoliberal. A nosa sorpresa veu ao iniciarse o coloquio coa sala abarrotada por unha asistencia en gran parte acudida de fóra de Redondela. A primeira persoa, moi exaltada, que tomou a palabra empezou lanzando longos improperios contra unha sorte de "conxura dos xudeus" que, segundo ela, "grazas ao seu poderío económico e mediático" "fan unha chantaxe permanente á opinión pública internacional evocando sen cesar o xenocidio e así vitimizándose". O que, sempre segundo esa persoa, "permítelles cometer á súa vez un xenocidio contra os palestinos". Logo desa retahíla de tópicos antisemitas, expresados a berros, o que máis nos sorprendeu foi que unha parte da asistencia aplaudiu coma se aprobase tan lamentables propósitos. Pola miña banda, declarei que condenaba do modo máis explícito semellantes palabras e que atopaba insólito que a estas alturas aínda se puidese caer, baixo pretexto de defensa da causa palestina, no antisemitismo máis craso. Se é obvio que se deben criticar algunhas actuacións dos exércitos de Israel (do mesmo xeito que os atentados palestinos contra civís israelís inocentes), iso non debe en ningún caso levar a retomar os nefastos seudoargumentos do máis ancestral e criminal antisemitismo. A maior parte dos asistentes aprobaron con aplausos esta posición. Pero, hábilmente repartidos pola sala, o que mostra que o grupo viñera con malas intencións, os amigos da primeira persoa replicaron tratándome de "traidor" e de "ignorante", argumentando que "o antisemitismo non existe pois os árabes tamén son semitas". Coma se unha crítica léxica puidese negar a realidade do tráxico e secular antixudaísmo en toda Europa, sen excluír Galicia. Este incidente non só empañou a miña alegría de dar por primeira vez unha conferencia na miña cidade natal de Redondela, senón que mostra sobre todo un preocupante arraigamento nunha parte descarriada da extrema esquerda de Galicia de nauseabundas teses antisemitas. Que deshonran a nosa terra. O soño da razón produce monstros. E a incapacidade de pensar dalgúns, levoulles á peor das monstruosidades. É hora de rectificar.
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 07-07-2007 04:08
# Ligazón permanente a este artigo
Demagogo Xosé Luís Barreiro

Lin hoxe na Voz de Galicia un panfleto de Xose Luis Barreiro. E digo panfleto a mantenta. Delirante e pleno de demagoxia. Un burdo pseudoartigo no que deixa claro a súa fixación antiisraelí. Porque faga o que Israel faga é sempre culpable.

No fondo a cousa é simple:
A Euribor sube? A culpa é dos americanos e sionistas que dominan as alta finanzas.
A Euribor baixa? Idem.
A Euribor non sube nin baixa? Dá igual...a culpa é dos mesmos.
Chove moito? Culpa dos americanos e sionistas, por causa do quecemento global e esas cousas.
Non chove? Ah e tal, o quecemento global e non sei quê, Quioto e o Bush e Blair...en fin, os americanos e os sionistas.

En Gaza, como é habitual, os pacíficos palestinos, dedicanse a aquilo que saben facer mellor: andar a tiros, intervalando de cando en vez "acordos de paz".

De quen é a culpa?
Do Amhed que cargou no gatillo da Kalash e premiou o Salameh con 70 virxen?
Non!
A culpa, como declarou o impagábel ex Ministro de AA.EE da ANP, Mahmoud Zahar, é do MOSSAD, ou sexa, dos sionistas.

En panfletos distribuidos por Hamas, ese pacífico movemento, está todo explicado.
Os sionistas son os que obrigan a Amhed a cargar no gatillo, co maléfico propósito de deixar mal vistos aos pacíficos palestinos.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 21-05-2007 06:36
# Ligazón permanente a este artigo
Sen palabras...de diván.
DEIXO AQUÍ UNHA DELIRANTE MOSTRA DE CHIFLADURA-CUNPLUSTIVA-OBSESIVA. SEN PALABRAS.
----------------------------------

Unha vítima solitaria

Celso X. López-Pazos

Autocalificouse de vítima, de terse convertido nun apestado ao ollos dos seus compañeiros de organización, de ser obxecto dunha feroz caza de bruxas e dunha furibunda persecución inquisitorial por parte de sectores estalinistas do BNG(?) ou por grupos de fanáticos e irresponsábeis nacionalistas xudeófobos e antisemitas( ?), negadores da Shoa e cómplices duns árabes ?terroristas? que non se decatan de que, tal como el di, ?só Israel pode garantir a creación dun estado palestino libre e democrático?. El, que representa a quintaesencia da loita solitaria polo dereito á libre expresión e sofre unha persecución furibunda e un linchamento publico sen precedentes, padece todo este calvario só e illado, como un mártir enchido de estoica resignación,que oferece o seu sacrificio e o seu martiroloxio como pagamento por defender o dereito á discrepancia e por facer valer o seu dereito a poder manifestarse, en publico e en privado, a prol do estado de Israel e a prol da súa política sionista que non dubida en cualificar de non imperialista, porque ?o estado de Israel é demasiado cativo para selo?, esquecendo que Roma naceu dunha aldea do Lacio.

Si, pensaran algúns, non cabe dubida, Pedro Gómez-Valadés esta só, irremediabelmento só na súa loita. E ademais é unha vítima do BNG e do seu enorme poder. Só ten ao seu carón como aliados solidarios ao Partido Demócrata e ao Partido Republicano do pais máis poderoso do planeta, só defenden as súas teses o Departamento de Estado dos EEUU e o Pentágono, o Banco Mundial e a OTAN, o FMI e a UE ; só coinciden coa súa loita entre outros George Bush e Javier Sólana, o Mossad e Nicolas Sarkozy, Hillary Clinton e Steven Spielberg, José María Aznar, o barón de Rotchild(?Liberation? ) e Rupert Murdoch; a Fundación Francisco Franco e a Cadena Cope, Pio Moa e Bernard Henry-Levy, o Consello de Seguridade das NNUU e a CIA; The New York Times, Hollywood, a VI Flota e os dos xornais máis importantes e con maior tirada de Galicia.....
Comentarios (6) - Categoría: Galiza - Publicado o 08-05-2007 04:05
# Ligazón permanente a este artigo
Actos no 1º de Maio

Vigo 12:00 Cruce da Doblada con Urzaiz

A Coruña 12:00 Praza de Vigo

Compostela 12:30 Praza Roxa

Ferrol 12:00 Avenida de Esteiro (fronte local CIG)

Pontevedra 12:30 Praza da Ferrería

Ourense 12:00 Pavillón dos Remedios

Lugo 12:30 Ronda da Muralla (Edificio Sindical)

A Mariña 12:00 Praza de Lugo en Viveiro

Ribeira 12:00 Praza do peixe, fronte ao local da CIG
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 29-04-2007 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
As revelações do ?affaire Valadés?
As revelações do ?affaire Valadés?
Por Fernando del Rio Iglesias,
Militante do BNG e sócio da Asociación Galega de Amizade con Israel


O ?affaire Valadés? é muito grave. Pelo que supõe de atentado indiscriminado contra a dignidade de uma pessoa, a actuação do BNG resulta completamente reprovável. Porém, acredito em que uma pausada leitura entre linhas é necesária. O caso é revelador. Muito revelador.
Descobre que muitos no BNG estão insuficientemente impregnados do alicerce ético inalienável: a veneração dos sacros dereitos individuais. Proclamam acreditar na existência de objectivos trascendentes ?seja a libertação nacional ou a de classe- justificadores das suas acções e bálsamos para as suas conciências. Estes objectivos, qualificados de dereitos colectivos polos fieis, situam-se por cima dos dereitos individuais ?individual é um epíteto se aplicado a dereito- pois trascendem a miudeza das pessoas dada a sua natureza divina. Embora foram à escola desde cativos, ainda não entenderam porque os parisinos gilhotinaram uma cabeça coroada.
A verdade revelada plasma-se em dogmas, inquestionáveis pelos adeptos, tais como o anti-imperialismo ou o anti-sionismo. E qualquera pode ser acusado de hereje ?tu, leitor, também- pois os vagos dogmas sempre podem ser interpretados e manipulados convenientemente para executar o seu secreto e inominável cometido: queimar no lume da fogueira aqueles que não se submetem aos desígnios da hierarquia imbuida da graça divina. Porque afinal sempre é o mesmo conto, no BNG ou no Palmar de Troya. Os deuses não são mais que os ídolos sacados em procissão pelos sacerdotes gordos como cochos. E o Pedro renunciou a adorar becerros de ouro.
As frequentes purgas no BNG têm demostrado que esta organização carece de instituições que dirimam os conflitos internos de jeito independente. Instituições neutrais que apliquem regras do jogo conforme procedimentos claros e transparentes, garantam a defessa do acusado e presumam a sua inocência. E no ?far-west?, Lynch impõe a sua lei. Os linchamentos públicos tornam-se regra. A chusma maioritária, convenientemente incitada pelos adalides da vingança, avassala a minoria desvalida. Porque, todos sabemos que logo de sumaríssimo juiço, a iníqua condena do Pedro G. Valadés é ante tudo um acto de ignominiosa vingança.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 09-04-2007 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
Consideireinme xudeo
Consideireinme xudeo
Alfredo Conde


A estas horas coido que xa debe estar dictada sentencia polo sanedrín que entende no caso no que se dirime se un militante do BNG debe ser expulsado ou non das filas do segundo partido no governo, se eu entendín ben todo o lío que se montou darredor del, que coido que si, que o entendín, lamentablemente.

Trátase do flagrante caso de ter opinión propia, a quén se lle ocorre, no que incorreu Pedro Gómez-Valadés que, quén llo ía dicir ós do sanedrín, preside a Asociación de Amizade Galicia-Israel. Está visto que hai xentiña pra todo. O caso é que a estas horas xa debe estar dictada sentencia, pero a estoutras nas que eu escribo aínda non, así que sigo e aproveito pra dicir algunhas cousas que, moito mo temo, han seguir sendo válidas e necesarias, independentemente de que o condeen ou absolvan, pois xa é abondo con que se prantexara a necesidade de xulgalo, ou a de expulsalo; unha decisión que fala moito do xeito de contemplar, da maneira de ollar o mundo, de non pouca nin insignificante xente, parte integrante toda ela do segundo partido no governo de Galicia.

Nun libro de recente aparición El esnobismo de las golondrinas de Mauricio Wiesenthal, o autor recorda unhas palabras de Vicky Baum, a novelista que tivo que fuxir de Austria cando entraron nela os nazis. "Ser xudeo é un destino", escribeu a autora de Gran Hotel.

Logo, o autor do Libro de los Requiems e máis destoutro citado hai unhas liñas, apostilla: "É certo, porque en certos casos non é unha relixión, nen unha raza, nen sequer un convencemento íntimo, senón unha condición que depende da ollada de outro. Nácese austríaco, alemán, español ou francés, pero cos anos un pode converterse en extranxeiro. E comezas a ser xudeo o día no que te tratan como xudeo e che atribuen unha serie de cualidades ou defectos, completamente imaxinarios. Iso é todo. Son os perseguidores os que converten ós inocentes en Elexidos".

Teño para mín que son o abondo certas estas palabras como para que Gómez-Valades teña que asumir como destino propio o de ser xudeo, mercede a ollada que os seus perseguidores acaban de pousar enriba súa. Qué dicir, ou qué facer, qué comentar a tal respecto? Nada. Abonda simplemente con se poñer ó seu lado de xeito que a ollada que pousaron enriba súa te abranga tamén a ti. Eu estou ó seu carón. Consideirenme xudeo. Cómo consideiren ós inquisidores é cousa que deixo ó criterio de vostedes todos, meus tan pacentes lectores.
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 31-03-2007 05:21
# Ligazón permanente a este artigo
Faite socio da Asociación Galega de Amizade con Israel.

Vista a reacción que entre algún fundamentalista provocou a aparición da Asociación Galega de Amizade con Israel, animo a quen queira colaborar a facerse socio. A cota mínimo é mínima, só 12 Euros/ano. Podes enviar un correo a: agai_galicia_israel@yahoo.es / www.amizadeconisrael.org


Cales son os obxectivos de AGAI:

1) Denunciar e traballar contra a perversa banalización do Holocausto

2) Achegar á sociedade galega información alternativa ao empobrecedor ?pensamento? único que domina os medios de comunicación ao respecto do conflito árabe-israelí

3) Crear foros de reflexión, opinión e debate, tanto nos circuitos culturais galegos como na rede de internet para tentar neutralizar e contrarrestar a constante e inxustificábel demonización de Israel e combater argumentalmente a xudeofobia reinante

4) Animar a todos e todas os demócratas con ideas semellantes ás defendidas por esta Asociación para que fagan pública á súa militancia a prol da lexítima causa de Israel, porque ese sempre foi o seu dereito e na actualidade comeza a ser o seu deber.

5) Espallar o inmenso legado ético e cultural do pobo xudeo polo que todo Occidente segue en débeda con eles

6) Rehabilitar e recuperar a pegada histórica do pobo xudeo no noso país para que ocupe o lugar que lle corresponde na nosa memoria histórica e na sociedade galega actual

Desde logo un pode concordar ou non coa asociación, pero montar o cristo que desde o fundamentalismo-estalinismo están a montar é unha pasada.
ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 26-03-2007 09:35
# Ligazón permanente a este artigo
SR.GUILLERME VÁZQUEZ, AS MINORÍAS SI TEÑEN DEREITOS

SR.GUILLERME VÁZQUEZ, AS MINORÍAS SI TEÑEN DEREITOS
Pedro Gómez-Valadés

Artigo publicado o sábado 24.03.07

Que doado é, tirando de tópicos de todo a cen, demagoxia barata e medias verdades (cando non mentiras completas) e coa axuda inestimábel da descontextualización, disparar contra o pianista. Porque non é, sen dúbida, o señor ex-deputado Guillerme Vázquez, opinador nestas páxinas do Faro, ningún orfebre da palabra. Mais teño a certeza de que si sabe o que debe dicir e o que é quizais máis importante, cando e para quen debe dicilo. E como home que ?peitea canas? cumpre perfectamente a función que lle encomendan. Repasemos os feitos:
O pasado 1 de decembro nace en Compostela a Asociación Galega de Amizade con Israel (e non como sen dúbida con moi mala intención di o señor ex-deputado ?Asociación Galega de Amizade co ?estado? de Israel). Nace a Asociación da iniciativa dun amplo grupo de persoas, de toda Galiza, de todas as profesións e o que é máis importante, de todos os partidos. E para que a Asociación? Esta é a pregunta que cae en todas e cada unha das entrevistas que tiven a ben responder, unhas por mor do feito en si do nacemento da Asociación e outras, lamentabelmente a causa da pretensión que desde algúns sectores do BNG intentan forzar unha suposta incompatibilidade entre militar no BNG e participar dunha asociación legal e con fins claros e públicos. E que fins se marca AGAI? Nos principios básicos do Manifesto Fundaciónal de AGAI, e obviamente nos seus Estatutos, fican claros:
* Recuperar como parte da nosa Memoria Histórica como galegos e galegas o legado, a pegada que a presenza secular do pobo xudeu deixou no noso País.
* Combater a banalización cando non a directa negación do Holocausto. Porque agora que por lei de vida, as persoas que foron testemuñas directas daquela barbarie que asolou Europa no corazón do século XX, comezan a desaparecer, cómpre manter máis viva que nunca para as futuras xeracións, esta dramática lección do que a intolerancia, o totalitarismo e a xenofobia foi quen de xerar.
* Achegar información alternativa á que desde moitas e variadas fontes recibimos cada día a propósito do conflito árabe-israelí. Porque contra o que algúns poidan pensar, non é este un conflito de bos e malos, en branco e negro. É un drama complexo que require dotarse da maior obxectividade posíbel procurando non caer na trampa de elevar a categoria de información o que só é propaganda.
Pois ben, seica para algúns, nomeadamente o señor Vázquez, defender estes obxectivos é ?imperialista? e, xa que logo, nunha lectura interesada e falsa, enfronta esa suposta defensa do ?imperialismo? israelí (un pais máis pequeno que Galiza) coa defensa que o BNG fai do antiimperialismo. Pretender dar máis información é para algúns un delito. Afirma o señor Vázquez que ser socio de AGAI e militar no BNG é ?defender ideas contrarias?. O señor Vázquez sabe tan ben coma min, que ademais dalgunha resolución, algunhas liñas perdidas, o debate no seo do BNG sobre esta e outras moitas cuestións fica pendente. Non hai nada, nada, nos textos do BNG que confirme a suposta contradición que suporía ser socio de AGAI e militar no BNG. Como a mesma Executiva Nacional do BNG manifestara en primeira instancia, hai unha ?discoincidencia? non unha contradición. E o que si aparece nos textos do BNG, e o dereito á Discrepancia pública. E o Dereito á Discrepancia pública non é un adorno nos Estatutos, é unha clausula de salvagarda que toda organización democrática debe ter para poder acollerse a ela, e manterse como tal, democrática. Nunha interpretación empobrecedora e interesada dos textos do BNG este dereito seica é para algúns, un puro e simple artigo engadido por imperativo legal. Comparar a lexítima discrepancia que unha visión alternativa ou complementaria do conflito poidamos ter moitos militantes do BNG, con casos supostos de ?defender que Galiza é unha rexión, que a lingua galega non debe ser defendida ou que a discriminación de xénero ou racial é defendíbel? é ademais dun insulto á intelixencia dos lectores, un argumento impropio por pobre e demagóxico de quen tivo altas responsabilidades no BNG. Se todo o que o señor ex-deputado pode argumentar é isto...
E si señor Vázquez. É un problema de simple e pura liberdade de expresión. Aínda que así non o queira recoñecer quen pretende limitala. Non pode o BNG, forza que non esquezamos ten responsabilidades de goberno na Xunta, pretender ser unha opción que aspire a acadar o respaldo maioritario da sociedade galega e ao mesmo tempo cercenar inxustificabelmente a liberdade de opinión e de expresión no seu seo. Cal sería a percepción que a sociedade galega tería dunha organización que así actúa contra os seus propios militantes? Se así actúa contra os da casa, que faría cos de fóra ese BNG que o señor Vazquez defende, de ter maiorías que o facultaran a actuar sen disimulo? A oferta plural e democrática do BNG é real ou é un decorado de cartón-pedra? Eu e os que sendo militantes do BNG somos tamén socios da Asociación Galega de Amizade con Israel, defendemos un BNG plural como a sociedade que quere representar. Democrático, tolerante, e aberto. Un BNG que así é recollido nos nosos textos. Cumprir con ese BNG casa común de todo o nacionalismo, de todo o galeguismo, é un mandato imperativo para todos e cada un dos que participamos, sexa no nível que sexa, da construción dun BNG máis amplo, moito máis amplo e que sexa quen de gobernar o noso País sen que esa posibilidade produza arrepios a ningún galego. Despídese o señor ex-deputado Vázquez cunha simplona descualificación de Pilar Rahola. É moito máis fácil desde logo a descualificación que a contraargumentación. Sobre todo, cando non se teñen argumentos como semella é o caso. Eu remato cunha reflexión en voz alta: E se son xudeu? Segundo o señor Vázquez e os que coma el negan o meu dereito a pertencer a Asociación Galega de Amizade con Israel e militar no BNG, se sendo xudeu participo dunha asociación de amizade con Israel non podo militar no BNG. Podería votar por suposto, máis non militar. Confío que este despropósito remate axiña e remate ben. Porque eu quero que no BNG o señor Vázquez e os que coma el pensan, poidan defender abertamente as súas lexítimas ideas. E que o señor Vázquez e os que como el pensan, me permitan discrepar sen que iso sexa motivo de acoso ou linchamento ningún. Coma dixo Voltaire: ?Estou en completo desacordo con Vostede, mais daría a miña vida para que Vostede poidera seguir defendendo o que pensa?.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 24-03-2007 19:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0