Aquí está a crónica do encontro do autor e ilustrador Anxo Fariña cos nenos e nenas do 3º ciclo do noso cole. Eles mesmos relatan así a experiencia: Cun "GRAZAS POR ESTAR CONNOSCO" ben grande que puxemos no taboleiro da nosa biblioteca, o alumnado de Quinto e Sexto de Primaria recibimos o pasado xoves, día 22, a Anxo Fariña, autor e ilustrador do libro "Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa", novela que lemos neste segundo trimestre do curso. Tiñamos todo decorado con palabras como: fantasía, amor, imaxinación, interese, medo, Venecia... , as que a cadaquén nos suxeriu a lectura desta obra. Anxo foinos detallando como artella as historias que conta nas súas obras e máis en concreto nesta nova aventura de Faísca, Ninfa, Ruxe e Lúa. Como tamén é quen ilustra os seus libros, explicounos o proceso que segue e mesmo nos demostrou a facilidade que ten para recrear plasticamente os seus personaxes literarios.
Contestando amablemente as nosas preguntas, desvelounos que algúns destes personaxes creounos baseándose en persoas que el coñece e que aínda son moitas as aventuras que lles quedan por vivir. Ao remate, asinounos os nosos libros e despedímonos del agradecéndolle a súa visita e o tempo que nos dedicou. Podedes visitar a páxina dos Megatoxos e estar á última en todas as novidades desta pandilla. E agora a reportaxe gráfica: