O pé da porta


A pé da porta é un lugar da parroquia de Combarro.Concello de Poio.Pontevedra.Galiza.

O meu perfil
combaraxo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xaime Pacheco

Combarro 1925 Pacheco

O 19 de Novembro falecía en Vigo, Alberto de Sousa Pacheco, fillo de Xaime, e con el a incertiza sobre o futuro do Arquivo fotográfico máis importante do sur da Galiza. A súa exposición e imperativa para comprender a nosa historia, rescatando as imaxes do pasado.

ARQUIVO PACHECO
No ano 1870 chega a Vigo o italiano Felipe Prósperi Cortechi. Unha vez nesta cidade deixará o teatro para establecer unha galería fotográfica.

No ano 1884 trasládase á rúa do Príncipe. Morre en 1899, pasando a dirixir a galería a súa muller, que se asocia en 1907 con Xaime Pacheco. En 1915 pasa a ser propiedade exclusiva de Xaime Pacheco.

Xaime de Sousa Guedes Pacheco, nado nunha aldea da Serra da Estrela, formárase como fotógrafo no estudio do seu irmán en Ourense.
Pacheco foi correspondente de Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, ABC, Blanco y Negro, Cifra, Marca... colaborou, así mesmo, con Vida Gallega e con P.P.K.O. editor de Vigo a través de un siglo (1922) e Vigo 1927, sendo da autoría de Pacheco a maioría das fotografías publicadas nestes dous libros.

Xaime Pacheco encárgase fundamentalmente do traballo de estudio, máis considerado socialmente que o realizado no exterior. Do traballo realizado no exterior encárgase, durante as décadas dos vinte e trinta, o seu sobriño Horacio, que chegara a Vigo aos quince anos. Fotografa desde as diversas rúas e edificios modernistas da cidade ata a vida política nos tempos da República e da Guerra Civil. Coa súa cámara vai ás Illas Cies ou sobe ao avión "Marabú" que o marqués de Quintanar trouxera a Vigo para fotografar Vigo desde o aire. Despois da Guerra Civil realiza gran parte da fotografía tomada fóra da galería Xaime Pacheco, fillo, quen durante a súa estancia na guerra fixera diversas reportaxes como membro do gabinete fotográfico de "El Cuerpo del Ejército de Galicia".

O traballo do estudo Pacheco non só se limita a cidade de Vigo, senón que tamén realizan reportaxes fóra da cidade como o realizado na romaría da Virxe da Franqueira. Amoedo aínda recorda hoxe que para algúns desprazamentos tiñan que saír a véspera, como aquela voda que foron fotografar ás Neves cando había un metro de neve.

No ano ano 1954, aos setenta e seis anos de idade, morre Xaime Pacheco quedando á fronte do estudio os seus fillos Alberto e Xaime, que morrerá no ano 1981.

Os fondos do arquivo Pacheco son amplísimos tanto no que se refire a traballo de estudio como a traballo de reportaxe. Dentro do conxunto dos retratos de estudio están personalidades como Castelao ou Maside; Xosé Moure (P.P.K.O.). É imposibel atopar unha familia, non recén chegada á cidade, que non teña na súa casa fotografías de Pacheco.

Forman parte del non só os acontecementos excepcionais, senón tamén imaxes pertenecentes á vida cotiá. Aparece reflectido tanto o traballo industrial de principios de século como o desenvolvemento dos anos sesenta. Son innumerábeis as placas dedicadas ao Berbés e ao mundo da pesca en xeral.

Contén, así mesmo, toda a vida política das diferentes etapas, merecendo especial interese as reportaxes, xa citadas, da República e da Guerra Civil; a vida social da cidade queda reflectida a través das diferentes modas e costumes, podemos ver o baile de "Las Cabañas" ou as mises das distintas sociedades viguesas. Dunha forma especial poderiamos citar o mundo deportivo, estando rexistradas tanto escenas dos deportes que en cada época se practicaron, como retratos en estudio dos deportistas. Así podemos ver os equipos de fútbol Fortuna (fundado en 1907 con campo en Bouzas) e Vigo (con campo en Coia) que se fusionan no ano 1923 para constituír o Celta.

Algunhas das fotografías móstrannos lugares que deixaron de existir hai tempo, facéndonos reflexionar sobre a súa perda. En definitiva, podemos decir que o arquivo Pacheco contén un século da historia da cidade de Vigo.


Manuel Sendón
Xosé Luis Suárez Canal
Comentarios (0) - Categoría: Persoeiros - Publicado o 09-12-2012 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

clocks for websitecontadores web

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0