|
|
|
QUERIDO MADIBA |
|
No día de onte, 6 de decembro, o mundo choraba o pasamento de Nelson Mandela, un home que foi un heroe pola súa HUMANIDADE, paradigma irrepetible de políticos, de reis, de negros, de brancos..., abandeirado da xustiza, da igualdade e do perdón. A súa bondade e o seu carisma foi capaz de acariñar as almas dos que sofren e abrandar os máis duros corazóns. Desde este recanto queremos rendirlle o noso homenaxe, desexando que o seu recordo permaneza por sempre no pensamento de todos os seres humanos. ATA SEMPRE, QUERIDO MADIBA!
A continuación transcribo o artigo de O lar de Frianciño, xa que reflicte perfectamente o noso sentir:
Achegándose o Día Internacional dos Dereitos do Home, non podemos senon reflexionar sobre esta figura senlleira que foi quen de reconducir a historia de Sudáfrica, conquerindo a reconciliación de dúas partes radicalmente enfrontadas: a minoría branca que ostentaba o poder económico e político, e a maioría negra carente de dereitos. Unha figura que, polo ben do seu país, foi quen de perdoar os máis de trinta inxustos anos pasados na cadea.
Nas datas en que os españois celebramos o Día da Constitución, o discurso de Mandela durante o xuízo que o condenou á cadea resulta providencial:
Teño loitado contra a dominación branca e teño loitado contra a dominación negra. Soñei cun ideal de sociedade democrática na cal todas as persoas vivan xuntas en harmonía e con igualdade de oportunidades. É un ideal que me fai querer vivir para conquerilo, pero, se é necesario, é un ideal polo que estou disposto a morrer. Neste documental podemos coñecer a vida deste grande home:
Hai xa algún tempo, neste mesmo blog, conmovíanos Invictus, a película baseada en El factor humano, de John Carlin. Convidámosvos a ler o libro ou a visualizar a cinta, para coñecer mellor a este home bo por quen todo o planeta chora hoxe.
Grazas ós compañeiros da Biblioteca Escolar Salgado Torres por nos ter achegado a imaxe que encabeza este post, un grafitti tomado nas rúas de París. Tamén a Rosana Rodiles, da Biblioteca Escolar Xoan Farias (C.E.I.P. de Pazos) que nos ten ofrecido a imaxe coa que concluímos.
|
|
|
|
E ti que dis? |
|
|
|
|