|
|
|
O PORTAL DAS PALABRAS |
|
O PORTAL DAS PALABRAS é unha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié que vai dirixido a todo tipo de público, desde rapaces en idade escolar a persoas maiores que teñan interese polo noso idioma e o seu léxico. Tamén é útil para xente que se achega á nosa lingua aínda que sexa de xeito inicial.
O Portal das Palabras preséntase ante a escola coma un instrumento eficaz, esperamos que imprescindible, para o ensino, froito do traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
No Portal das Palabras o dicionario fálalle á sociedade nunha linguaxe do século XXI, necesaria para relacionarse no mundo, e intégranse actividades contextualizadas no ámbito tecnolóxico e didáctico no que vivimos. Consta de diferentes seccións: INFO, LÉXICO, XOGOS e DIDÁCTICA. Facilita, tamén, un diccionario online e un buscador de sinónimos.
 No apartado de XOGOS atopamos "Ensalada de pasta", un xogo de vocabulario moi acaído para o noso proxecto documental. Ala! A poñer o mandil. Que precisamos para facela?
|
|
|
|
REFRANEIRO DO MES DE OUTUBRO |
|
Desde o blog Ghafos achégannos o refraneiro do mes de outubro:
- Por San Francisco bota o liño mourisco, se o botas en San Simón nin da estopa nin estopón. - Por San Francisco, risco, risco. Por san Lucas alza o boi da suca, mata o porco e tapa a cuba. - En san Francisco trae a vela, en San Xosé lévaa. - Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendotes. - Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar. - Polo san Lucas mata o teu porco e barra a túa cuba / as túas cubas. - Polo san Lucas saben ben as uvas. - Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas. - Por san Xudase san Simón, collidas as uvas son. - Polo san Simón proba o viño, e o porco polo san Martiño. - Polo san Simón, áncoras ó fondón. - Por san Simón a xeira do cogordón. - Por san Simón cada moneda vale un doblón. - Por san Simón e san Xudas, collidas as uvas. - Por san Simón e san Xudas, mata o teu porco e atesta as túas cubas. - Por san Simón o néspero se repón. - Por san Simón, aperta o baldón. - Por San Simón, camiñar si, navegar non. - A verdura de San Simón dá pro (para o) amo e mais pro (para o) ladrón. - Áncoras ó fondo, que chega San Simón. - As avenidas de San Simón, antes ou despois sonadas son. - As enchentes de San Simón sonadas son, ou antes ou despois enchen o carro e mais os bois. - Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas. - Por san Quintín castañas ó rolín. - A lúa de outubro a sete cubre, e se chove, nove. - A lúa de Outubro sete lúas cobre, e se chove, cobre nove. - En outubro, a terra esterca e cobre. - En outubro, non molesta o lume. - Outubro viñateiro, pai de bo xaneiro.
 AS DATAS (para telo máis claro): - San Francisco, 4 de outubro. - Os Remedios, o segundo domingo de outubro; - O Pilar, 12 de outubro. - San Lucas, 18 de outubro - San Xudas e San Simón, 28 de outubro. - San Quintín, 31 de outubro. Nota: - Baldón ou bandón é o tapón de cortiza ou madeira co que se tapa o burato da tapa superior dos bocois. - "Barrar as cubas" é tapar calquera greta ou abertura que poida ter a cuba para asegurar a súa hermeticidade. Facíase con lama ou pez.
Neste mes entrarían tamén moitos dos refráns que hai sobre o outono, que tanto pode ser chamado estación ou mes do ano. Ver tamén curiosidades de outubro.
|
|
|
|
O NOSO PDI: A ALIMENTACIÓN |
|
Un curso máis, acordouse realizar un Proxecto Documental Integrado para todo o centro, dada a moi positiva experiencia dos curso pasados, sendo a Alimentación o tema central coa pretensión de crear no noso alumnado unha motivación adicional por aprender e desenvolver as habilidades para buscar e xestionar a información e recursos que lle permitan acadar uns coñecementos concretos e encadrados no currículo ordinario, coa particularidade de que se poderán compartir estas aprendizaxes con toda a comunidade educativa.
Desde o punto de vista curricular, constátase que en todos os currículos do sistema educativo dos diferentes países, hai un interese grande nas cuestións nutricionais e alimentarias, non só do punto de vista biolóxico e a súa relación coa saúde senón tamén do punto de vista cultural e social.
Por outra parte, por moi eficientes que sexan os servizos de saúde que unha sociedade poida ofrecerlle á súa cidadanía, a prevención da enfermidade e a preservación da saúde dependerán sempre, nunha grande medida da adopción de estilos de vida saudables por parte das persoas. Estilos de vida que son sobre todo o resultado do combate a comportamentos de risco e da adquisición de coñecementos e competencias para a adopción de hábitos e rutinas saudables. Por outra parte, a relación entre agricultura e alimentación é evidente, e nese contexto xurde o noso Proxecto Documental, adicado á alimentación.
 Para reflectir todo o proceso de elaboración e posta en práctica deste proxecto creouse un site adicado a este fin para que familias e comunidade educativa en xeral poidan acceder a toda a información e colaborar con ideas e propostas.
Polo de agora arrincou a primeira fase do proxecto e agardamos que sexa do gusto de tod@s, así que como diría o noso MIK-Chef: BON APPETIT!!!!
|
|
|
|
|
|
|
|
|