|
|
|
24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA |
|
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro.
Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos...
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
María Reimóndez Extracto do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018
Ademais das actividades da FUNDACIÓN ROSALÍA a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
A AELG abriu un blogue no que ir recollendo achegas creativas e iniciativas en relación con esta conmemoración.
O 24 de outubro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de referencia da literatura galega. Son moitas as institucións que se suman desde hai anos a esta celebración do DÍA DE ROSALÍA que as bibliotecas escolares aproveitanpara dar a coñecer ao alumnado os poemas, a vida e o significado desta gran autora. A obra de Rosalía cobra vida nas voces de nenas e nenos que recuperan en recitais, lecturas compartidas e todo tipo de actividades a forza da súa palabra. Atopan mozos e mozas na lectura dos seus versos unha muller actual e poderosa que se amosa cada ano que pasa máis próxima a todos e todas, a medida que os investigadores van desfacendo cos seus estudos as capas de escuridade que nola ocultaban. Unha vez máis, A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2018, baixo o lema #AbrideAFiestra, a celebrar este Día de Rosalía co agasallo dun libro galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de María Reimóndez e propón, así mesmo, múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. |
|
|
|
E ti que dis? |
|
|
|
|